Coidados colectivos

A revolución dos coidados


Por que é importante coidar?

Para manter unha sociedade de benestar, xusta e igualitaria, é necesaria a contribución responsable tanto individual como colectiva. Os proxectos que engloba este bloque pretenden que o noso alumnado reflexione sobre a resposta á pregunta "por que é importante coidar?".

O proxecto "Non máis pintadas nas paredes" foi un xeito de reflexionar sobre a importancia que ten o coidado do noso entorno, que non percibimos como propio, senón como colectivo, e que ás veces, precisamente por iso, descoidamos. Nas materias de Fundamentos da Arte e Debuxo Artístico, con Marta e Belén, pintáronse tres murais e un banco do patio (para este último, partiuse da acción #todosconfalda #eutamenlevosaia).

O proxecto "Mulleres coidadoras" abordouse desde diversas materias e en distintos niveis: Xeografía e Historia e máis Fundamentos da Arte de 1º Bach, Ámbito sociolingüístico e Valores de 4º ESO, Lingua Castelá e Literatura, Igualdade de Xénero de 2º ESO e Valores Éticos de 1º e 2º ESO. Partindo dun guion previo, o noso alumnado elaborou e levou a cabo entrevistas a varias mulleres que foron ou son importantes para sustentar a rede de coidados no seu entorno.

O obxectivo era ver como, ao longo dunha vida, os coidados teñen un papel fundamental, tanto os que recibimos cando nacemos e crecemos e inda non temos autonomía, coma os que precisamos cando nos facemos maiores ou nalgunha etapa da vida en concreto (nunha enfermidade, por exemplo).

As premisas das que se parte para a creación das entrevistas grabadas en vídeo é usar planos curtos e recoller imaxes das mans das mulleres coidadoras.

O proceso para levar a cabo esta tarefa constou de tres fases:

O Club de Diversidade nace a partir dunha demanda que xorde do propio alumnado reclamando un punto de encontro no que reflexionar, compartir información ou debater sobre cuestións relacionadas co machismo, a homofobia, a diversidade sexual, o racismo e a diversidade racial, a exclusión por personalidade e/ou identidade. Buscan un espazo e un tempo no que comentar noticias, falar de activistas, aprender a contrastar información, recomendar libros, series e películas. Pero, sobre todo, ansían falar do que pasa ao noso redor, no noso instituto. Baixo estas premisas de coidarnos entre nós e a nós mesmxs comeza a andar o Club de Diversidade a partir do mes de xaneiro, con xuntanzas que tiveron lugar todos os recreos dos xoves e para as que crearon unha serie de normas. Todas estas experiencias quedaron recollidas na AV do Club de Diversidade.

Nas primeiras xuntanzas falamos do aborto, de roles e estereotipos, imaxes que non nos representan, das trampas do amor romántico. Tamén levamos a cabo a preparación do 8 de marzo, para a que pedimos a colaboración de todo o instituto, colgando tendais en todas as aulas e escribindo en todos os encerados o lema: "Sen coidados non hai vida". O resultado desta acción quedou recollido nun vídeo montado polo alumnado de 1º Bach de Artes. Nese momento valoramos abrir unha canle de comunicación a través de Instagram: #clubdediversidadeiesvaladares.

Seguimos falando: da menstruación, do edadismo... e preparamos unha nova actuación no instituto: a conmemoración do Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia, que ten lugar o 17 de maio. Para tal fin confeccionamos carteis, murais e corazóns que serviron para manifestarnos a favor da liberdade de amar. O 17 de maio penduramos o mural e os corazóns e pegamos carteis que aínda perviven nas paredes do noso IES. En maio tamén recibimos a visita de Priscila Retamazo, que nos contou a súa experiencia noutro grupo semellante ao noso, pero con máis anos de vida, o Comando Igualdade do Coia 2.

O Club de Diversidade levou a cabo tamén un obradoiro de chapas co logo creado polo alumnado que forma parte do club.

Pechamos as xuntanzas do Club cunha representación teatral da obra Identidade de Nee Barros Fernández.