A fisonomía dos coidados

As caras do coidado


Quen se ocupa de coidar ao resto?

O obxectivo deste bloque de proxectos é responder a esta pregunta. Este enfoque permitiunos traballar co noso alumnado sobre as diferencias entre o traballo produtivo (centrándonos nos coidados “pagados” que ofrecen as persoas profesionais da saúde e da docencia, así como os servizos asistenciais) e o traballo reprodutivo (que non cotiza, non se “paga” e, daquela, semella invisible, pero que é imprescindible para soster a nosa sociedade e que recae fundamentalmente sobre as mulleres).

Comezamos na materia de Igualdade de Xénero cun obradoiro virtual e interactivo entre todo o alumnado da materia (2º ESO) que nos axudou a pensar na carga mental dos coidados, no que implican e supoñen os coidados “non pagados”. Este obradoiro foi impartido por Priscila - ao longo de dúas sesións, que se celebraron os días 2 e 16 de novembro e tivo como obxectivo principal a reflexión sobre a variedade inxente de traballos imprescindibles para que a vida funcione a diario e a posta en valor destes labores. Tamén serviu para que o noso alumnado se familiarice con termos como corresponsabilidade, carga mental ou división sexual do traballo.

Finalizamos este proxecto cunha enquisa sobre responsabilidades familiares que tivo como obxectivo reflexionar sobre a importancia destas tarefas e sobre quen recaen habitualmente.

Incorporamos aos fondos da nosa biblioteca o cómic "La carga mental. Sí a la vida en común, no a los lugares comunes", de Emma Clit, publicado por Ed. Lumen.



En Xeografía e Historia (1º ESO) preguntámonos se a diferencia entre persoas coidadoras e non coidadoras existe desde sempre. A creación de Diarios da Prehistoria axudounos a discernir se esta diferencia existe dende sempre ou se é froito dunha convención social. Para levar a cabo este proxecto partiuse dunha presentación sobre o concepto dos coidados e a nosa visión do pasado prehistórico, moi condicionada polas asociacións de roles de xénero que vivimos na actualidade e polas poucas probas que temos para afirmar que na Prehistoria tanto os roles masculino e feminino como a familia e a organización interna social fosen coma as de agora. Para a creación dos diarios, preparouse unha tarefa multinivelada que atendese ás características particulares de cada alumna ou alumno. Así, fixeron Diarios de Prehistoria a nivel de Aprendiz, a nivel Novel ou a nivel de Expertas ou Expertos. Avaliouse o resultado mediante unha rúbrica.


En Fundamentos da Arte (1º BACH) levamos ao alumnado a reflexionar sobre o poder das imaxes para construír as conviccións e crenzas dunha sociedade. Contamos coa presenza de Sabela Fraga, que nos ofreceu un obradoiro téorico titulado "O poder das imaxes: novas olladas a través da arte e o feminismo".

Este foi seguido por outro obradoiro práctico de creación de collages que lle permitiu ao alumnado de Artes facer unha análise crítica e cargada de humor sobre os roles das mullleres.

Esta actividade serviu de base para reflexionarmos sobre o escaso coidado que se lles prestou ás mulleres na historia da arte. Foron as modelos, as musas, protagonistas en ocasións dalgúns dos cadros máis importantes... Sen embargo, en cada etapa da historia hai un bo número de mulleres artistas que acadaron fama e recoñecemento público, aínda que o seu nome acabou sendo silenciado.