A modalidade semipresencial vai dirixida a un perfil de alumnado que, por razóns laborais ou persoais, non pode asistir a clase coa regularidade que o ensino presencial require e precisa máis flexibilidade para distribuir o seu tempo de dedicación ao estudo da lingua.
Esta modalidade combina a partes iguais as vantaxes da docencia tradicional na aula presencial coas vantaxes da docencia telemática a través dunha plataforma de aprendizaxe virtual, estando ambas as dúas entrelazadas:
A parte virtual do curso desenvólvese no espazo Moodle do centro, onde ademais de dispoñer de materiais para practicar a comprensión de textos orais e escritos e os contidos léxicos-gramaticais, realízanse tamén actividades de expresión, interacción e mediación escrita e oral. A docencia virtual é asincrónica, é dicir, non simultánea, polo que é o propio alumnado quen decide cando traballa na plataforma.
A parte presencial consiste nunha sesión semanal de dúas horas cun horario fixo, impartida na EOI de Santiago de Compostela, que se dedica principalmente á práctica da expresión, interacción e mediación oral, así coma ao reforzo do resto das destrezas ou actividades de lingua.
Ten en conta que na parte virtual, terás que interactuar en foros e realizar tarefas colaborativas co resto dos teus compañeiros/as. Ademais, terás que realizar tarefas de maneira individual, de igual xeito que se vén facendo nos cursos presenciais tradicionais.
Para conseguir os obxectivos do curso, espérase que participes activamente tanto nas sesións presenciais coma na plataforma virtual. Os obxectivos, contidos, criterios e instrumentos de avaliación son exactamente os mesmos que se contemplan para os cursos presenciais do mesmo nivel, obténdose por tanto a mesma certificación tras a superación da proba correspondente.
A atención titorial, resolución de dúbidas e comunicación co teu profesor/a realizarase de xeito presencial ou a través da mensaxería interna da propia plataforma. Poderás rexistrarte e acceder a esta cun contrasinal que che facilitará o teu profesor/a por correo electrónico.
👈🏽Para máis información, consulta as páxinas no menú da esquerda.