Como abordar esta nova modalidade?
Se te decantas por un curso semipresencial, estas son as nosas recomendacións para que poidas abordalo con éxito:
Unha das vantaxes desta modalidade é que che dá unha maior flexibilidade para que organices o teu traballo en función das túas circunstancias laborais e persoais. Ten en conta tamén que esta liberdade require pola túa parte un maior compromiso e capacidade de traballar de maneira autónoma.
Na modalidade semipresencial es ti o/a responsable de organizar o tempo que lle dedicas ao estudo da lingua estranxeira. Traballa de maneira regular, establecendo un horario de traballo semanal. Cada estudante precisa dun tempo diferente para acadar os obxectivos do curso, pero conta con que lle debes dedicar entre 4 e 6 horas semanais, a maiores da clase presencial.
Respectar os prazos de entrega é beneficioso para todos, pois axuda a manter ese traballo constante e facilita o desenvolvemento fluído do curso.
O feito de traballar dende a túa casa non quere dicir que esteas illado/a. Na aula virtual terás moitas oportunidades que deberás aproveitar para interactuar cos teus compañeiros/as a través dos foros e outras tarefas colaborativas. Do mesmo xeito, asiste todo o que poidas ás clases presenciais, que che aportarán esa práctica de interacción oral tan necesaria para mellorar a túa competencia lingüística. Ambas as partes, a virtual e a presencial, están entrelazadas e a túa participación activa en ambas as dúas é fundamental para aproveitar o curso de maneira satisfactoria.
Recibirás comunicacións do teu profesor/a e compañeiros/as a través do servizo de mensaxería interna da plataforma e o correo electrónico. Comproba as mensaxes varias veces á semana para estar ben informado/a en todo momento.
Na plataforma de aprendizaxe virtual tes guías e titoriais que te axudarán a manexáreste por ela. Ademais, o profesor/a está á túa disposición para guiarte con calquera aspecto técnico e no propio proceso de aprendizaxe. Se tes calquera dúbida ou dificultade, ou se precisas calquera aclaración, ponte en contacto con el/a a través dos foros de preguntas do teu curso, a mensaxería interna da aula virtual ou o correo electrónico.