Son múltiples as actividades artesanais que se poden levar a cabo coas mans. Hai unha tradición milenaria de artesáns de todo tipo: telleiros, alfareiros, zoqueiros, palilleiras, sopradores de vidro, peleteiros... e un sinfín delas máis que non acabariamos de citar.
Dende o curso de 2º de ESO queremos achegarnos a este mundo da man dos artesáns da música que hoxe en día seguen a fabricar instrumentos coa súas propias mans nun momento onde os avances tecnolóxicos parecen arrasalo todo. É así que imos adentrarnos no universo dos lutieres ou artesáns da música. Queremos que coñezades un pouco cal e como é o seu traballo.
Con toda a humildade pretendemos poñer en valor a actividade destes artistas, pois contribúen a manter unha tradición tan especial como necesaria.
LUTIER
Segundo o dicionario da RAE, etimoloxicamente, un lutier é unha persoa que fai ou arranxa instrumentos musicais de corda, aínda que, por extensión, fai referencia a aquela persoa que fai ou arranxa calquera instrumento musical.
Esta antiga profesión é unha nobre actividade artesanal que fabrica instrumentos exclusivos cunha sonoridade única. A súa elaboración é manual, isto garante un instrumento elaborado con excelente precisión e cun son diferenciado. A lutería é unha ciencia que posúe unha gran amplitude, xa que abarca unha gran variedade de disciplinas.