A entrevista
Mestra de profesión e palilleira de vocación visitounos na escola Dori. Aquí podedes atopar as preguntas que lle fixeron as alumnas e os alumnos da clase de 6º de Primaria:
ALUMNADO: Por que decidiches comezar a facer encaixe de Camariñas e cantos anos tiñas?
DORI: Porque probei cun grupo de amigas, gustoume e continúo coa mesma profesora na Asociación á que pertenzo na actualidade. Tiña sobre 30 anos cando empecei.
ALUMNADO: Recordas cal foi a primeira peza que fixeches?
DORI: Por suposto, e lévoa comigo, é un trociño de tea cadrado adornado con encaixe.
ALUMNADO: Prefires facer manteis, roupa..? Acudes a facer as pezas a algunha asociación ou lle adicas tempo na casa?
DORI: Fago de todo: dende árbores de Nadal, adornos, figuras do Belén, xoias, roupa, manteis ata prendas para bebés. Pero todo para min, non fago ningunha encarga. Acudo á Asociación de palilleiras do Baixo Miño unha vez á semana, os mércores, e tamén palillo na casa polas noites mentres vexo a tele. En verán descanso.
ALUMNADO: Canto custan os materiais necesarios para elaborar unha peza e onde os mercas?
DORI: Hai bobinas de moitos prezos, dependendo do tipo de fío. Entre 10 ou 15€ xa podes mercar algunha; e se compras algún pack, tipo para facer un chal, custa ao redor de 70€ só o material. Mércanse en mercerías especializadas en encaixe ou nas palilladas.
ALUMNADO: Que tipo de palillos existen e cales empregas ti?
DORI: Existen numerosos tipos dependendo da súa procedencia: ingleses, portugueses, cataláns, galegos... pero eu prefiro os galegos. Incluso teño uns que trouxen de Almagro tallados a man por pastores de ovellas. Todos eles están feitos con madeira de buxo.
ALUMNADO: Cal foi a peza que máis tardaches en facer e canto tempo te levou?
DORI: Unha mantelería completa con 24 panos de mesa, arredor duns 3 anos.
ALUMNADO: Que pasos hai que seguir na elaboración do encaixe de Camariñas?
DORI: Elixir a peza que queres facer, enroscar os fíos nos palillos, picar o padrón ou modelo e comezar a palillar, sempre cun par de palillos en cada man e marcando cos alfinetes para seguir o debuxo.
ALUMNADO: Cales son os erros máis comúns ou que é o máis difícil?
DORI: O que soe ocurrir é que te despistes falando e te perdas, e polo tanto teñas que desfacer parte da tarefa xa realizada.
ALUMNADO: Algunha vez acudiches á Mostra do Encaixe de Camariñas?
DORI: Sí, fun varias veces pero antes do 2020. Pasábamolo moi ben palillando tantísima xente xunta. É moi interesante xa que vén xente de todo o mundo, hai desfiles e deseñadores recoñecidos. Aínda que nos últimos tempos xa non só se trata dunha Mostra de encaixe senón que tamén hai postos con queixos, chourizos, etc. e as compañeiras da Asociación tamén deixaron de acudir.
ALUMNADO: Cres que esta práctica ten futuro?
DORI: Pois dende a Asociación estamos intentando volver a ser tantas como antes cando comezamos, case 200 palilleiras, pero o certo é que case todas son mulleres maiores e pouco a pouco imos sendo menos.