Maoríes

Nova Zelandia

Migracións Maoríes

Esculturas en madeira chamadas Tikis

Roupa tradicional

Haka: Danza Tradicional

Pobo Maorí

Wahaika: arma tradicional

Maories.mp4

Alumnos/as 4º nivel interpretando Haka

Os maoríes ou maorís son unha etnia polinésica que chegou ás illas de Nova Zelandia, no océano Pacífico sur, posiblemente de illas máis ao norte como Rarotonga ou Tongatapu. A palabra maorí significa ‘común’, ‘normal’, na lingua maorí.

Nova Zelandia, un dos extremos da gran área polinesia, estaba habitada antes da chegada dos europeos por pobos maoríes que, segundo a tradición, estabelecéronse alí en sucesivas migracións iniciadas cara ao século X procedentes da Polinesia oriental (illas Cook ou mesmo Hawai).

Estes pobos tiveron que adaptar a súa economía e a súa organización social ás novas condicións ambientais e, illados do resto do mundo, crearon unha cultura orixinal.

Segundo a mitoloxía maorí, os devanceiros dos maoríes serían orixinarios dunha mítica terra chamada Hawaiki, que estaría situada ao oeste. Sería o lugar de partida desde onde migraron os polinesios cara as diferentes illas. Segundo as súas lendas, os maoríes migraron desde Hawaiki a Aotearoa con sete barcas que fundaron as sete tribos orixinarias. Igualmente dise que as almas dos mortos saen desde o cabo Renga, situado ao extremo noroeste da illa do Norte, cara a Hawaiki.

Cultura

O idioma maorí foi levado a Nova Zelandia por polinesios que se presume vivían na área de Tahití, os cales probablemente chegaron en canoas dobres.

Cara a 2004, o uso de moitos dos dialectos menores diminuíra case ata a extinción, os estudantes máis novos e os falantes tradicionais utilizaban os estándares oficiais ou o maorí de televisión.

A escultura, a súa manifestación máis representativa, comprende tres tipos de obras: estatuas de vulto redondo, frisos ornamentais, e proas e popas de piraguas talladas. Os temas preferidos son a figura humana estilizada e os motivos xeométricos. É rara a representación de animais. Case toda a escultura ten valor funcional e decorativo, salvo algunhas imaxes de significado relixioso, como a de Marakihau.

Hai figuras masculinas, con rostros e corpo cuberto de debuxos a modo de tatuaxes e a cabeza adornada con cabelo natural, semellantes en moitos aspectos ás achadas en Tonga, Cook e Hawai. Quizais son as únicas imaxes obxecto de culto.

A arte maorí ten gran habilidade técnica. A decoración de motivos curvos e en espiral, xunto coa figura humana, aparece nas partes talladas das piraguas e nas tatuaxes faciais ou mokos.

Entre os mellores exemplos da arte maorí débese lembrar os ornamentos pectorais de jade, as mazas de guerra, feitas de madeira ou de óso, e os grandes estoxos de madeira.


Tradicións e Sociedade

Eran un pobo de guerreiros con relixións animistas e chamánicas que practicaban o canibalismo. Despois da chegada dos europeos, viron como se reducía o seu territorio ata quedar concentrados en reservas como as de Che Ika, en Maui (illa do norte). Fóronse convertendo en campesiños e gandeiros, que viven como os europeos en pequenas factorías madeireiras, con tendencia a desenvolver unha economía de carácter individual, ao contrario do sistema comunitario doutro tempo.

A organización social maorí era aristocrática. A poboación dividíase en grandes tribos independentes entre si, cuxos antepasados respectivos eran os míticos navegantes da gran migración oceánica.

Despois dunha primeira etapa como cazadores de moas, ata que acabaron cos recursos e a poboación das illas fíxose demasiado grande para unha sociedade cazadora recolectora, evolucionaron a formar unha sociedade agrícola con distintos poboados fortificados independentes entre si.

O nacemento e o matrimonio tiñan grande importancia entre os maoríes. Ao recentemente nado considerábaselle impuro, pois estaba posuído polo tapu da nai, e só o tohunga podía liberalo, volvelo noa, cunha cerimonia na que ás veces se lle impoñía ao mesmo tempo o nome. Para casar, os maoríes non facían tanta cerimonia como para os motivos ou celebracións máis simples, desde o momento no que unha muller quedaba a durmir unha noite co home do seu gusto, a unión quedaba formalizada ante a tribo. Non ocorría o mesmo se era o home o que ía a casa da muller.

Os maoríes eran guerreiros en constante alerta, pois nas aldeas o estado de guerra non se interrompía practicamente e o factor sorpresa desempeñaba un papel importante na vitoria. Cando unha expedición ía ao combate, o tohunga debía facer os seus presaxios: plantaba no chan tantos paus como eran os xefes e os mellores guerreiros, e, polo número dos abatidos pola brisa nocturna, predicíase a sorte da expedición. Outra cerimonia previa ao combate era o rapado da cabeza. En canto ao armamento, este non podía ser máis simple, pero ao mesmo tempo perfecto na súa funcionalidade mortífera. O instrumento de loita máis común era unha especie de maza curta en forma de espátula, cos bordos e a punta moi afiados. A máis apreciada era de jade verde e chamábase meré, había outros tipos: de basalto ( patu onewa), de óso de balea ( patu paraoa) e de madeira ( tumera). Outra arma moi usada era o taiaha, ou hani, unha especie de venablo fabricado con madeira dura e tendo preto dun metro e medio de lonxitude total.

O moko é a tatuaxe facial tradicional co cal o maorí se distinguía e marcaba o clan ao que pertencía. O guerreiro utilizaba o moko para contar a súa propia historia: Cada signo indica un logro distinto na súa historia persoal propia. A muller portaba o signo tradicional sobre o mentón para indicar que estaba ligada a un guerreiro.

Literatura maorí

A maior parte da rica tradición oral do pobo maorí recollérona os eruditos europeos a finais do século XIX, conscientes de que este pobo estaba abocado á desaparición como resultado das guerras e enfermidades traídas do exterior. Algunhas das lendas máis importantes foron escritas entón.

Música

O haka, son berros e golpes rítmicos. Esta danza execútase en cerimonias de recepción a visitantes estranxeiros. Deben intimidar ao adversario e infunden valor ao guerreiro maorí. Hoxe en día, a música maorí é principalmente vocal. Á parte de cantos de guerra tamén se cantan historias de amor e nanas. Os instrumentos están construídos con madeira, óso, pedra, cunchas ou caparazóns de animais. Son principalmente de vento e de percusión. Na actualidade adoptáronse varios instrumentos modernos, como son a guitarra e o ukelele. Estes instrumentos proveñen da natureza e non requiriron moita transformación por parte do ser humano.

Fonte: Wikipedia et al.