Australia

Uluru (Ayers Rock)

Didgeridoo

Pictografías aborixes en Wunnumurra Gorge

Bush tucker

Os aborixes australianos son, xunto cos insulares do estreito de Torres, os descendentes dos primeiros habitantes do país australiano e as súas illas.

O adxectivo "aborixe" significa "desde a orixe" ( ab-orixine), derivado do latín. Foi usado en Australia para describir aos seus poboadores indíxenas xa desde o ano 1789.

Linguas

Existen máis de 400 pobos aborixes australianos, cada un con trazos culturais e unha localización xeográfica. Identifícanse polo nome da súa lingua indíxena ou pola palabra coa que eles se autodenominan.

Actualmente só permanecen 20 linguas aborixes (e algunhas en grave perigo de extinción). Pero no pasado existiron máis de 250.

Case todas están emparentadas e clasifícanas en dúas grandes familias, as que se falan só no norte do país e as da maior parte de Australia. Algunhas considéranse linguas illadas, como é o caso da tiwi falada na illa do mesmo nome, no Territorio do Norte.

Cultura

A cultura aborixe desenvolveuse de maneira autosuficiente, dando lugar a unha gran variedade de linguas e culturas con trazos comúns, e é a cultura viva máis antiga do planeta. Os aborixes levaban unha vida de cazadores- recolectores, e vivían en grupos semi nómades que percorrían amplos territorios cazando con lanzas e bumerans, pescando en canoas e colleitando froitos e plantas. Ao non ter lingua escrita, transmitían o seu coñecemento por medio de relatos e cancións.

O Tempo do Soño

O Tempo do Soño ( Tjukurpa) é un conxunto de lendas aborixes que explican a súa orixe, as súas relacións coa súa contorna natural e o seu futuro. Esta tradición relixiosa constitúe o núcleo da cultura aborixe e sérvelles de guía na súa vida cotiá. O seu lugar sacro é a formación rochosa chamada Uluru (tamén coñecida como Ayers Rock), clasificada pola UNESCO desde 1989 como Sitio Natural Patrimonio da Humanidade, e desde 1994 como Sitio Cultural.

Música

O máis coñecido dos instrumentos musicais aborixes é o didgeridoo, ou yidaki, tocado tradicionalmente polos homes da Terra de Arnhem e da rexión de Kimberley, no norte de Australia. Este instrumento coñécese no mundo enteiro, e goza dunha crecente popularidade entre músicos tanto de música tradicional como de rock, pop e jazz.


Pintura

A pintura aborixe é unha arte de tradición milenaria. Os motivos representados adoitan relatar as lendas do "Tempo do Soño". Realízase maioritariamente sobre rochas, cortizas e teas. Con excepción das pinturas rupestres, tratábase tradicionalmente dunha arte efémera: debuxos no chan e pinturas corporais.

A arte rupestre atópase en lugares distribuídos ao longo de Australia, aparece en covas na rexión de Kimberley (Australia Occidental) onde a poboación aborixe da rexión coñéceas como Gwion Gwion.

Outros sitios con pinturas rupestres son Ubirr no Parque nacional Kakadu, Uluru e Carnarvon Gorge.

A arte rupestre aborixe existe dende hai moito tempo, e estímase que os exemplos máis antigos, situados na rexión de Pilbara en Australia Occidental e o distrito de Olary en Australia do Sur, teñen unha idade duns 40.000 anos. Descubríronse exemplos dos que se cre que podían representar megafauna extinta, como Genyornis, así como acontecementos históricos máis recentes, como a chegada dos barcos europeos.

Cociña aborixe

O bush tucker designa o conxunto das especies animais e vexetais australianas que permiten ao home sobrevivir na natureza, e o seu coñecemento é parte integral da cultura aborixe. Os alimentos poden ser asados sobre brasas, ou envoltos en cortizas para ser cocidos en fornos escavados no chan.

Fonte: Wikipedia et al.