1.
Cal é a contribución positiva dos xestos antivirus na loita contra o coronavirus?
-A estratexia proposta tenta pechar una fenda nas nosas barreiras contra o virus, como é o uso case exclusivo da voz nas relacións entre persoas. Aprender a usar estes xestos dotaríanos dun xeito de bloquear ese camiño dos virus.
2.
Por qué non se propón o uso de xestos propios da lingua de signos da comunidade xorda de cada país?
-Non se trata de aprender unha lingua de signos, senón dun conxunto de xestos. Estes xestos son internacionais, o cal favorece o seu uso polas persoas ouvintes en situacións de comunicación internacional con persoas ouvintes doutros países. Favorecerían tamén a atención sanitaria a inmigrantes, viaxeiros, turistas ou persoas desprazadas dos seus países.
3.
Se non se trata dunha língua de signos, como se pode garantizar unha comunicación eficaz entre médico e paciente?
-Os xestos antivirus permiten que o paciente evite decir moitas palabras coa voz. Os sanitarios poderán facer preguntas falando, e o paciente pode aclarar os conceptos respondendo con xestos de afirmación ou negación. E os pacientes sempre poden falar se ven que algunha idea non queda clara nesa interacción.
4.
Todas as medidas de protección son fundamentais para defendernos neste momento e evitar a propagación desta pandemia. E non son exclusivos, é dicir, se levas unha máscara, non impede lavarse as mans, por exemplo.
- Nestas datas de confinamento, aprendendo estes xestos desde casa estaraste dotando dun armamento para esta loita que podes levar sempre contigo, xa que non pesa nin ocupa espazo. E non impide que utilices calquera outra recurso do que dispoñas.
5.
Ás veces o problema ao acceder aos recursos e medios de protección contra o virus é o seu prezo, ou que son limitados, ou que non se poden reutilizar
- O único custo das mascariñas virtuais de xestos antivirus é o tempo que pode levar aprendelas, mais tempo hai abondo nestas datas. Pode haber tantas como persoas se decidan a aprendelas, e son reutilizables sen límite.
6.
Non é utópico pensar que as persoas van modificar os seus hábitos ata o punto de comunicarse coas mans?
- Xa aceptamos novos hábitos como isolarnos, lavar as mans ou aplaudir dende os balcóns. Esta proposta pode contribuir a que a curva de infectados baixe máis rápido, e evitar tamén que vindeiras epidemias respiratorias medren tan rapidamente como o fixo esta.
7.
Merecerá a pena solicitar da xente que fagan o esforzo de aprender estes xestos, habendo medidas de protección física e química moito máis efectivas?
- O efecto que poida ter na contención da epidemia, non por cativo debería ser desprezable. E esta mascariña virtual, aparte de ser adicional a calquera outro medio de protección, ten as vantaxes de seren reutilizable sen limite, podela levar sempre connosco, non contaminar o ambiente, e estar ao noso dispor no futuro.
8.
O persoal sanitario é o activo principal nesta loita social contra a epidemia. Eles están especialmente expostos cando atenden a persoas infectadas (ainda que non teñan síntomas).
- Aprender os xestos antivirus e usalos cando o vexamos necesario pode contribuir a limitar a exposición de médicos, profesionais sanitarios e persoal asistencial aos virus que poden saír da boca acompañando a nosa voz cando falamos con eles.
9.
O persoal sanitario debería sentir o apoio da sociedade, non só polos aplausos dende os balcóns, senón mediante accións positivas da cidadanía para facilitar o seu traballo, e sen ser discriminados por medo a infectarnos no trato con eles.
- Os aplausos que lles adicamos son ben merecidos, mais seguro que tamén agradecerían a nosa disposición a invertir parte do noso tempo en adquirir un escudo virtual adicional, como son os xestos antivirus, co cal contribuir á súa protección cando sexa necesario visitalos.
10.
Que sentido ten aprender estes xestos antivirus antes de que médicos e enfermeiros os coñezan tamén?
-O persoal sanitario está actualmente centrado na loita contra a epidemia. Se as persoas aprendemos os xestos desde as nosas casas nesta etapa de confinamento, os médicos terán unha motivación para aprendelos tamén para mellorar a súa seguridade. Por iso é moi importante que cada un de nós difunda esta idea e trate de convencer a outras persoas para que tamén os aprendan.
11.
Calquera tipo de actividade é moi necesaria para manter a forma tanto física coma mental durante a fase de confinamento. Algunhas persoas xa están a facer mascariñas caseiras nas súas casas.
- Podémonos facer tamén cunha "mascariña virtual" para reducir a exposición dos médicos cando imos á consulta, dos enfermeiros cando nos visitan a domicilio, ou do persoal de atención ao público en xeral cando interaccionamos con eles.
12.
As propostas de actividades para facer na casa, aparte de reducir a depresión e a sensación de aillamento, deberían contribuir a que as persoas sintan que están a facer algo positivo para a súa vida.
- Ao se trataren de xestos internacionais, poden servir tamén para desfrutar de poemas doutros países nas línguas orixinais, iniciarse nunha língua estranxeira, e moitas outras posibilidades que teñen sido exploradas durante 20 anos entre escolas de diferentes países.
13.
Pode que teñamos que repensar algúns dos nosos hábitos no futuro. Tanto no funcionamento da sociedade como no comportamento individual e nas nosas relacións teremos que engadir elementos que nos protexan contra futuras epidemias.
- Un dos nosos hábitos é usar case exclusivamente a voz nas relacións interpersoais. Isto fai que o oínte estea exposto a virus que poden saír pola boca xunto co aire dos pulmóns emitidos polo falante. Aprender a usar os xestos antivirus reduciría esta vantaxe que ten o virus.
14.
Os millóns de máscaras e luvas que se van empregar na loita contra o coronavirus poden causar un grave problema de contaminación ambiental ao eliminalas unha vez usadas.
-Cada un dos xestos antivirus que aprendas será unha munición adicional para esta loita contra a epidemia. E cando xa non o necesites, non suporá o menor risco para o medio ambiente.
15.
O importante é conseguir medios de protección eficaces e a baixo custo. As mascariñas filtrantes FFP son aconsellables para o persoal sanitario, mais teñen un custo elevado. As mascariñas quirúrxicas custan ao redor de 1 euro cada unha e poden ser usadas durante un día. Hai moitas persoas que fan mascariñas hixiénicas nas suas casas.
-Para que cada persoa da Galiza dispuxera dunha mascariña quirúrxica diaria, a un custo de 10 céntimos de euro, faría falla unha inversión anual de 100 millóns de euros. O uso de xestos antivirus para limitar a propagación da epidemia por persoas asintomáticas ou que non tusan podería reducir este orzamento nunha cantidade significativa.
Este home non está a toser, senón a falar como facemos cada un de nós cada día, A mascariña virtual, neste caso, tería o mesmo efecto que a máscara real da segunda parte do video, xa que usando xestos non emitiría ningún aerosol pola boca.
Petición online para que a OMS contemple esta posibilidade.