Lenda de Hércules
De todas as lendas en torno á Torre esta é a que tivo unha maior influencia, de feito hoxe todos coñecemos este lendario faro como Torre de Hércules aínda que nas súas orixes este monumento non tivo ningunha relación co personaxe clásico.
O autor desta lenda foi o rei Afonso X o Sabio (1252-1284) quen na súa Estoria de Espanna conta como o heroe Hércules construíu un enorme faro para conmemorar a súa vitoria sobre o xigante Xerión.
Retomando a tradición isidoriana, Afonso X vinculou a figura de Hércules a España e máis concretamente coa cidade da Coruña. Segundo a lenda, o heroe grego veu na busca do xigante Xerión que reinaba sobre as terras comprendidas entre o Douro e o Texo, co fin de liberar o pobo do seu poder desmedido. O enfrontamento entre ambos os dous durou tres días coas súas correspondentes noites, ao cabo das cales Hércules venceu o xigante, cortoulle a súa cabeza e enterrouna xunto ao mar. Para conmemorar a súa vitoria construíu sobre o túmulo, unha torre-faro e nas proximidades deste fundou unha cidade á que lle deu o nome de Crunia, como recordo da primeira muller que habitou este lugar e da cal o heroe se namorou.
F. Leiro, Porta da Torre de Hércules
X. Cid, Breogán
Lenda de Breogán
A primeira ten as súas orixes no Leabhar Ghabala ou Libro das invasións, recompilación realizada no século XII de lendas irlandesas anteriores. Segundo esta fonte, Breogán, fillo de Brath, foi o caudillo celta que someteu as tribos de España. Tras conquistar todo o territorio, fundou a cidade de Brigantia (A Coruña) e construíu xunto a ela unha torre, que denominou Torre de Breogán. Á súa morte, sucedeuno o seu fillo Ith, quen ao ver desde o alto da Torre as terras de Irlanda, partiu para conquistalas, pero a empresa fracasou, el morreu e o seu corpo foi traído a Brigantia onde foi enterrado. Sucedeuno o seu fillo Mil, quen intentou de novo a conquista de Irlanda e esta vez conseguiu vencer os Thuatha-Dé-Dannan e dominar todo o país.
Idade Antiga
O faro foi construído con toda probabilidade na segunda metade do século I ou nos primeiros anos do século II d. C. polo Imperio romano no finis terrae do mundo coñecido, é dicir, no noroeste de Hispania, na entrada do gran Golfo Ártabro que comprende as rías do Burgo, Ares e Ferrol (A Coruña. España), para acompañar os barcos que bordeaban o extremo máis occidental do Imperio. O lugar elixido para a súa situación foi unha lomba rochosa, denominada Punta Eiras, de case 57 metros de altura, que está entre Punta Herminia e Punta do Orzán, dominando o extremo setentrional da península na que se asenta a propia cidade da Coruña.
Idade Media
Durante a Idade Media o faro sufriu unha época de abandono e ruína. A caída do Imperio romano e das súas redes comerciais supuxo a decadencia das redes marítimas. Neste momento os restos do faro constituían unha torre de vixilancia cun carácter militar e defensivo.
Idade Moderna
Foi no século XVI cando empezaron a darse os primeiros pasos cara a recuperación do monumento que posibilitará que os restos do faro romano, unha vez restaurados, volvan a converterse, a finais de século XVI, nun dos princiapais baluartes da navegación dos barcos no noroeste de España.
Idade Contemporanea
Reformas do século XVIII. A finais do século XVIII, A Coruña era un dos portos máis activos do norte de España e o tráfico marítimo lograra unha grande importancia, ademais, a cercanía ó porto de Ferrol, que era a base principal da armada española, convertera o golfo Ártabro, nunha zona de paso para tropas militares. No 1788 o rei Carlos III autoriza a restauración da Torre; esta obra foi acometida polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini coa axuda de José Cornide.
Reformas século XIX. Co paso do tempo, o faro foi modernizando a súa lámpada para poder emitir un raio de luz máis potente e que se puidera ver dende máis lonxe, para poder axudar os barcos.
Reformas século XX. Nas últimas décadas dos séculos XIX e as primeiras do XX continuaron as melloras para adaptar os sistemas de iluminación aos adiantos tecnolóxicos que se ían producindo.
Actualidade.
A UNESCO declara a Torre de Hércules Patrimonio da Humanidade o 27 de xuño de 2009.