A contorna da Torre de Hércules é unha extensión de terreo de 47 hectáreas percorrida por sendeiros sinalizados, limitada por praias e cantís bañados polo océano Atlántico. Este grande espazo natural en plena cidade serve de lugar de lecer para os visitantes e para os propios veciños, salpicado dun conxunto de obras que conforman o Parque Escultórico.
Parque escultórico da Torre de Hércules. No seu percorrido pódense contemplar máis de 15 obras nun grande espazo natural, entre as que se encontran as seguintes: Portas de acceso á Torre (de Francisco Leiro), Menhires (de Manuel Paz), Caracola (de Moncho Amigo) ou Monumentos aos fusilados na guerra civil (de Isaac Díaz Pardo).
Parque e xardíns de Punta Herminia. Os xardíns divídense en tres espazos: o Xardín do Mouro, o Miradoiro do Horto e o Recuncho do Vento. Os xardíns dispoñen de camiños de madeira, bancos, tumbonas, casetas para resgardarse do vento e da choiva e dunha réplica da Torre de Hércules a nivel de chan co aspecto que tiña en 1770.