Altura total de 55 metros, dos cales 34,38 corresponde á fábrica romana e 21 metros á restauración realizada en 1789 para modernizar o sistema de sinalización marítima.
Na actualidade a Torre álzase nunha ampla plataforma poligonal de 32,40 metros que lle serve de base e que foi construída a principios do século XIX.
Exteriormente presenta unha estrutura prismática sobre a que se dispón un remate-torre octogonal con reforzos de sección triangular nas esquinas. A este primeiro corpo sucédelle outro, decrecente en altura, que lle serve de base á lanterna na que está a potente lámpada que proxecta a súa luz.
As catro fachadas exteriores son de grande austeridade no deseño e presentan unha estrutura homoxénea, que se repite en todas as frontes. As ventás cos seus correspondentes gardapós están a distintos niveis nas distintas caras, aproveitando algúns dos ocos primitivos do núcleo interior, que se uniformaron para facelos simétricos, aínda que para iso fose preciso alternar os abertos cos cegos ou falsos. Un dos trazos máis característicos deste faro é a imposta helicoidal que percorre as súas fachadas exteriores, desde a base ata o remate do corpo prismático, e que é o recordo da rampla ascendente que na época romana servía de acceso á Torre e da cal aínda quedaban as pegadas nos muros do edificio cando no 1789 se iniciou a restauración proxectada polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini. Esta moldura condiciona a distribución dos ocos que será de cinco pares de ventás nas fachadas leste e oeste, e de catro na fronte norte e sur.