FITOFALADOIRO ONS

Fitofaladoiro

Que é o Fitofaladoiro Ons?

Un proxecto que estamos a desenvolver no IES Illa de Ons (Bueu), incluído dentro do Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Educación en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa a través de distintos programas didácticos.


O obxectivo fundamental da nosa proposta é facer unha labor de investigación sobre o tipo de vexetación da nosa contorna máis próxima. O ámbito familiar e veciñal será unha das principais fontes de información acerca dos nomes e diferentes usos das plantas que os propios rapaces e rapazas rexistren nun herbario creado por eles mesmos.



Outros obxectivos son:

  • Promover o proxecto no centro procurando implicar á toda a Comunidade Educativa.

  • Concienciar da importancia de preservar o noso patrimonio e do proveito da memoria colectiva.

  • Promover o uso do galego e fomentar a curiosidade polos nomes e usos tradicionais das plantas na nosa contorna, contrastándoos cos nomes e usos destas noutros lugares.

  • Elaborar un herbario propio coas mostras recollidas no noso concello e publicar os resultados a través de diferentes medios: biblioteca, blog/web, mapas virtuais, concello…

  • Incentivar a creatividade e promover as TIC nas distintas fases de investigación e na presentación dos resultados obtidos: rexistro audiovisual de exemplares, debuxos e técnicas aplicadas no caderno de campo, montaxe de mostras, deseño de blog/web…




PARTICIPANTES E ÁREA DE INVESTIGACIÓN

Neste proxecto colaboran varios departamentos: Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Lingua Galega, Educación Física, Educación Plástica e Visual e a dirección do centro. Procuramos implicar á maior parte da comunidade educativa, pero sobre todo ao alumnado e ás súas familias e veciños/as.

As parroquias de Cela e Beluso son as principais áreas da nosa investigación xa que a maioría do noso alumnado procede destas dúas zonas, aínda que tamén hai alumnado de San Martiño (casco urbán de Bueu) e de Ardán (Concello de Marín), polo que tamén estamos a recoller mostras nestes lugares. Tamén organizamos saídas para recoller mostras ou facer fotografías noutras partes da contorna: Roteiro do Río Frade (lugares de Portela e Ermelo), Cabo Udra ou as Illas Ons.