A andainda reivindicativa convocada pola Plataforma ‘Eólicos no Morrazo Non’ e o Concello de Moaña xuntou arredor de 300 persoas que mostraron o seu rechazo á implantación do proxecto eólico de Arena Power. As persoas asistentes, entre as que se encontraban as alcaldesas de Moaña e Cangas, realizaron o roteiro circular en que se visibilizou o impacto da construción dun parque eólico debido aos solos graníticos dos montes da comarca.
A saída tivo lugar às 17h, nas inmediacións da mámoa da Chan da Arquiña, onde se despregou unha faixa co lema ‘Eólicos no Morrazo Non! Pola auga, a terra, a saúde, a vida!’.
O roteiro dirixiuse cara o Corno Pineda e Pedras Negras. Neste lugar tomou a palabra Daniel Rosales, presidente da Comunidade de Montes de Santomé de Piñeiro, quen indicou a localización dos aeroxeradores de 180 metros planificados. Rosales fixo especial fincapé no solo granítico da comarca e salientou o impacto que terá sobre el o emprego da dinamita, “pois cada aeroxerador levará unha zapata de 25 metros de diámetro”.
Rosales chamou a atención sobre a afección ás augas que terán esas voaduras. Salientou que “todas as augas que surten o Morrazo están aqui nos altos do monte” e tamén as afección ás casas mais próximas.
O roteiro finalizou de volta na Chan da Arquiña, onde Xosé Ramón Millán, presidente da Mancomunidade de Montes do Morrazo e portavoz da Plataforma Eólicos no Morrazo Non, agradeceu a participación e expuxo as reivindicacións do colectivo. Millán reclamou a eliminación da zona ADE do Morrazo e calificou a actual implantación eólica no noso país como: DESORDENADO, porque está moi preto dos núcleos rurais habitados, non respecta hábitats de especial interese nin Rede Natura, nin especies protexidas; DEPREDADOR, porque a veciñanza sofre todos os danos, perda propiedade e do valor das que quedan, danos en mananciais e traídas auga, camiños, pistas forestais, alteración da tranquilidade e o benestar de persoas e animais, hábitats de interese comunitario, flora e fauna, patrimonio histórico; ESPECULATIVO, porque os parques eólicos se instalan sen consentimento da propiedade, pagando prezos insignificantes na expropiación apoiada pola Xunta, financiándose con fundos públicos, obtendo todos os beneficios e sen deixar beneficio publico algún e NEOCOLONIAL, porque ás empresas multinacionais, coa colaboración da Xunta, toman o noso territorio, espolian os nosos recursos, expórtannos e obteñen beneficios multimillorios. Ademais, denunciou que “a Xunta é complice das multinacionais eléctricas que queren instalarse aquí e dalles todas as facilidades”.
Rechazo ao proxecto de Arena PowerO proxecto eólico de Arena Power consiste na instalación nos montes do Morrazo de 15 aeroxeradores de 180 metros de altura, 2 subestacións de evacuación eléctrica, 2 torres de medición e as correspondentes liñas de alta tensión. Ocuparíanse terreos de San Martiño e Domaio -en Moaña-, Santomé de Piñeiro -en Marín-, e San Adrián e Santa Cristina -en Vilaboa-.
Con esta nova actividade reivindicativa as entidades convocantes queren mostrar o rechazo social por parte da veciñaza da comarca a este proxecto eólico, visibilizando tamén o impacto que terá para o desfrute popular dos montes da comarca.
O informe hidrolóxico difundido pola Plataforma Eólicos no Morrazo Non conclúe co alarmante dato de que, polo menos, o 40 % do volume anual de auga dos municipios de Marín, Moaña e Vilaboa podería verse afectado dada a proximidade da infraestrutura eólica ás numerosas captacións das traídas veciñais.
O abastecemento de auga no Morrazo é garantido a través das Comunidades de Usuarios de traídas veciñais cuxas captacións están localizadas nas partes máis altas. Por este motivo, representantes da plataforma insisten que calquera proxecto de Parque Eólico no Morrazo é incompatible co abastecemento de auga aos seus habitantes.
Tanto é así, que nin a Escola Naval Militar de Marín se libraría do risco de desabastecemento, pois os aeroxeradores estarían a unha excesiva proximidade das 21 captacións que a institución militar ten no monte en man común de San Tomé de Piñeiro.
A construción da infraestrutura macroeólica, con aeroxeradores de 180 metros de altura, implicaría novas pistas e voaduras con explosivos para a construción das zapatas que afectarían a capa freática e os mananciais utilizados para o consumo.
O informe destaca outros elementos en risco desde o punto de vista hidrolóxico, como a posible afectación dun sector como o marisqueiro, que xera 55 millóns de euros anuais, en caso de producirse escorras de auga doce motivadas pola pouca permeabilidade do solo.
Adicionalmente, un de cada tres aeroxeradores invadirían a zona de policia de varios cursos fluviais segundo as localizacións publicadas do Rexistro Eólico de Galicia, ao que habería que engadir todas as plataformas, vías e liñas de evacuación do proxecto, por agora non dispoñibles ao público.
As conclusións do informe de ‘Eólicos no Morrazo Non’ salientan que a afección hidrolóxica na comarca podería ser maior, pois aínda se descoñecen moitos detalles do proxecto de Arena Power. Actualmente aínda non hai información de aspectos como as plataformas de construción, as liñas de evacuación ou as vías que habería que crear ou ensanchar para a construción do Parque Eólico.
‘Eólicos no Morrazo Non’ demanda a eliminación da ADE
A plataforma salienta que a Área de Desenvolvemento Eólico está totalmente rodeada por diferentes figuras de protección como a Reserva Mariña Internacional das Rías Baixas ou a Enseada de San Simón e este ou calquera outro proxecto eólico non serían compatibles nin coa biodiversidade nin coas persoas.
E altamente relacionado coa protección da biodiversidade, unha serie de zonas húmidas, como as Brañas de Corno Pineda ou do Monte Sobreira, quedarían rodeadas polos aeroxeradores, o cal «sería incompatible coa súa protección» lamentan representantes da Plataforma Eólicos no Morrazo Non, concluíndo que «ningún proxecto eólico é compatible cos 90.000 habitantes desta comarca e, por tanto, a Área de Desenvolvemento Eólico debe ser eliminada canto antes».
DESCARGA O INFORME EN: https://rebrand.ly/hidroloxia
Un informe publicado pola Plataforma Eólicos no Morrazo Non revela que catro especies de morcegos do Morrazo terían risco de morte por colisión coas pas dos aeroxeradores.
Das trece especies existentes na península morracense, seis están catalogadas como vulnerables e unha delas ten no Morrazo a única colonia coñecida de Galicia.
O estudo sinala que, aínda que haxa especies vulnerables con risco de colisión baixo, estas dependen intimamente de formacións de caducifolias, xa moi escasas na comarca. Nesta liña, a salientan que construción dun parque eólico degradaría o seu hábitat fragmentándoo considerablemente.
A península do Morrazo conta con máis da metade das especies que se citan en Galicia e é a segunda zona con maior diversidade de quirópteros da provincia.
A comunidade científica ten alertado nos últimos anos do preocupante índice de mortandade de morcegos por causa dos macroeólicos, estimando para España con 385.000 morcegos mortos anualmente.
O proxecto de parque eólico do Morrazo proposto por Arena Power, tal e como recolle a pouca documentación oficial dispoñible, implicaría a morte de 1000 morcegos por ano, segundo os valores medios máis recentes.
Os morcegos galegos aliméntanse de insectos que poden constituír pragas agrícolas ou forestais, como a procesionaria do piñeiro, así coma vectores de enfermidades, como os mosquitos. Desta forma, a presenza de poboacións de morcegos ben conservadas contribúe a mellorar a saúde dos ecosistemas e, por tanto, das persoas.
Descarga o estudo en: https://rebrand.ly/morcegos
Asistencia: Moncho Millán presidente da Mancomunidade de Monte do Morrazo, en representación da “Plataforma Eólicos no Morrazo NON”. Polo concello de Moaña, a alcaldesa Leticia Santos, a concelleira de medio ambiente Dolores Chapela, e os presidentes das comunidades de montes de Domaio, Rubén García, de Moaña David Faria e de Meira Manuel Currás. Polo concello de Vilaboa, o alcalde César Poza, o concelleiro de medio ambiente Francisco Costa e o presidente da comunidade de montes de San Adrián Ricardo Lameiro. Polo concello de Bueu asistiu o alcalde Félix Juncal e o concelleiro de medio ambiente Xosé Leal. Polo concello de Cangas asistiu a alcaldesa Araceli Gestido. Por Marín asistiu o presidente e secretaria da comunidade de montes de San Tomé de Piñeiro, Daniel Rosales e Mari Carmen Rosendo.
Intervención de Moncho Millán: O plan sectorial eólico da Xunta de Galicia de 1997, retiralle a competencia de tramitación aos concellos e establece as Areas de Desenvolvemento Eólico (ADEs), moitas delas afectadas por Rede Natura. No Morrazo a ADE é un triángulo de 4362 hectáreas, situada na súa dorsal granítica, equivalente a cuarta parte 25% da superficie da nosa comarca. Somos unha das comarcas con maior densidade de poboación do país, con 495 habitantes por kilometro cadrado, e polo tanto a instalación destes parques eólicos afectaría a toda a poboación, pois o ruídos e efecto parpadeo exténdense nun radio de 6 km dende os aeroxeradores, tendo en conta que a península do Morrazo ten 7 km de anchura.
Ao afectarnos a todos este proxecto da empresa Arena Power de 15 aeroxeradores de 180 metros de altura, 2 subestacións eléctricas, 2 torres de observación e as conseguintes liñas de evacuación; a Plataforma presentou moción plenaria nos 5 concellos do Morrazo, solicitando o rexeitamento deste parque eólico e doutros proxectos futuribles, e instando a Xunta de Galicia a suprimir a ADE do Morrazo, así como solicitar apoio para as actividades da Plataforma Eólicos no Morrazo NON. O resultado foi de aprobación unánime dos plenos municipais de Vilaboa, Moaña e Cangas, a aprobación por mayoría no concello de Bueu, o de Marín rexeitou a moción pola maioría do Grupo de Goberno (Apoia a ADE e non lle importa o Parque do Morrazo).
Intervención de Leticia Santos (alcaldesa de Moaña): Todos defendemos as enerxía renovábeis, pero non baixo un modelo especulativo, senón baixo un modelo de xustiza social e de verdadeiro desenvolvemento sustentable. Denunciou que estamos baixo un modelo de “lavado verde”, intentado vender como verde e limpo uns macro proxectos eólicos, cun impacto tremendo sobre o noso mediambiente, paisaxe e alterando a vida normal da veciñanza de Moaña e do Morrazo. Destacou a enorme preocupación que a construción dos aeroxeradores tería sobre as traídas de augas municipais e veciñais que abastecen a un 40% da poboación de Moaña. Resaltou que toda a veciñanza de Moaña (comunidades de montes, traídas de augas, asociación veciñais e demais colectivos sociais) están unidos no rexeitamento a esta agresión e disposto a mobilizarse contra ela.
Intervención de César Poza (alcalde de Vilaboa): Resalta que non sen entende como sen estudos técnicos un proxecto deste tipo se ubica nun macizo de rocha granítica, que para instalarse afectaría as vivendas de varios núcleos de poboacións que estarían próximas aos aeroxeradores de gran tamaño, que se verían dende Pontevedra, Vigo e Sanxenxo, e con efectos sobre a saúde das persoas. As obras de construción danarían o abastecemento de auga do concello de Vilaboa, especialmente ás da parroquias de San Adrián, que son exclusivamente veciñais. Destacou tamén o impacto sobre camiños e pistas e a influencia negativa sobre o sector turístico.
Intervención de Araceli Gestido (alcaldesa de Cangas): Considera que os proxecto de Arena Power constitúe un ataque inaceptable ao noso territorio, e coida que temos argumentos técnicos, xurídicos e capacidade social para enfrontar esta ameaza. Sinala a necesidade de retirar ADE do Morrazo, para que ningunha empresa volva a ameazar con proxectos especulativo inaudible no Morrazo, como xa pasou co proxecto de Pedras Negras no ano 2013, e con ACS e Aratel no ano 2021. Destacou que no Morrazo sufrimos una ameaza dobre tanto por terra como por mar, tamén coa eólica mariña. Coa pretensión de levar a cabo 2 megaparques eólicos mariños entre A Guarda e as Illas Cíes, que afectarían aos nosos ecosistemas mariños así como aos nosos caladoiros de pesca, o que provocou xa a mobilización do sector da pesca, especialmente a mobilización da Confraría de Cangas, porque afectaría a este sector laboral, pondo en perigo moitos postos de traballo e atacando a nosa soberanía alimentaria.
Intervención de Félix Juncal (alcalde de Bueu): Considera que este proxecto eólico sería o proxecto industrial con maiores impactos na nosa comarca, comparándoo coa ameaza da macrocelulosa de Altri na Ulloa. Destaca que o goberno da Xunta toma decisión en contra dos intereses da veciñanza do territorio, sen ter en consideración nin as poboacións locais nin tampouco as institucións municipais. Sinala que a Xunta debería respectar a competencia municipal sobre a ordenación do territorio, porque afecta a vida normal da veciñanza. Destaca a figura das comunidades de montes como a mellor garantía para a defensa do territorio, como esta a acontecer aquí no Morrazo.
O Representante da Plataforma: Recalca que a tramitación dos proxectos pola Xunta de Galicia, lonxe de garantista sempre é favorable ás empresas eólicas poñendo como exemplo a lexislación das leis da depredación que afianzan a entrega gratuíta da explotación deste recurso as multinacionais declarando a utilidade pública destes proxectos, a expropiación dos bens afectados e a urxente ocupación dos terreos xunto coa aprobación do proxecto. Ademais temos a denuncia xudicial reclamándolle 46 millóns de euros por danos e prexuízos ao autorizar a construción do Parque do Iribio que posteriormente anulou a Xustiza por estar en Rede Natura ou a denuncia contra un alto cargo da Xunta por condonarlle una débeda de12 millóns de euros á empresa Greenalia. Realmente quen garante os dereitos dos colectivos de defensa do territorio e da veciñanza é oTribunal Superior de Xustiza de Galicia, que emitiu 35 veredictos de paralización cautelar e aínda ten pendentes de resolución duns 50 proxectos de Parques Eólicos. Tamén tida o modelo de implantación eólico da Xunta de Galicia de: DESORDENADO Moi preto dos núcleos rurais habitados, non respecta hábitats de especial interese nin Rede Natura, nin especies protexidas,.. DEPREDADOR A veciñanza sofre todos os danos: perda propiedade e do valor das que quedan, en mananciais e traídas auga, camiños, pistas forestais, alteración da tranquilidade e o benestar de persoas e animais, hábitats de interese comunitario, flora e fauna, patrimonio histórico,.. ESPECULATIVO Instálanse sen consentimento da propiedade, pagando prezos impostos pola Xunta na expropiación, financiándose con fundos públicos, obtendo TODOS os beneficios e sen deixar beneficio publico algún e NEOCOLONIAL As empresas multinacionais, coa colaboración da Xunta, toman o noso territorio, espolian os nosos recursos, expórtannos e obteñen beneficios multimillonarios. Debe derrogarse e derrogase e elaborarse de novo coa participación de todos os sectores, institucións e colectivos afectados!
Remata concluíndo que a plataforma está nun proceso informativo acelerado e que terá asembleas en Bueu no Centro Social do Mar o próximo venres 5 as 21:00 h, en Beluso o sábado 6 á mesma hora e estanse realizando asembleas en cada lugar da parroquia de Santomé do Piñeiro. Simultaneamente estase traballando nas posibles alegacións e anuncian mobilizacións para as próximas semanas.
CONCLUSIÓN. As 4 alcaldías reiteran que a Xunta de Galicia debe rexeitar este proxecto eólico presentado por Arena Power e eliminr a ADE do Morrazo, para que a nosa comarca se estableza como un espazo singular libre de parques eólicos. Tamén insisten en que debemos actuar todo o Morrazo unido para impedir a instalación dun só muiño, para que no futuro non se poidan entender e ademais apoiar os actos e mobilizacións da Plataforma.
Este é o dato máis preocupante do recente informe difundido pola Plataforma Eólicos no Morrazo Non sobre o Patrimonio Cultural da comarca afectado pola Área de Desenvolvemento Eólico. Non menos preocupantes son outros datos: 3 de cada 10 Bens de Interese Cultural do Morrazo están afectados e un 16 % do total do Patrimonio Cultural.
Con respecto á escasa información pública de que se dispón sobre o proxecto de Parque Eólico no Morrazo, promovido por Arena Power, cabe destacar a proximidade dos aeroxeradores con elementos como a mámoa da Chan do Gagán: unicamente 13 metros separan o seu contorno de protección do voo das pás do aeroxerador Ballestrinque 16. O petróglifo do Gorgullo quedaría a 44 e 109 metros doutros dous aeroxeradores.
Cun grao de protección maior, elementos BIC como a mámoa da Chan da Arquiña, a 152 metros do seu contorno de protección, ou a Mámoa do Rei a 318 metros.
Hórreos, achados, xacementos e muíños completan unha longa lista de patrimonio cultural realmente próximo ás localizacións das infraestruturas eólicas.
A parroquia con maior número de elementos afectados pola ADE é Santo Adrán de Cobres, con 95 elementos, e San Tomé de Piñeiro, con 57, é o que conta con maior proporción de elementos afectados, máis da metade do total.
Do total de patrimonio localizado na Área de Desenvolvemento Eólico, o de interese etnolóxico (hórreos, muíños ou fontes) é o máis afectado, o 67 %, aínda que o arqueolóxico conta cun 29 %, principalmente mámoas e petróglifos.
Elementos de interese artístico tamén están afectados pola Área, tales como a igrexa parroquial, o cemiterio e a casa reitoral de Ermelo, a Capela do Pirelo no Pereiro, a Ermida de San Lourenzo en Domaio e varias pontes, casas e conxuntos tradicionais.
O informe conclúe salientando a urxencia de parar o antes posible este proxecto, para que non pase como no Acibal ou no Iribio (proxecto anulado polo TS despois de ter destrozado a Serra). Incídese en que un único aeroxerador abrirá a porta a máis Parques Eólicos e que 287 elementos do Patrimonio Cultural están potencialmente afectados.
A Plataforma Eólicos no Morrazo Non insiste en que a cuestión non é cal sería a mellor localización dos aeroxeradores para causar o menor dano posible, o debate debe centrarse en eliminar a Área de Desenvolvemento Eólico nunha comarca tan poboada e con tanta riqueza patrimonial, para que non teñamos cada certos anos unha ameaza como esta enriba da mesa.
DESCARGA O INFORME EN: https://rebrand.ly/info-patrimonio
A Plataforma Eólicos no Morrazo Non publica unha simulación a partir da escasa información pública do proxecto de Parque Eólico no Morrazo, promovido por Arena Power. Nel pódese observar á escala os aeroxeradores, a súa localización e o enorme impacto paisaxístico en que derivaría a súa posible construción.
A proximidade aos núcleos de poboación provoca incerteza en canto ás consecuencias para a saúde das persoas polos efectos derivados do ruído ou parpadeos. Lugares como a Fraga (Moaña), Pastoriza (Ardán), Pereiro (San Tomé), Sobreira (San Adrián), Vilar (Santa Cristina) ou San Lourenzo (Domaio) sufrirían as consecuencias máis directas onde nalgúns casos quedarían incluso rodeados dos aeroxeradores.
Igualmente, nunha comarca en que o abastecemento de auga é asegurado a través de traídas veciñais con captacións que proveñen do monte, resultaría complicado garantir o abastecemento despois de dinamitar o monte, práctica que testemuñamos recentemente no monte Acibal (Amil).
Non menos importante é o patrimonio cultural, principalmente mámoas e petróglifos, que quedan realmente próximos das infraestruturas eólicas, nalgúns casos a 13 metros do Contorno de Protección, o que fai difícil responder á pregunta de como sería posible levar en camións palas de 75 metros sen danar ningún elemento patrimonial.
Unha imaxe vale máis que mil palabras. Convidamos a todos a ver a simulación, informarse e mobilizarse para deitarmos abaixo, canto antes, este proxecto.
A Plataforma Eólicos no Morrazo Non, conformada por Comunidades de Montes, asociacións ecoloxistas, colectivos sociais de todo tipo e persoas individuais, levará este xoves 13 ao pleno do concello de Marín “a moción para que todos os partidos políticos se posicionen claramente en contra do novo proxecto de macroparque eólico e o concello se implique activamente para paralizar o proxecto.”
Dende a Plataforma informan que esta moción xa foi tratada no resto de plenos dos concellos da comarca sendo aprobada en todos, sinalando que “houbo unanimidade en contra do proxecto de parques eólicos no Morrazo no pleno de Vilaboa, Moaña e Cangas; en Bueu a moción foi apoiada maioritariamente agás polo PP que se abstivo.” Dende a Plataforma agardan que no pleno de Marín a moción saia aprobada por unanimidade “dado que Marín, especialmente a parroquia de Santomé de Piñeiro, estaría directamente afectada” e informan que Xoan Daniel Rosales Rivas, presidente da Comunidade de Montes de Santomé intervirá para defender a moción. Ademais, convidan a asistir ao pleno a partir das 20h á veciñanza do concello de Marín sensible coas consecuencias negativas que acarreará este proxecto, especialmente no referido ás augas.
A moción da Plataforma proponlles aos grupos políticos a adopción de catro acordos, a comezar polo “rexeitamento da instalación no Morrazo do Parque Eólico presentado no Rexistro Eólico de Galicia pola empresa Arena Power e calquera outro que se pretenda instalar no futuro, así como dar apoio á “Plataforma Eólicos no Morrazo Non” nas actividades que realice.”
A moción da Plataforma propón, en segundo lugar, que “os concellos promovan todas as accións legais e xudiciais para impedir a instalación deste ou de calquera outro parque eólico no Morrazo, especialmente no referido a emisión de informes e á presentación de alegacións no período de exposición pública do proxecto.” O terceiro punto solicita que “os concellos insten á Xunta de Galicia a que suprima a Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo do Plan Eólico de Galicia” e, por último, solicitan “o traslado dos acordos á Xunta, nomeadamente ás Consellerías de Economía e Industria, Medio Ambiente e Cambio Climático, ao Ministerio de Transición Ecolóxica, así como ás forzas políticas con representación no Parlamento Galego.”
A Plataforma agarda “o apoio favorable dos grupos políticos de Marín á moción e que os concellos sexan axentes activos contra este macroparque eólico para evitar que a nosa comarca, Marín incluído, sexa territorio de sacrificio para o espolio enerxético.”
1. As pistas, desmontes no terreo necesarios para subir e montar estas enormes estruturas, que poden acadar os 200 metros de altura, aos montes máis altos da comarca, arruinarán a paisaxe do Morrazo. Estes cortes no monte producirán tamén graves danos nos acuíferos polo que a dispoñibilidade de auga corrente verase comprometida.
2. O ruído e o efecto sombra ("discoteca") destes macromuíños afectará a zonas poboadas da comarca, diminuíndo a calidade de vida dos seus habitantes e podendo chegar a provocar trastornos como estrés ou depresións. Ademais, aínda non están claras as repercusións na saúde das radiacións electromagnéticas que producen as liñas de alta tensión. necesarias para evacuar a enerxía producida.
3. O valor das propiedades e fincas diminuirá sensiblemente (calcúlase até nun 30%) xa que ninguén quererá vivir ou mercar unha casa á sombra dos eólicos. Ademais, o solo do polígono afectado perde a cualificación de rústico e pasa a ser rústico de protección de infraestruturas.
4. O turismo tamén se verá seriamente afectado pola perda da beleza paisaxística da comarca. Especialmente aqueles negocios que potencian o goce da natureza, como as casas rurais. Mais tamén todas aquelas actividades asociadas ao goce do monte: sendeirismo, micoloxía, parapente, fotografía da natureza...
5. A fauna e a flora tamén sufrirán as consecuencias deste proxecto, xa que estamos a falar de construír basicamente unha liña de "autoestradas" que una os cumios do Morrazo. Así fragmentaranse totalmente moitas zonas naturais como brañas, breixeiras ou bosques de ribeira, todos eles hábitats protexidos pola Unión Europea. Ademais, están demostrados os graves danos que producen estas instalacións sobre as poboacións de aves e morcegos, varias delas en situación de ameaza ou perigo.
6. Estes megaproxectos, están financiados por grandes empresas que levan máis dun 95% dos beneficios mediante a venda de enerxía conseguida co sacrificio dos montes galegos. Por riba, moitos destes proxectos están subvencionados en máis dun 50% polas distintas administracións. Este parque eólico non vai supoñer beneficio ningún para a bisbarra do Morrazo, nin para os concellos afectados. Estamos ante un modelo de destrución do territorio e exportación de beneficios, propio dunha economía colonial.
7. Esta plataforma está totalmente a favor das enerxías renovables sempre que sigan un modelo local, sustentable e mancomunado. É dicir, instalacións máis pequenas, de carácter comunitario de ámbito local ou particular.
8. Esta plataforma cre importante lembrar que Galiza xa ten instalados máis de 4.000 muíños eólicos. Ademais, a nosa Comunidade é excedentaria en produción de enerxía; así por exemplo, no 2020 xerou 24.000 GWh e só consumiu 17GWh. Hai que destacar ademais que destes 24GWh o 75% foi xerado con tecnoloxías que non emiten CO2 (eólica e hidráulica), polo que Galicia xa sacrificou gran parte do seu territorio para a xeración dunha enerxía "limpa" que, en moitos casos, exportase a outras comunidades como Madrid, casualmente a única do estado español que non ten ningún parque eólico.
9. Queremos sinalar a nosa indignación pola opacidade con que se está xestionando todo este proceso, de costas á cidadanía. As empresas andan ás agochadas, poñéndose en contacto coas e cos propietarios dos montes amosando supostos anteproxectos e derivando neles a responsabilidade de decidir sobre un proxecto moi grande, que afecta a todos os sectores da comarca. Neste senso, consideramos que as ganancias económicas que ofrecen estas empresas son ridículas se as comparamos coa destrución do territorio que producen. Deberían amosar os anteproxectos publicamente a todos os concellos para que a cidadanía e os propios concellos poidan participar de xeito democrático nun asunto tan importante para a comarca do Morrazo.
10. E por todo isto demandamos a derrogación do Plan Sectorial Eólico de Galiza, así como a retirada da ADE (Área de Desenvolvemento Eólico) do Morrazo e de calquera proxecto ou anteproxecto de instalación eólica que poña en perigo a integridade ambiental da península do Morrazo.