O informe publicado pola Plataforma Eólicos no Morrazo Non revela que o proxecto eólico de Arena Power ameazaría o 40 % do subministro de auga de Marín, Moaña e Vilaboa.
A Escola Naval Militar de Marín non se libraría do risco de desabastecemento, pois os aeroxeradores estarían a unha excesiva proximidade das 21 captacións que a institución militar ten no monte en man común de San Tomé de Piñeiro
Tamén destaca outros elementos en risco desde o punto de vista hidrolóxico, como a posible afectación dun sector como o marisqueiro, que xera 55 millóns de euros anuais, en caso de producirse escorras de auga doce motivadas pola pouca permeabilidade do solo.
O informe publicado pola Plataforma Eólicos no Morrazo Non revela que catro especies de morcegos do Morrazo terían risco de morte por colisión coas pas dos aeroxeradores.
Os parques eólicos convertéronse na primeira causa de mortalidade dos morcegos a nivel mundial. O número de incidencias é superior ao das aves e chega a comprometer o futuro dalgunhas especies.
Da información obtida despréndese que na península do Morrazo están citadas 13 especies de quirópteros, mais da metade de todas as especies que se poden atopar en Galicia, confiríndolle á zona unha diversidade elevada. Cos datos publicados ata o de agora, trataríase da segunda zona con maior diversidade de quirópteros de toda a provincia de Pontevedra.
A Comarca do Morrazo conta cun total de 1834 elementos catalogados como patrimonio cultural, dos cales 31 son Bens de Interese Cultural.
Das 45 mámoas catalogadas no Morrazo, 37 están dentro da ADE e 3 delas son BIC (a Mámoa do Rei, a Mámoa da Chan de Castiñeiras 2 e a Chan da Arquiña).
Por número de elementos destaca a cantidade de hórreos afectados, 96 de 482 no total da comarca, e en porcentaxe a tipoloxía con maior presenza na ADE son os muíños, 28% dos cales están afectados.
Elementos de interese artístico tamén están afectados pola Área, tales como a igrexa parroquial, o cemiterio e a casa reitoral de Ermelo, a Capela do Pirelo no Pereiro, a Ermida de San Lourenzo en Domaio e varias pontes, casas e conxuntos tradicionais.
Por exemplo, unicamente 13 metros separan o contorno de protección da mámoa da Chan do Gagán do voo das pás do aeroxerador Ballestrinque 16. O petróglifo do Gorgullo quedaría a 44 e 109 metros doutros dous aeroxeradores.
Cun grao de protección maior, elementos BIC como a mámoa da Chan da Arquiña, a 152 metros do seu contorno de protección, ou a Mámoa do Rei a 318 metros.
No entanto, calquera elemento poderá ser afectado no momento en que se instale o primeiro aeroxerador, tanto polas necesidades na sua construción como polas posibilidades de escalar dita infraestrutura dentro da ADE.