Xacemento de O Cargadoiro

O xacemento arqueolóxico de O Cargadoiro localízase no norte do concello de Santiago de Compostela, preto do río Tambre, na parroquia de San Vicente de Marantes.

A súa descuberta viu de man dos traballos levados a cabo polo IRYDA nas actuacións para abrir unha pista dentro do proceso da concentración parcelaria no ano 1985. Durante dita intervención saíron a superficie restos de cerámica e de industria lítica.

Os traballos arqueolóxicos comezaron o ano seguinte, 1986, con diferentes sondaxes en busca dos límites do xacemento. Estas intervencións recóllense na Catalogación de xacementos prerromanos do concello de Santiago desenrolada polo Departamento de Historia da Universidade de Santiago.

Pero non é ata o ano 1992 que o Grupo de Investigación en Arqueoloxía da Paisaxe (GIArPa) comeza un estudo para coñecer o impacto das obras para a Rede de Gasifcación de Galicia. O resultado deste novo estudo reflicte que os danos causados polas obras impiden a escavación total do xacemento.

Os achados están formados por 27 estruturas de gran interese arqueolóxico que se adscriben a períodos prehistóricos da Idade do Bronce. Unha destas estruturas, de forma lineal, contiña restos de cerámica o que permiten asumir que pode ser o límite dunha área doméstica.

O material arqueolóxico atopado nestas intervencións esta formado por un total de duascentas oitenta e oito pezas, que se poden dividir en dez líticos, unha escoria, resto metálicos, e douscentos setenta e sete fragmentos de cerámica, todos estes materiais están adscritos a Idade do Bronce. A cerámica pódese dividir en sete bordes, catro pescozos, dúas asas, tres fondos ou bases e duascentas sesenta e unha panzas.

Todos os cacharros que se atoparon no xacemento fixéronse a man mediante a técnica do urdido, a cal consiste na elaboración dos cacharros de cerámica a man ou mediante o uso dunha ferramenta básica, cando peza acada certo tamaño continúase aplicando cilindros de barro (“churros”). Podendo dividir os cacharros en dous tipos dependendo o seu grosor e calidade, sendo mais finas aquelas pezas que contan con decoración fronte as lisas que son mais grosas.

Existen restos de cerámica que conservan a decoración, esta consiste en liñas rectas tanto horizontais e oblicuas como en zig-zag, cuxa combinación mostra un conxunto de motivos xeométricos. Esta decoración elaborouse a través das técnicas de impresión e incisión, é dicir, decoración campaniforme. En termos xerais e complicado coñecer o debuxo posto que este xacemento so conta con catro pezas cerámicas decoradas e de pequeno tamaño.

O xacemento de O Cargadoiro pódese adscribir a un espazo aberto habitacional, formando parte da corta lista de xacementos desta índole atopados en Galicia.


Fonte:

  • Parcero Oubiña, C., Cobas Fernández, I. (2005) La arqueología en la gasificación de Galicia 17: actuaciones en asentamientos prehistóricos en el entorno de Santiago de Compostela. Laboratorio de Arqueoloxía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Santiago de Compostela: pp 15 - 21 [consultado o 01/02/2019]