Santa María do Camiño

Historia. Orixes fundacionais e primitiva construción de Santa María do Camiño

(século XV)

A igrexa parroquial de Santa María do Camiño é un dos templos máis fermosos da cidade de Santiago. O edificio actual, cos seus retablos e imaxes de culto, pertence á segunda metade do século XVIII, a un momento cultural moi interesante no que se produce un tránsito dunha corrente barroca local a un novo estilo nacido da cultura da Ilustración: o neoclasicismo. Aínda que o aspecto do seu interior sexa o dun templo barroco, marcado pola maxestade e espectacularidade do seu retablo maior, hai trazos (outros retablos e imaxes de culto) que indican que o neoclasicismo deixou a súa pegada, moderada e precisa, na nave onde se congregan os fieis.

A súa situación intramuros e a súa proximidade á Porta do Camiño e ao tramo urbano da ruta xacobea (Rúa das Casas Reais) outórganlle a Santa María do Camiño un carácter especial. As orixes desta parroquia e a súa igrexa remóntanse á época baixomedieval. A fundación do templo vincúlase a unha das nobres familias copostelás do século XV. Nesta época final da Idade Media os nobres galegos patrocinaron capelas privadas e suntuosos sepulcros nas igrexas conventuais das ordes mendicantes (franciscanos e dominicos). Algúns fixeron fundacións en igrexas parroquiais para dispoñer os seus enterramentos nun lugar preferente, conforme ao elevado rango social que ostentaran en vida, perpetuando así a súa memoria, a súa sona e a súa liñaxe máis alá da morte.


A creación da igrexa medieval e o patrocinio da súa construción, rematada en 1425, relacionanse ó nobre compostelá Ruy Sánchez de Moscoso. A súa piedade xa o levara a fundar en 1400 o Hospital de Sancti Spiritus. Anos máis tarde, o seu espírito caritativo levouno a fundar unha igrexa nas inmediacións do dito hospital. O centro dedicado á asistencia do corpo complementábase cun templo para a asistencia da alma.

A Sánchez de Moscoso animábao tamén a posibilidade de ser enterrado nun sitio preferente dun recinto sagrado, e por iso o seu sepulcro se construíu no lado do evanxeo da nave, inmediato á entrada do presbiterio, moi preto, pois, do altar.


A igrexa primitiva de Santa María do Camiño era un templo gótico moi sinxelo. Organizábase con planta rectangular, cunha única nave cuberta por unha armadura de madeira e tellado a dúas augas, cun ancho semellante ó da nave actual. No muto lateral norte encontrábanse os sepulcros de Juan Vidal do Camiño e de seu neto Sánchez Moscoso. A ábsida da igrexa era posiblemente de planta poligonal, máis estreita cá nave, e estaba cuberta cunha bóveda de crucería.

Púxose baixo a advocación da Virxe, como tantas outras igrexas do camiño de Santiago. O seu interior aparecía repleto de sepulturas de fregueses, baixo o pavimento da nave, e presentaba nos muros sepulcros pertencentes á familia fundadora. Tralos confesinarios decimonónicos da igrexa actual aínda se conservan os arcosolios brasonados, sen o sartego e sen a imaxe xacente de Juan Vidal do Camiño.

Os datos sobre esta igrexa perdida coñécense grazas a referencias documentais.


O edificio mantívose intacto ata o primeiro cuarto do século XVI, época en que se construíu a capela funeraria dos marqueses de Camarasa, anexa ao lado esquerdo do presbiterio. Esta igrexa incrementou así a súa importancia cos sepulcros de tan nobres persoeiros.


Durante o século XVIII a freguesía foi medrando ó tempo que a poboación da cidade de Santiago. Case a mediados deste século, nunha época na que Compostela alcanzaba o momento culminante da súa escola barroca local, a parroquia iniciou a remodelación da capela maior da súa igrexa. Isto foi o que provocou un proceso constructivo e artístico que habería de desenvolverse na segunda metade do século XVIII e primeiras décadas do XIX. Neste fecundo período traballaron en Santa María do Camiño algúns dos máis eminentes artistas compostelás do barroco e o neoclasicismo. Entre os primeiros destaca o retablista Manuel de Leis e os escultores Miguel de Romay e Benito Silveira. Dos neoclásicos hai que salientar o labor do arquitecto Miguel Ferro Caaveiro e do escultor académico Manuel de Prado Mariño.


Arquitectura

A construción da actual igrexa de Santa María do Camiño comeza en 1747 coa remodelación da capela maior. En xaneiro dese ano a parroquia decide derrubar a cabeceira medieval para erixir outra máis ancha. Non se coñece o nome dos mestres que levaron a cabo o espazo presbiterial, pero se sabe que traballaron rápido, construíndo a capela maior entre xuño de 1748 e xuño de 1749, e concibida con planta cadrada e cuberta con bóveda de aresta. O seu alzado interno resólvese con muros de cachotería encalada, atados nos ángulos por grandes pilastras caixeadas, sen capiteis, cos entablamentos enlazados e moi moldurados. Sobre as pilastras descargan os catro arcos torais, tamén caixeados, que sosteñen a bóveda de aresta. Concíbese así unha nítida estrutura tectónica, malia o anticlasicismo que relaciona directamente os fustes de pilastras cos entablamentos, prescindindo do uso de capiteis. A luz espállase dende o alto de dúas grandes ventás rectangulares que se abren nos muros laterais a partir da liña de entablamento.

Dende o punto de vista formal, a estética que prima no punto de partida da igrexa dezaoitesca de Santa María do Camiño é a barroca compostelá. Os anónimos autores seguen a tradición constructiva da cidade que afunde as súas raíces no século XVII e logra gran relevancia na primeira metade do XVIII, con figuras como frei Gabriel de Casas, Simón Rodríguez e Fernando de Casas Novoa.

En 1751 comezan as obras do primeiro tramo da nave, traballo tamén anónimo. Unha vez levantada a capela maior, co seu retablo, e despois de rematar este primeiro tramo, a parroquia asumiu a construción do resto do edificio sacro. Hai constancia documental de que os traballos de arquitectura do resto da nave se reanudaron exactamente a partir do dezasete de xuño de 1771, con planos do arquitecto Miguel Ferro Caaveiro, que presentou unha traza da planta total da igrexa.

Os contratistas foron os mestres de obras compostelás Juan López Freire e Tomás del Río, que asumiron a construción da igrexa, reutilizando os materiais do templo medieval.

En 1773 os traballos estaban moi avanzados e os constructores cobraron parte do estipulado por contrato.

O principal problema arquitectónico presentouno o remate da fachada, onde había que situar unha torre-campanario de pequenas dimensións pero con peso abondo para crear un exceso de carga, ó montar directamente sobre a cuberta da tribuna. Dito problema foi resolto polo mestre de obras benedictino frei Plácido Caamiña, quen reformou os planos de Ferro Caaveiro, con gran enfado deste.

As reformas que introduciu irían máis alá dunha simple corrección e axuste de elementos, transformando de forma suxestiva o proxectado por Ferro Caaveiro e achegando ó conxunto algúns detalles significativos que lle darán un selo formal barroquizante, aínda que afastado da tradición local.

  • Exterior

A fachada de Santa María do Camiño presenta unha composición moi clara, cunha articulación levemente resaltada. Componse dunha soa rúa flanqueada por pilastras pareadas de orde xónica, de fustes lisos que se elevan sobre altos pedestais e se coroan con capiteis con volutas de delicada plasticidade. Sobre estes soportes apóiase o entablamento partido sobre o que voa o airoso frontón curvo, lixeiramente quebrado e partido na súa parte inferior para deixar espacio ó óculo, protagonista indiscutible da composición do imafronte. É moi posible que a sobria e elegante orde xónica, contrastando co barroquismo das pilastras refundidas do interior, se deba ao deseño orixinal de Miguel Ferro Caaveiro. Pero máis díficil é que o dito mestre propuxera como remate un frontón curvo e partido por un óculo rodeado dunha coroa de loureiro e enfatizado por unha coroa real, solución que se ten que poñer en relación coa remodelación proposta por frei Plácido Caamiña.

A fusión de elementos procedentes de tradición local e da modernidade ilustrada, encarnada nesta fachada, posiblemente inspirada nun gravado de Serlio, marcan as pautas profesionais e estilísticas de frei Plácido Caamiña. Esta pode ser a clave para entender as liñas xerais que guiaron a reforma do plano orixinal de Ferro Caaveiro e, polo tanto, a composición da fachada.


Retablos e escultura

A peza máis importante do desaparecido templo medieval de Santa María do Camiño é o tímpano labrado coa escena da Epifanía, que se atopaba sobre a súa porta de entrada, tímpano gótico que chegou ata os nosos días en perfecto estado, encaixado no muro da epístola da nave, baixo a tribuna. Nesta magnífica peza baixomedieval labrouse, en relevo policromado, unha fermosa e expresiva Adoración dos Magos, coa Virxe e o Neno centrando a escena, acompañados por san Xosé e un doador, representado en menor tamaño, cumprindo a lei de xerarquización que rexía a meirande parte das imaxes medievais. A identidade deste personaxe, que leva un bordón e un libro pechado e que viste con túnica e manto, grosos zapatos e gorro cilíndrico, pode extraerse de epígrafe labrado no lintel, onde se le a data de 1425. Se nese ano se colocaba o tímpano sobre a porta, quere dicir que pouco despois se remataría a fachada da igrexa e, polo tanto, terminarían unhas obras iniciadas anos antes pola cabeceira do templo. Se en 1400 Sánchez de Moscoso fundaba o hospital, a igrexa vinculada a ese edificio asistencial comezaría a levantarse pouco despois, sobre 1410-1415, sendo Ruy o fundador ou principal mecenas dun templo que tardaría en edificarse uns dez anos ou algo menos e onde sería xusto que aparecese representado como doador, no tímpano.


O retablo maior da igrexa substitúe a outro encargado en 1731 ó mestre José Ibarra. O cambio foi aprobado pola parroquia en outubro de 1748, aproveitando a remodelación da capela maior e vinculando así a obra de arquitectura coa creación dun retablo propio. O encargo atrasouse dez anos por imposibilidade económica da freguesía; unha vez conseguida unha cantidade de diñeiro aceptable, o cura párroco solicitou a varios mestres o deseño do retablo, elixindo o de Manuel de Leis, en xaneiro de 1758, por ser o que máis se adecuaba ó presuposto da parroquia.

Leis e o seu obradoiro realizárono con gran rapidez, polo que en xuño de 1759 xa estaba preparado para ser ubicado na capela maior. Leis encargoulle a realización das esculturas ao mestre Benito Silveira, un dos artífices compostelás máis interesantes do segundo terzo do século XVIII, porque lle imprime as súas imaxes un selo naturalista e dinámico, dado o seu coñecemento da escultura barroca andaluza. Realiza unha magnífica síntese do novo sentimento barroco (máis delicado e intimista) que serve de inspiración aos mellores artistas españois do período.

O retablo maior componse dun zócolo, un corpo dividido en tres rúas e un ático. No zócolo sitúase a mesa de altar e o sagrario, flanqueados polas portas de acceso á sacristía. O corpo acolle na súa rúa central o expositor eucarístico, acompañado por dobres columnas salomónicas, co terzo inferior decorado con cabezas de querubíns e miúdos detalles xeométricos. Nas fornelas laterais sitúanse as imaxes de san Xoán Bautista e san Xoán Nepomuceno; así, nesta parte do retablo recórdanse os principais sacramentos da igrexa (bautismo, confesión e eucaristía), protexendo o sagrario que custodia o copón coas Sagradas Formas.

Sobre o entablamento deste corpo sitúase o ático, proxectando unha placa cara a bóveda, onde aparece Deus Pai dándolle a súa bendición ao pobo, congregado na nave, e preparando a acollida da Virxe Asunta.

O ático tamén adopta unha distribución tripartita, albergando no centro a Asunción de María, arrodeada de anxos e flanqueada polas imaxes dos máis populares santos cristóforos: san Xosé co Neno en brazos e san Antonio con Cristo Neno.


O primeiro tramo da nave ten a ambos lados dous retablos barrocos de fermosa factura, realizados para a igrexa medieval sobre 1734-1737, en substitución doutros máis antigos. O da dereita está adicado a Santa Bárbara e o da esquerda á Virxe da Aurora. A estrutura arquitectónica dos dous retablos articúlase a base de pilastras caixeadas que sosteñen amplos arcos de medio punto co intradorso cóncavo e decorado con cabezas de querubíns.

O deseño do retablo de Santa Bárbara e o estilo escultórico das súas imaxes indican que o seu autor é, posiblemente, o mestre compostelá Miguel de Romay. A imaxe de Santa Bárbara destaca polo refinamento da súa talla e a súa policromía.

Complétase a espléndida escenografía barroca deste retablo coas imaxes de Santa Lucía e de Santa Catarina de Alexandría.

Fronte a este retablo sitúase o da Virxe da Aurora, realizado tamén, pouco antes de 1737, polo obradoiro de Romay. Acompañan á imaxe da Virxe os membros da súa familia: Santa Ana e San Xoaquín, á dereita, e San Xosé co Neno, á esquerda. A imaxe da Virxe da Aurora xa é obra de principios do século XIX, atribuída ao escultor Antonio Sanjurjo. Co seu obradoiro vencéllanse tamén os medallóns cos bustos dos apóstoles San Pedro e San Paulo, situados sobre os orixinais confesionarios.


Unha vez rematada totalmente a custosa reedificación da igrexa, completouse o ámbito devocional do templo parroquial con dous novos retablos de factura neoclásica, colocados no último tramo da nave: o retablo da Inmaculada, que acolle na súa fornela a imaxe da Virxe, obra mestra do escultor académico Manuel de Prado Mariño, quen empregou un gravado de Isidoro Carnicero para modelar a imaxe da Inmaculada; e doutro lado da nave, a imaxe de Santiago Peregrino, obra de gran naturalismo, realizada por Antonio Sanjurjo a comezos do século XIX.

O nome da parroquia parece ser abondo para argumentar o encargo dunha iconografía xacobea de tan profunda tradición ao longo dos camiños de peregrinación a Compostela.



A colección de arte sacra de Santa María do Camiño. Coro alto da igrexa

O rico amoblamento da igrexa parroquial de Santa María do Camiño compleméntase coa súa colección de arte sacra, que se pode ver no coro alto do templo.

Pezas destacadas

  • Conxunto da “Santa Cea”, de mestres anónimos, do primeiro terzo do século XIX.

  • A imaxe procesional de Santa Bárbara. O autor é Benito Silveira. Pertence ao segundo terzo do século XVIII.

  • O relicario de Santa Bárbara. De autor anónimo, pero de escola compostelá. Realizado en prata no ano 1734. Peza máis suntuosa da colección de ourivería sacra desta igrexa.

  • Custodia. Valiosa peza de ourivería sacra do barroco compostelá. Da segunda metade do século XVIII.

  • Naveta barroca labrada en prata, en Santiago. Do último terzo do século XVIII.

  • Incensario compostelá de prata, fundido no último terzo do século XIX.

  • Cruz procesional. Obra do ourive local Bernardo Méndez, en prata sobredourada.

  • Cruz de guión. Bo exemplo da última pratería barroca compostelá, fundida no segundo terzo do século XVIII.

  • Bandexa oval de prata, de estilo rococó, realizada no último terzo do setecentos. Nesta peza empregouse unha ostentosa decoración barroca como elemento definidor da creatividade do artífice.


Bibliografía


Singul Lorenzo, Francisco Luis. (2000), Santa María del Camino, Ánimas y San Benito del Campo: al final del Camino de Santiago, Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, D. L.

Fachada Principal Igrexa Santa María do Camiño

Fachada Principal Igrexa Santa María do Camiño