Petroglifo de O Pedroso

Situado nun aforamento aforamento granítico de gran tamaño, os gravados sitúanse a media altura aproveitando unha pequena plataforma horizontal. O conxunto, datado na Idade do Bronce, está composto por tres motivos xeométricos, nove cazoletas e unha figura indeterminada semicircular, cuxa sección do surco é en forma de U. Está conformado por tres grupos de gravados.

O primeiro motivo está composto por unha combinación circular de polo menos trinta centímetros de diámetro composta por dous círculos concéntricos e unha cazoleta central da que parte un radio en dirección sueste que sobresae tres centímetros do circulo exterior.

Un segundo motivo situado ó nordés do anterior, o cal consiste nunha combinación circular de corenta centímetros, conformada por catro círculos concéntricos e unha cazoleta interior da que parte un radio que sobresae cinco centímetros do circulo exterior. En relación cos tres círculos exteriores aparecen ata catro cazoletas.

Por último, o terceiro motivo, situado a dez centímetros ó sur do anterior confórmase por unha combinación circular de vinte e sete centímetros integrada por tres círculos concéntricos e unha cazoleta central da que parten dous radios. Un deles en dirección suroeste que sobresae oito centímetros do círculo exterior e remata noutro círculo de doce centímetros con cazoleta central. Amais un segundo radio que parte en dirección leste e que tamén remata nun novo círculo de 15 centímetros con cazoleta central.


Fontes: