Pazo de Ramirás

O Pazo de Ramirás, situado na Rúa Nova, foi un dos cinco Colexios dos Irlandeses que se abriron en España no século XVI. Porén, o actual edificio responde a unha reforma do século XVIII.

Denominación: Pazo de Ramirás; Pazo dos Irlandeses

Tipoloxía: Arquitectura pacega.

Cronoloxía: Século XVIII.

Uso: Antigo Colexio dos Irlandeses.

Localización: Rúa Nova, nº44.

Coordenadas: 42°52′41″N 8°32′39″W.

Propiedade: Privada.

No século XVI, durante o reinado de Isabel I en Inglaterra, moitos irlandeses víronse obrigados a fuxir a causa da súa persecución, constituíndo comunidades propias ao longo do continente que formaban o que sería o futuro clero de Irlanda. Thomas White solicítalle a Felipe III permiso para construír un colexio, fundado en 1605 e posto a cargo dos xesuítas. O colexio continuou funcionando ata 1770, desaparecendo a raíz da expulsión dos xesuítas decretada por Carlos III. Sobre as súas ruínas alzouse o actual pazo, no que aínda se atisban algunhas trazas do seu pasado irlandés.

A entrada, a modo de tríptico, conéctase coas plantas superiores mediante unha preciosa escalinata. Na primeira planta estivo a Cámara de Comercio, así como o Colexio de Licenciados en Filosofía e Letras e Ciencias, como pon nunha placa da porta. O xardín é un luxo en pleno centro histórico. O mobiliario do interior tamén é de destacar.

Situado na Rúa Nova, estivo parcialmente ocupado ata fai unha década, pois vivía unha muller na primeira planta. E ata fai dúas décadas, a segunda planta albergou a varios irmáns que, ao morrer, deixaron en herdanza a varios sobriños, que son os que están buscando unha saída que poña en valor esta pequena xoia.


Bibliografía: