Pazo de Bendaña

O pazo de Bendaña, actual sede da Fundación Eugenio Granell, foi realizado por Fernández Sarela a finais da primeira metade do século XVIII.

Está ubicado na praza do Toural, adaptándose á irregularidade do terreo, dando a fachada principal a esta praza e as laterais á rúa do Vilar e á rúa Nova.

Denominación: Pazo de Bendaña

Tipoloxía: Arquitectura pacega.

Cronoloxía: Século XVIII.

Uso: Museo.

Localización: Praza do Toural, s/n.

Coordenadas: 42º52'39.9"N 8º32'40.9"W.

Propiedade: Fundación Eugenio Granell.

O interior xira en torno á súa maxestuosa e teatral escaleira, a cal ocupa un espazo cadrangular e de oco libre. Na planta superior estaban o gran salón, o comedor, a cociña e os cuartos da servidume. Na inferior, probablemente estaban os cuartos de familia, os gabinetes e o oratorio.

A fachada principal disponse en corpos cunha distribución das súas ventás totalmente simétrica. Na planta superior, sitúanse tres balcóns apoiados sobre ménsulas. A fachada da rúa do Vilar divídese en tramos separados por pilastras, mostrando tamén tres balcóns. Na da rúa Nova chama a atención a sinxela balaustrada construída sobre a única planta que aquí ten o pazo.

O escudo do marquesado de Bendaña, que preside a fachada principal, está rodeado por unha orla cuidadosamente labrada que mostra diferentes motivos decorativos. Sobre o escudo, aparece unha representación de Atlas sostendo unha esfera sobre os seus ombreiros, a cal representa a bóveda celeste.

No ano 2000, o pazo serviu de sede a unha exposición que festexaba o universo do pintor surrealista Eugenio Granell e da súa esposa. Este artista tiña un convenio firmado co Concello, grazas ao cal comezou a andadura da Fundación que alberga o pazo.


Bibliografía:

Imaxes:

  1. Graeme Churchard from Bristol (51.4414, -2.5242), UK, Santiago de Compostela, Spain-24 (8611596122), CC BY 2.0.