Parque de San Domingos de Bonaval

O parque de San Domingos de Bonaval é un parque situado na antiga horta e cemiterio do convento homónimo. 

Denominación: parque de San Domingos de Bonaval

Tipoloxía: patrimonio natural

Cronoloxía: 1994

Etiquetas / Uso: Xacemento arqueolóxico - Patrimonio da Humanidade - Ben de Interese Cultural...

Localización: Bonaval

Coordenadas: 42°53′01″N 8°32′19″O

Propiedade: Pública

Ten unha superficie de 37.047 m2 e sitúase na aba do outeiro da Almáciga, ao nordeste da cidade. Foi inaugurado o 24 de xullo de 1994, após a rehabilitación do terreo sobre o que se asentaba o antigo convento de San Domingos, transferido ao Concello após a desamortización de 1836. Bonaval está vinculado ás figuras históricas de Bernal de Bonaval, trovador medieval que cita frecuentemente Bonaval nas súas cantigas, e Xoán Tuorum, o Home Santo de Bonaval. O nome posiblemente procede do latín bona valle, referíndose ao fermoso val que forman estas terras.

Os seus artífices foron o arquitecto Álvaro Siza (premio Pritzker no 1992) e a arquitecta-paisaxista Isabel Aguirre de Urcola, dentro da remodelación e posta en valor da zona realizada ao crearse o espazo museístico formado polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). O espazo debía acondicionarse para crear un parque público e acompañar aos novos museos, integrándose co antigo convento. Siza emprende a actuación nun ámbito que o fascinara coas súas plataformas invadidas pola vexetación e contidas por muros medio destruídos. Este espazo foi gañador do Premio Nacional de Arquitectura Manuel de la Dehesa, na IV Bienal de Arquitectura Española de 1997, concedido polo Ministerio de Fomento, o Consejo Superior de Arquitectos de España, a Universidad de Alcalá de Henares e a Universidad Internacional Menéndez Pelayo.

Esta zona da cidade comezara a deteriorarse principalmente a partir de 1960, cando cesa o seu uso como cemiterio. En 1988 anunciouse o proxecto de construción dun parque urbano en terreos de propiedade municipal nas hortas do convento de San Domingos de Bonaval e o antigo cemiterio municipal de Santiago. Integraríase ao complexo cultural formado polo Museo do Pobo Galego, Panteón de Galegos Ilustres e a Escola Taller de Restauración, culminándose coa restauración da igrexa e a parte sur do convento de Santo Domingos, e a creación dun edificio para sede do Centro Galego de Arte Contemporánea. Encargóuselle a Siza a creación do CGAC e a restauración da finca do convento xunto con Isabel Aguirre, que elaboran os primeiros bosquexos do proxecto a partir duns planos da cidade de 1796 e 1907, que se van modificando debido aos numerosos restos que van xurdindo no terreo cando avanzan as labores de limpeza do recinto. Os elementos esenciais da rehabilitación son a pedra, a auga e a vexetación.

Dalgún xeito quíxose manter a aparencia do terreo na época de actividade do convento de San Domingos de Bonaval. Para isto, o espazo conta con tres diferentes zonas, situadas a distintos niveis de altura e divididas por muros de xisto, pedra predominante no solo de Compostela. Estas zonas son as seguintes:

- A parte inferior, que os monxes do convento utilizaban como hortas. Nesta área os frades cultivaban legumes, froitas, viñas e especialmente centeo, nun espazo situado ao pé do cemiterio. Tamén era onde estaba situado o xardín de herbas medicinais coas que nutrían a súa botica, e que foi restaurado en forma de xardín xeométrico. Nesta parte, na que se recuperaron as vellas murallas, mananciais e vexetación, foi situada a escultura de Eduardo Chillida chamada Porta de Música. Nos muros de contención sitúase un sistema de elegantes ramplas para facilitar a accesibilidade. Na entrada conserváronse as pequenas casas como elemento de referencia de escala.

- O antigo Cemiterio Xeral, utilizado como tal entre 1837 e 1960. Nesta zona respectouse a arquitectura funeraria, combinando as nicherías desacralizadas coa implantación de novos xardíns e as fermosas vistas panorámicas da cidade histórica. Na parte alta situouse en 1998 a escultura Espazo Crómlech Ocupado, de Leopoldo Nóvoa. É unha zona que permite a realización de diversos eventos na actualidade.

- A carballeira. Esta zona, separada do antigo cemiterio por un muro de pedra, está na parte máis alta do parque e ten un forte desnivel, resolto mediante sendeiros curvos e plataformas. Aquí colocouse a primeira antena de radio de Galicia en 1933, e quedan restos ademais dunha mina de auga e un lavadoiro.

Bibliografía:

Imaxes: