Parque de Galeras

O parque de Galeras é un parque fluvial de Santiago de Compostela, situado na confluencia dos ríos Sarela e Corgo.

Denominación: parque de Galeras

Tipoloxía: patrimonio natural

Cronoloxía: 1999

Etiquetas / Uso: parque

Localización: rúa das Galeras, 13

Coordenadas: 42°53′00″N 8°32′59″O

Propiedade: Pública

Foi inaugurado en 1999, e ocupa unha superficie de máis de 38.000 metros cadrados, atravesada polo río Sarela e o seu afluente o Corgo. Sitúase nunha zona que sufriu unha reforma total ata converterse nun referente residencial, de calidade de vida e de zonas verdes. Atópase nunha valgada delimitada ao oeste pola Finca do Espiño -na que hai un palacete modernista e un denso xardín- e o monte Pío -onde ten a súa residencia o presidente da Xunta de Galicia- e a o leste pola cidade monumental. Marca o límite entre a cidade e o seu contorno natural. É unha gran pradaría cha, con marcado predominio de céspede e pequenas especies de árbores. Os alciprestes dos illós son máis frecuentes neste parque que noutros da cidade. Pódense ver tanto nas marxes dos ríos como, illados ou en pequenos grupos, nas áreas de céspede. É un parque adecuado para a práctica deportiva -conta con espazos específicos para petanca, fútbol e baloncesto-, o paseo e o xogo infantil -cun parque de xogos-. Nos seus bordos ten varias arquitecturas de autor, e cafetarías e restaurantes con vistas sobre o parque. Pode percorrerse en 10 minutos e está aberto as 24 horas do día, contando con iluminación nocturna. Dispón de miradoiro, áreas de descanso con bancos, itinerarios peonís e pode percorrerse en bicicleta. É accesíbel para persoas con diversidade funcional. Ten fontes de auga potábel.

Após o traslado da Oficina do Peregrino ás súas inmediacións, o parque converteuse nunha zona de gran afluencia de turistas e visitantes que chegan a Santiago polo Camiño. 

No sur do parque atópase a Vacariza do Carme de Abaixo, unha antiga explotación gandeira cuxos terreos e estruturas acollen hoxe edificios de vivendas, rehabilitados polo arquitecto Víctor López Cotelo. A calidade da intervención fíxoa merecedora de do premio da Bienal Española de Arquitectura no 2003. 

En fronte da vacariza, rodeada de árbores froiteiras, está o colexio público Raíña Fabiola, proxectado polo arquitecto italiano Giorgio Grassi. No barrio de Galeras destaca ademais, polo volume e regularidade da súa arquitectura, o antigo Hospital Xeral de Galicia.

Bibliografía:

Enlaces a datos e catálogos