Parque de Brandía

O Parque de Brandía é un gran espazo verde situado no barrio de Vidán (parroquia de Laraño), ás aforas do casco urbano da cidade de Compostela.

Está formado por varias zonas conectadas por un paseo ás beiras do río Sar e unha antiga canle que leva auga desde unha presa construida no río ata unha fábrica de papel do século XVIII.


Denominación: Parque de Brandía

Tipoloxía: Espazo natural.

Cronoloxía: 2003 -

Etiquetas: Parque fluvial.

Localización: Barrio de Vidán.

Coordenadas: 42°52′11″N 8°34′46″W

Propiedade: Pública.

No Oeste da cidade e próximo ao Campus Sur, sitúase o Parque de Brandía, entre Vidán e Paredes de Laraño. Con máis de 6 hectáreas, esténdese pola beira do Río Sar, entre este e a vella estrada a Noia. O río Sar é o elemento vertebrador deste espazo verde, recibindo as auga do Sarela.

O espazo que hoxe ocupa o parque, entre a Ponte Vella e o Paseo de Amaía, foi o escenario a comezos do século XIX dun importante complexo industrial que aproveitaba a auga do Sar para as súas actividades de moído, curtido ou fabricación de papel. A tenería da Ponte Vella, que data de comezos do século XIX, foi a principios do século XX convertida en finca de recreo. Finalmente pasou a ser propiedade do Concello, para a utilización do edifico residencial coma Centro Sociocultural de Vidán, ademais de restaurar o xardín e acondicionar o entorno. Nos anos 90, desenvolveuse a Urbanización Brandía, co espazo entre dita urbanización e o río formando parte do parque tamén. Parte da antiga carballeira e dos xardíns perdeuse pola construción da estrada que une Vigo e Noia, máis en 2006 introducíronse especies autóctonas para contribuír á restauración e a mellora paisaxística e ambiental do parque.

O parque contén o Cedro do Atlas (Cedrus Atlantica), natural das montañas Atlas de Marrocos, habendo bos exemplares no campus sur. Podemos atopar tamén acivro (Illex Aquifolium), especie de gran importancia ecolóxica por fornecer refuxio e alimento a tantos animais durante o inverno. Coma curiosidade, tamén atopamos Camelias comúns (Camellia Japonica), que flanquean o camiño cara á Casa de Brandía, mais son orixinarias de Xapón, ao igual que o Ciprés Xaponés (Cryptomeria Japonica). O parque conta ademais cunha secuoia (Sequoia Sempervirens), onde o único exemplar destaca polo seu elevado tamaño, aínda que en Santiago tamén podemos atopar unha secuoia na Alameda, á carón de Porta Faxeira.

Dentro do parque, atopamos a Casa de Brandía, construída no espazo de recreo polos novos propietarios, logo da antiga fábrica de comezos do século XX. Popularmente coñecida coma Quinta de Brandía, foi propiedade do xuíz A. Fuentes e o seu fillo o poeta Fuentes Jorge ata os anos 70. Actualmente emprégase como Centro Sociocultural de Vidán


Bibliografía:

  • ``Parque de Brandía. Santiago de Compostela´´, Parques de Santiago de Compostela 3, Concello de Santiago de Compostela (ed.), Xuño, 2010

A Casa de Brandía, actual Centro Sociocultural de Vidán