Parque de Belvís

O parque de Belvís é un parque urbano da cidade de Santiago de Compostela, situado a carón do centro histórico, sobre as antigas hortas de Belvís. Ocupa unha superficie de máis de 30.000 m2, situado nunha vagoada atravesada polo rego Cancelón do Sar.

Denominación: Parque de Belvís

Tipoloxía: patrimonio natural

Cronoloxía: 2004

Etiquetas / Uso: 

Localización:

Coordenadas: 42.87739820219228, -8.538313228835285

Propiedade: Pública

O parque construíuse sobre as antigas hortas e agros das frieiras e dos arrendatarios do convento dominico de Belvís, construído no século XIV. Este espazo estaba rodeado de rúas laberínticas (Lagartos, Trisca, Fraguas...) que naceron como derivacións da rúa de San Pedro, seguindo os camiños que levaban ao Sar. Coa desamortización de Mendizábal en 1837, estas terras expropiáronse e puxéronse á venda, permitindo a moitos veciños comprar os foros das terras que traballaban. Ademais, Belvís foi unha importante zona industrial no século XVII xa que contaba con dúas cortidorías. Os restos das edificacións consérvanse aínda no parque, transformadas en centros culturais (Centro de Interpretación Ambiental de Compostela e o Centro de Información de Parques e Xardíns).

En 1992 o Concello acorda exporpiar estas terras de labranza e prado, en total 29.138 m2 de terreo. En 1997 realízase o proxecto de acondicionamento provisional, creando entre a rúa das Trompas e a Porta do Camiño unha área de xogos infantís, unha área de repouso e unha área de hortas. Entre 2000 e 2001 executouse o proxecto de Fernando Martínez Sanadeses para a limpeza e acondicionamento do resto do espazo, con obras de limpeza, demolicións, movemento de terras e plantacións de arborado. En 2004 elaborouse o Plan Especial do Parque de Belvís co obxectivo de preservar a súa singularidade artística e patrimonial. Durante estes anos teñen lugar diversos labores de limpeza e acondicionamento do espazo, tomando como premisa a adecuación á contorna. dando un tratamento que supoña alterar o menos posible a superficie e os elementos arquitectónicos existentes. Procurábase dar un espazo funcional e polivalente, deseñando distintas zonas para actividades variadas: espazos lúdicos, áreas estanciais e de repouso, paseos con vistas panorámicas, zonas deportivas e aparcadoiro controlado. Respectáronse os arbustos e árbores existentes, incorporando novas plantacións.

No parque conviven 745 arbustos de 7 especies distintas e máis de 45 árbores de 45 especies diferentes, con exemplares de diversa procedencia e porte. Hai tanto especies autóctonas como foráneas, predominando as árbores de folla caduca. 

O parque serve de escenario a multitude de eventos e actividades culturais: roteiros medioambientais, festas, feiras, mercados, observacións astronómicas, campañas deportivas, concertos... Desde a parte máis alta gózanse dunhas boas vistas da cidade vella, cun miradoiro situado á altura do mosteiro. Tamén hai hortas municipais, un aparcadoiro con 120 prazas e un espazo para deixar os cans soltos. Na contorna podemos atopar o convento de Santa María de Belvís, o Seminario Menor da Asunción, a capela de San Antonio ou o pazo de Belvís.

Bibliografía:

Imaxes: