Elementos singulares

  • As Marías

Coralia e Maruxa Fandiño eran dúas irmás populares en Santiago na segunda metade do século XX, asiduas paseantes da Alameda ás dúas da tarde. A súa maneira de vestir era moi chamativa para a época, encarnando valores progresistas durante a ditadura de Franco. A escultura foi realizada por César Lombera no 1994.


  • Estatua de Méndez Núñez

Realizada en bronce por Sanmartín de la Serna e inaugurada no 1885, rinde unha homenaxe ao contraalmirante da Armada Nacional, primeiro en dar a volta ao mundo nun acorazado e participante na guerra do Callao. Escultura realista, onde o heroe militar aparece cos atributos militares que o identifican. Actualmente, está situada no medio dun estanque.


  • Quiosco de música

Templete para concertos de estilo modernista, obra de García Vaamonde do 1896. Ten unha base de pedra sobre a que se asenta unha estrutura de ferro forxado que mostra símbolos musicais e aves mitolóxicas.


  • Banco acústico

Proxectado por Fernández Rangel no 1916, é un banco semicircular de pedra construído de forma que transmite polo seu interior o son de lado a lado, sendo usado antigamente, segundo se di popularmente, para escoitar as conversas dos namorados.


  • Igrexa do Pilar

Construída en 1717, tal vez sobre planos de Domingo de Andrade. A fachada foi reformada máis tarde, conservando os rasgos principais do barroco compostelán. O peche do atrio é de finais do século XX.


  • Escola infantil Santa Susana

Proxectada en 1908 por Antonio Palacios, é de estilo modernista. A súa construción coincidiu coa Exposición Rexional Galega levada a cabo en 1909, da que formou parte. Tamén foi un laboratorio. Dende mediados dos 70 é unha escola infantil.


  • Estatua de Pedro Pais Lapido

Obra de Larrauri do 1916. Foi o presidente da Exposición Rexional Galega do 1909, motivo polo que se erixiu o monumento.


  • Escalinata de Santa Susana

Foi proxectada para salvar o desnivel da igrexa co paseo da Ferradura. O proxecto inicial é de finais do XIX, con modificacións posteriores, realizándose finalmente a proposta de 1903 de Pereiro Caeiro, modificada con posterioridade.


  • Igrexa de Santa Susana

Fundada polo arcebispo Xelmírez no século XII, foi destinada para albergar as supostas reliquias da santa, traídas polo arcebispo dende Braga, buscando así reforzar o interés relixioso da cidade. A igrexa actual é de estilo barroco, quedándolle algúns restos románicos, como a portada.


  • Estatua de Rosalía de Castro

Obra de Isidro de Benito e de Francisco Clivilles do 1917. É unha homenaxe a unha das figuras máis importantes da cultura galega. O monumento inclúe personaxes populares, presentes nas súas obras, e títulos dalgunhas delas, así como placas conmemorativas de agrupacións que a recordan.


  • Escalinata ao Campus Sur

Proxecto inicial de Candeira Pérez, reformado por José María Banet no 1940, une o paseo da Ferradura co Campus Sur. Componse de catro planos conectados mediante escaleiras dobres enfrontadas.


  • Estatua de Manuel Ventura Figueroa

Realizada por Vidal y Castro a finais do século XIX, é unha homenaxe a este prelado, embaixador de Carlos III e fundador dunha institución benéfica que aínda perdura. Inicialmente estaba situada fronte ao Colexio de San Clemente, onde está actualmente a fonte.


  • A Leiteira

Estatua realizada por Xosé Eiroa na primeira metade do século XX, é unha homenaxe ás leiteiras, que ían vendendo de casa en casa nas cidades galegas ata finais do século XX.


  • Cruceiro do Gaio

Típico cruceiro do rural galego, realizado no século XVII como ofrenda dun matrimonio devoto.


  • Escultura de Valle-Inclán

Obra de César Lombera de 1999, é unha homenaxe ao escritor creador da estética do esperpento.


  • Porta dos Leóns

Proxecto de Julián Pastos do 1835, está composta por dous corpos abertos con dous leóns acostados nas súas cimas. Orixinalmente, estaba situada fronte á Porta Faxeira, estando na actualidade no inicio do paseo da Ferradura.


  • Monumento a Castelao

Realizado por Francisco Leiro en 1995, rinde unha homenaxe a un dos expoñentes máximos do galeguismo.


FONTES