Parque da Alameda

A Alameda de Santiago de Compostela, ou o Parque da Alameda de Santiago de Compostela constitúe o parque urbano máis destacado da cidade de Santiago de Compostela.

Denominación: Parque da Alameda.

Tipoloxía: Espazo natural.

Cronoloxía: Século XIX.

Etiquetas: Parque urbano.

Localización: Alameda de Santiago.

Coordenadas: 42°52′36″N 8°32′50″W

Propiedade: Pública.

A súa orixe remóntase á doazón dos terreos á cidade por parte do conde de Altamira a mediados do século XVI. A partir dese momento fóronse configurando os espazos de arboredas pensados para o recreo e o esparcimento. No século XIX comézase a realizar o parque actual, que ao principio estaba pechado, algo propio do Romanticismo da época, pero que paulatinamente se foi abrindo. O espazo actual, resultado dos proxectos e reformas sucesivos, consta de tres zonas principais: a carballeira de Santa Susana e os paseos da Alameda e da Ferradura.

O paseo da Alameda, que antes se coñecía como Campo da Estrela, foi creado polo concello na primeira metade do século XIX. Esta área está dividida en tres espazos, antigamente concebidos para separar as diferentes clases sociais, ademais dun espazo externo, onde actualmente hai un estanque. Hai exemplares de diferentes especies de árbores, así como bancos e asentos de pedra e de ferro forxado.

A carballeira de Santa Susana mantén o mesmo aspecto dende o século XVIII. Ao longo do século XIX e gran parte do XX, acolleu a feira do gando da cidade, pero dende 1971 a súa función é soamente recreativa, servindo de campo da festa nalgunhas festividades locais. Recibe o nome da igrexa medieval que rodea.

O paseo da Ferradura, tamén do século XIX, disponse como un cinturón que rodea a carballeira de Santa Susana, e pódese dividir en tres partes: o paseo dos Leóns, con dous templetes clásicos con esculturas de leóns no comezo, que discorre entre dúas filas de carballos, en paralelo coa rúa do Pombal, podendo disfrutar de fermosas vistas sobre a catedral, con bancos e miradores; o paseo de Bóveda, o máis interno e cercano á carballeira; e o paseo das Letras Galegas, o máis externo, que conecta co Campus Sur mediante unha magnífica escalinata de pedra e que conta con diferentes especies de árbores.

Todo o conxunto mostra diversos elementos de interese artístico e histórico, isto unido ao seu interese botánico. Ademais, alí celébranse numerosas festas e actos culturais e populares.


Bibliografía:


Imaxes:

  1. Reservas de Coches, Alameda de Santiago de Compostela, CC BY 2.0.

Paseo da Alameda
Paseo da Ferradura
Carballeira de Santa Susana