Iria Flavia

Santa María de Iria Flavia é unha parroquia e un lugar do municipio de Padrón na provincia da Coruña en Galicia. Entre a confluencia do río Sar e o Ulla, foi un porto importante, mais destaca na historia compostelá por outro motivo.

Foi sé dunha das dioceses galegas de maior poderío na Alta Idade Media, ata ser trasladada a Santiago de Compostela, un cambio que viño motivado pola importancia que adquiriu a cidade polo descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago.

A Igrexa, o adro e parte do cemiterio ocupan unha necrópole datada a partir do século V. Na igrexa podemos atopar un dos órganos máis valiosos de Galicia, amais de lápidas e sartegos contemporáneos, nos que podemos atopar a Camilo José Cela e os seus antergos.

Denominación: Iria Flavia

Tipoloxía: Poboación.

Cronoloxía: 74 d.C.

Etiquetas: Parroquia.

Localización: Padrón.

Coordenadas:

Propiedade: Pública.

Historia:

Dende o reinado de Flavio Vespasiano ten a súa orixe histórica o distrito de Padrón; mais esta cidade tarraconense da Hispania Citerior, denominada Iria Flavia, merece a importancia xeográfica que se lle deu. A época romana foi un elemento civilizador, que deu fundamento á construción de gran número de pobos, e elevou o rango da cidade citada. Galva foi o emperador romano que máis contribuíu á formación destes pobos da Hispania Tarraconense, mais a suposta chegada de Santiago o Maior cara ao 34 d.C. dende Terra Santa, supón un punto de partida pra a tradición Xacobea. Logo da morte de Santiago na cidade de Jaffa, a tradición di que os seus restos foron trasladados por barca ata Padrón, sendo logo depositados nun lugar remoto, no monte Libredón, onde hoxe en día está a Catedral.

Vespasiano concedería o Dereito Latino á cidade de Padrón, designándoa co seu nome ``Flavia´´. Este título só era atribuído aos pobos predilectos, sendo Padrón un deles, polas súas terras fértiles, un basto extenso cheo de gando, cereais e legumes, ademais dos recursos dos ríos e mares. A realidade e que un gran número de portos da costa tarraconense disputáronse a gloria de recibir ao Apóstolo, cando logo da morte de Xesús, levou o Evanxeo aos derradeiros confíns. Suponse que Santiago viviu perigos en Hispania mentres predicaba nestas terras, mais por iso pasou moito tempo en Iria (Padrón) coma unha residencia fixa que convertería no seu centro de propaganda .

Cando chegou o día de abandonar estas terras, o evanxelista regresou a Xerusalén nos días de Pascua do ano 44 d.C., sendo o primeiro Apóstolo en ser martirizado, logo de que Herodes Agripa mandarao decapitar. Morto Santiago, os 7 discípulos que lle acompañaban embarcaron co seu corpo pra atravesar o Mediterráneo ate chegar as grandes rías de occidente. Logo de entrar pola ría de Padrón as santas reliquias son depositadas aquí, gardándoas en Iria nun sepulcro de mármore, máis logo escondidas nos vales próximos, quedando oculto durante anos. Destes feitos, nace a ostentación que ofrece a metade do escudo de armas da cidade de Santiago: unha estrela de ouro sobre un sepulcro de mármore branca.

No que á dominación romana refírese, Iria Flavia foi unha das mellores mansións militares do seu itinerario guerreiro, partindo desta cidade as vías de comunicación cara ao resto de terras galaicas, cheas de riqueza e de recursos. Cando a decadencia romana chegou ao seu término e o politeísmo pagán ía desaparecendo, os pobos bárbaros comezaron a ser máis exaltados, acabando por invadir o territorio romano.

O dominio romano trouxo un favorable desenvolvemento, con gran multitude de obras públicas, pontes, novas vilas e camiños. Xa co mando de Diocleciano, comeza a era dos mártires, tendo lugar o Edito de Nicomedia proclamando o exterminio dos cristiáns. Daciano foi o o gobernador responsable para dar conta da execución dende os Pirineos ate o Océano. Logo do horror destruíronse as igrexas, queimando libros santos e actas de mártires. O exterminio remataría por chegar a Padrón, máis moitos dos habitantes de Iria Flavia atoparon refuxio na altura das montañas, no que, dise, os máis fieis transportaron as reliquias ate depositalas nun lugar seguro. Non por isto deixaría Padrón de ser unha cidade de populoso tráfico, que conservou o seu apoxeo comercial.

A forza social que conmoveu e derribou ao Imperio, disolvíase nun corpo soluble dentro do gran recipiente do cristianismo, fluíndo a idea do Deus único. Durante este apéndice de idade antiga e prólogo da idade media, dominou o carácter guerreiro dos antigos bárbaros. Os suevos que penetraron en Galiza eran os máis bravos da raza xermana, exterminando poboacións enteiras, pero coa chegada dos godos e a súa disposición de establecer unha monarquía electiva, libráronse mil contendas entre visigodos, ostrogodos e arriáns que rematarían por dominar aos suevos, alanos e vándalos. Pero tempo despois o rei Teodorico castigou en Galiza a insolencia dos suevos, preparando o terreo para a paz que chegaría con Leovixildo, e mais o seu fillo Recaredo, que reconciliaría as terras da península coa cadeira apostólica despois de converterse ao catolicismo durante o Concilios 2º e 3º de Toledo en 587 e 589.

Dende estes tempos xa atopamos na historia relixiosa aos bispos irienses, directores da Sé Apostólica, cuxa cronoloxía comeza con Andrés entre 561 e 572; logo Domingo dende antes de 589; Samuel antes do 633; Golumaro no 637 ata despois do 648; Vinlle no 653; Idulfo Félix no 675 e 683; Selva á finais do século VII e Leosindo á comezos do s. VIII. Mais a Igrexa prosperou xa en tempos da dominación árabe baixo a dirección de Emilia, Romano, Agustín, Honorato, Quendulfo I, Quendulfo II e Teodomiro, que foi logo o primeiro bispo compostelán ao comezo do século IX. Para os altos postos, comezarían a nomearse duques de provincias, condes que mandaban en cidades e vilas. Os concilios pasaron a ser comicios, amalgamando as asembleas coa disciplina da Igrexa e cas leis civís. 18 concilios foron celebrados en pouco máis dun século en Toledo, Braga, Mérida, Tarragona e Zaragoza.

Xa en tempos da conquista árabe da Península, Afonso I, sucesor de Favila e xenro de Pelaio, aumentou considerablemente o territorio conseguindo ensanchar os dominios monárquicos dende o mar Cantábrico ate o Douro, abrazando toda Galiza e a parte de Portugal entre Douro e o Miño. Débense a Afonso I moitas obras de restauración nas poboacións galegas, tocando Padrón algo destas melloras. As Torres do Leste, aínda conservadas na desembocadura do río Ulla , coma outras Torres que xa non existen na Ría de Arousa. Logo de Afonso I, seguiulle D. Fruela, fundador de Oviedo, e unha serie de usurpadores, coma Aurelio, Silo, Mauregato e Bermudo o Diácono, que operaron o trono ata que o fillo de Fruela, Afonso, puidera ser elixido rei.

Afonso II dotaría á cidade de Oviedo de suntuosos templos, reedificando antigas igrexas, e rodeado dun gran número de bispos, elixiu a Adulfo, que tivo a honra de ser o primeiro prelado de elección real en Oviedo. Neste reinado e aos case 8 séculos de ocultación, apareceu o corpo do Apóstolo Santiago, milagroso suceso segundo os devotos cronistas da Idade Media, máis foi un sensible acontecemento en sentido material pra o pobo de Padrón. O feito do descubrimento, segundo varias citas, aínda que de problemática designación, debeu ocorrer antes de 814. O sepulcro polo tanto converteuse nunha ruta, mais tamén nun obxectivo dos saqueadores vikingos e normandos entre os séculos X e XI, polo que Afonso V ordenou reconstruír as Torres do Oeste e o antigo Castellum Honesti, de orixe romana, a comezos do século XI, polo que a vila deixou de ser asaltada e desfrutou de gran prosperidade durante os séculos XII e XIII, e o Arcebispo Xelmírez, nado nas Torres do Oeste, sería un dos artífices desta prosperidade. ​



Bibliografía:

- Miñón, Leonardo: Iria Flavia: Renacimiento de la villa de Padrón. Resumen histórico desde los tiempos de Roma hasta la constitución de la sede episcopal compostelana, Edicións do Cerne: Santiago, 2011

- Iria Flavia (s.d.) Galipedia, dispoñible en https://gl.wikipedia.org/wiki/Iria_Flavia,_Padrón.


A Igrexa de Santa María de Iria Flavia

O rei Afonso II

O bispo Teodomiro