Igrexa de Santo Agostiño

O convento de Santo Agostiño, situado na praza do mesmo nome, foi construído a mediados do século XVII, cunha doazón do conde de Altamira, para a orde dos Agustinos Calzados. A igrexa e o claustro son obra de Fernández Lechuga.

Denominación: Igrexa de Santo Agostiño

Tipoloxía: Edificios relixiosos.

Cronoloxía: Século XVII.

Uso: Colexio Maior Universitario.

Localización: Rúa de Santo Agostiño, nº2.

Coordenadas: 42°52′51″N 8°32′28″W.

Propiedade: Compañía de Xesús.

A fachada da igrexa é dun barroco clasicista, e está estruturada en dous corpos. No inferior aparece unha imaxe da Virxe da Cerca dentro dunha hornacina, así chamada por ter estado na antiga muralla. No superior, unha ventá, todo isto rematado por un frontón partido. Soamente conta cunha torre inacabada, xa que a outra foi destruída por un raio a finais do século XVIII.

O interior é de planta rectangular con capelas laterais. A cuberta é de bóveda de canón e a cúpula de media laranxa sen tambor. O retablo maior, de finais do século XVII, está atribuído a Pedro Taboada.

O convento, tras as políticas desamortizadoras, foi exclaustrado, estando actualmente ocupado polos xesuítas e funcionando como colexio maior.


Bibliografía:

Imaxes:

  1. Zarateman, Dominio Público, via Wikimedia Commons.