Igrexa de San Miguel dos Agros

A Igrexa de San Miguel dos Agros encóntrase situada na praza de San Miguel e foi levantada no século XVIII en estilo neoclásico.

Denominación: San Miguel dos Agros

Tipoloxía: Edificios relixiosos.

Cronoloxía: Século XVIII.

Etiquetas: Igrexa

Localización: Rúa de San Miguel dos Agros, nº3.

Coordenadas: 42°52′56″N 8°32′34″W.

Propiedade: Igrexa católica.

Historia:

A orixe da igrexa parroquial de San Miguel de Agros (antes coñecida como San Miguel de Cisterna) remóntase ó século X.

Na época da súa fundación, este templo situábase extramuros da primitiva muralla da cidade, ata que no século XI levantouse a segunda e definitiva muralla, de moito maior perímetro que amparaba o antigo núcleo intramuros e o suburbio onde se situaban o mosteiro de Pinario e a igrexa de San Miguel.

Durante a primeira metade do século XII, o crecemento da poboación, a creación de novos servizos e o desenvolvemento de novas arquitecturas, complementouse coa rehabilitación e reconstrución dos templos máis antigos. San Miguel de Agros foi unha desas arquitecturas reconstruídas, comezándose en 1122 a levantar un novo edificio románico con catro capelas realizadas ó longo dos séculos XIV e XVI.

Posteriormente, no século XVIII a igrexa desaparece, subsistindo apenas algúns sillares e o Agnus Dei que atópase aínda hoxe na fachada.

A partir desta reconstrución o templo presenta unha orientación Norte-Sur, contraria á primitiva e tradicional Leste-Oeste

É importante destacar que nesta época as cubertas necesitaban ser reparadas, polo que o compostelán Fernando de Casas Novoa deseña un novo plan de abovedamento. Este proxecto barroco non foi realizado por Casas Novoa debido a que este estaba ocupado coas obras da fachada do Obradoiro, polo que é substituído por Clemente Sarela en 1745.


Arquitectura:

A igrexa de San Miguel de Agros presenta unha planta peculiar debido ó cambio de orientación do século XVIII antes mencionado.

Debido a esta alteración o templo adquire unha configuración basilical en planta que se orienta cara a unha estrutura de tres cortas naves de dous tramos separados por grosos pilares e arcos de medio punto e cubertas con bóvedas de aresta.

Esta aparente articulación basilical do espazo, con tres naves desiguais e capela maior cadrada con ampla sacristía detrás do retablo maior lógrase co novo aproveitamento que se fai do templo preexistente e das súas capelas.

En cuanto á fachada, o director da obra ía ser Melchor de Prado (mestre de obras da Catedral de Santiago entre 1807 e 1815), pero, debido ó atraso dos traballos, este non rematou o proxecto, sendo José Otero quen adaptou o seu deseño e concluíu a fachada entre 1823 e 1828.

A fachada de San Miguel de Agros salva o desnivel do terreo adiantando lixeiramente a planta. A obra completouse en sillería de granito e articúlase nun único tramo flanqueado por pilastras xónicas pareadas e dous vanos: a porta adintelada e un óculo enmarcado por un cadrado afundido levemente.

As pilastras xónicas elévanse sobre un podio, presentan fustes estriados e capiteis con volutas e grilandas. Sobre estes capiteis encóntrase un entablamento liso, coroado por un frontón triangular.

Nos dous campanarios síguese a empregar a orde xónica, mantendo así a unidade de deseño. Cada torre componse de dous corpos con cupulín; o inferior é de planta cadrada con pilastras xónicas que enmarcan o vano onde se atopan as campás, mentres que o segundo corpo é de planta circular que se alixeira con vanos con arco de medio punto.


Interior:

Da decoración interior é importante destacar o retablo maior, realizado por Pablo Rosende en 1786 e policromado en 1794 polo pintor compostelán Antonio Mariño.

Nel están aínda presentes peculiaridades do Barroco, como no feito de debuxar a planta en curva ou na presenza de frontóns semicirculares partidos.

As esculturas son encargadas a Antonio Fernández, menos a de San Miguel, da que non se sabe moi ben a súa procedencia.

O retablo, formado por dous corpos, levántase sobre un basamento de pedra e axústase ó testeiro. O primeiro corpo consta de tres tramos separados por dúas columnas e dúas pilastras de fuste liso e capiteis corintios, mentres que nos extremos colócase unha pilastra a cada lado da mesma orde.

O tramo central está ocupado por un expositor de tipo clasicista rematado pola efixie da Fe, realizada por Juan Pernas en 1809, e de dous imaxes dos padres da Igrexa: San Mateo e San Marcos.

O segundo corpo do retablo elévase sobre un entaboamento clásico que serve de apoio ó frontón triangular e ten unha hornacina coa imaxe de san Miguel flanqueado por dous anxos orantes axeonllados.


A pintura mural:

As pinturas representan catro escenas con pasaxes bíblicos: no muro do lado este, aparece Moisés ante a silva ardendo e Moisés coas táboas da Lei, mentres que no oposto aparecen Caín e Abel e o sacrificio de Isaac.

É importante destacar que, comparando as características estilísticas de cada unha das pinturas, pódese observar que estas encóntranse distanciadas no tempo e que ademais non foron obra do mesmo autor, senón de tres mans diferentes.

Bibliografía:

  • FERNÁNDEZ CASTIÑEIRAS, E., San Miguel dos Agros, Xunta de Galicia: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Santiago de Compostela, 2001.

  • TAÍN GUZMÁN, M., “El urbanismo de Santiago de Compostela: un plano con las plazuelas de San Martín y San Miguel, de 1709”, Espacio, Tiempo y Forma, Serie VII, 1998, pp. 199-215.

  • Centro Virtual Cervantes, “Iglesia de San Miguel de Agros” <https://cvc.cervantes.es/artes/ciudades_patrimonio/santiago/paseo/sanmiguelagros.htm> [Consultado o 06/02/2019].