Igrexa de San Fiz de Solovio

A igrexa de San Fiz de Solovio encóntrase situada no casco histórico de Santiago de Compostela, ó sur do Mercado de Abastos.

Considérase a esta igrexa unha das máis antigas da cidade.

Denominación: Igrexa de San Fiz de Solovio.

Tipoloxía: Edificio relixioso.

Cronoloxía: Século XII.

Etiquetas: Igrexa; Lugar de culto; Patrimonio da Humanidade.

Localización: Praza de San Fiz de Solovio, 1B.

Coordenadas: 42°52′46″N 8°32′30″W.

Propiedade: Igrexa católica.

A lenda conta que foi neste lugar onde se encontraba orando o eremita Paio cando observou as luces que lle indicaron a situación dos restos do Apóstolo Santiago.

Anos máis tarde, o bispo Sisnando edificou alí un pequeno santuario, que sería destruido posteriormente por Almanzor.

Máis adiante, no ano 1122, coa axuda do bispo San Pedro de Mezonzo e o arzobispo Xelmírez, reconstrúese como unha pequena igrexa románica. Deste edificio só se conservan algúns restos nos alzados norte e sur da actual nave central.

Por outro lado, pénsase que esta reedificación respetou a antigua planta, pero ó no conservarse ningún elemento anterior a 1122 isto non se pode demostrar.

Posteriormente, entre o 1625 e o inicio do século XVIII, tiveron lugar unha serie de reformas nas que se amplía a igrexa, ábrense as capelas laterais, refórmanse o ábside e a sacristía e constrúese o campanario. Este campanario destaca porque foi construído por Simón Rodríguez, un dos arquitectos máis destacados do barroco galego.

Tamén é importante mencionar a restauración de 1970, na que os paramentos cubríronse con mortero e cal e leváronse a cabo remodelacións de tipo construtivo.

Na actualidade o edificio consta dunha nave principal, un coro ós pés, dúas naves laterais, dúas capelas e dúas estancias máis que serven como sacristía e almacén, ademais dunha ábsida de planta cuadrangular e o campanario.

A pesar de todas as remodelacións e restauracións, na portada aínda se conserva o tímpano orixinal románico. Este conxunto foi labrado no ano 1316 e representa a escena da Epifanía. No centro atópase a Virxe co Neno. A Virxe mira ó espectador mentres que o Neno diríxese ó rei Melchor. Á esquerda da composición sitúanse os Reis Magos que adoran ó neno, e na dereita o doante da obra (neste caso Juan de Ben) axeonllado xunto a San Xosé, que se apoia nun bastón.

O tema da Epifanía está estritamente relacionado coa cidade de Santiago, xa que a Adoración dos Reis considérase o preludio das peregrinacións. Así como os Reis Magos seguiron a luz da estrela ata chegar ó Neno, os peregrinos seguen a vía das estrelas para chegar ó sepulcro do Apóstolo Santiago.

Bibliografía:

  • BLANCO ROTEA, E., "La arqueología en el muro: lectura estratigráfica de parámetros en San Fiz de Solovio", Grupo de Investigación de Arqueología del Paisaje. Departamento de Historia I. Universidade de Santiago de Compostela.

  • MANSO PORTO, C., "Un tímpano singular vinvulado al arzobispo fray berenguer de Landoria (1317-1330) en Santa Cristina de Fecha", Abrente: Boletín de la Real Academia Gallega de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario, Santiago de Compostela, 2006-2007, Nº 38-39, pp. 75-116.

  • VVAA., "Una experiencia en la aplicación del Láser Escáner 3D a los procesos de documentación y análisis del Patrimonio Construido: su aplicación a Santa Eulalia de Bóveda (Lugo) y San Fiz de Solovio (Santiago de Compostela)", Arqueología de la arquitectura, Madrid, 2008, pp. 15-32.