Granxa do Xesto

A Granxa do Xesto é un parque urbano compostelán situado na entrada ao Monte Pedroso. Consta de lagoas artificiais, masas arbóreas e unha cafetería con parque infantil, así como cun pequeno aparcamento para vehículos.

Denominación: Granxa do Xesto

Tipoloxía: Espazo natural.

Cronoloxía: 2003 -

Etiquetas: Parque urbano; Bosque.

Localización: Monte Pedroso, s/n.

Coordenadas: 42°53′38″N 8°33′36″W.

Propiedade: Pública.

O parque da Granxa do Xesto está situado na ladeira oeste do monte Pedroso. Accédese dende Galeras, atravesando a Ponte de Asén e subindo por Casas Novas. Conserva en gran parte as formacións vexetais nativas, que conviven con outras de nova incorporación. Conta ademais cun conxunto de pequenos lagos. Nos seus 82.711 m2 ofrece case 3 quilómetros de sendas que permiten achegarse a un elevado número de especies tanto de flora coma de fauna pertencentes a hábitats terrestres e acuáticos.

A Granxa do Xesto era en orixe unha área de produción forestal de escasa rendibilidade, coexistindo nela especies autóctonas e introducidas para o seu aproveitamento. Cando xurdiu a idea de transformar o lugar nun espazo verde para a cidadanía, formulouse o obxectivo de recuperar en parte a fraga atlántica orixinal. O parque actual é o produto da eliminación de eucaliptos e acacias, especies de forte carácter invasor, pero conserváronse os carballos e bidueiros, así coma exemplares de piñeiros, pequena masas de castiñeiros e demais. Nas inmediacións do parque podemos atopar á Selva Negra, unha finca dunhas 19 hectáreas dispostas pra a veciñanza.

A Granxa do Xesto, caracterízase por atoparse a medio camiño entre un parque urbano e un monte mixto, pero ademais en varios puntos podemos atopar minas de auga, ocos dos que mana a auga que sae ás lagoas. Estes medios húmidos e subterráneos son esenciais para moitas especies, entre elas a salamántiga. Un lago grande, situado case no centro xunto cuns máis pequenos, achegan un singular valor a este parque. Nas inmediacións do parque atopamos toxos, queirogas, xestas, bidueiros e demais.

Na parte final do percorrido, podemos atopar unha fonte onde a auga das minas do monte Pedroso, logo de percorrer todo o parque, cae nunha pía para logo pasar a circular soterrada. A presenza do medio acuático, distingue á Granxa do Xesto dos outros parques, polo que atopamos catro lagoas artificiais intercomunicadas que recollen auga da ladeira do monte. As inmediacións acuáticas do parque acollen: salgueiros, xuncos, lirios amarelos, espadanas, herba lameiriña, lentella de auga e nenúfares brancos, ademais de libeliñas e cabaliños do demo, efémeras, ras verdes, lavandeiras brancas, xirínidos, zapateiros, barqueiros, ditíscidos, troitas, frigáneas, moscas e mosquitos, e pintafontes (anfibios).


Bibliografía:

- ``Granxa do Xesto. Santiago de Compostela´´, Parques de Santiago de Compostela 1, Concello de Santiago de Compostela (ed.), 2009

Visión das lagoas

Posta de sol dende o parque