Facultade de Ciencias da Comunicación

A Facultade de Ciencias da Comunicación é un edificio de estilo neorracionalista situado na Avenida de Castelao de Santiago de Compostela. Desde a súa fundación no ano 2000 alberga ao alumnado das carreiras de Periodismo e Comunicación Audiovisual, e tamén conta cunha biblioteca.

Denominación: Facultade de Ciencias da Comunicación

Tipoloxía: Facultade

Cronoloxía: 2000 -

Etiquetas: Universidade; Biblioteca.

Localización: Campus Norte, Avd. de Castelao, s/n.

Coordenadas: 42°53′31″N 8°32′36″W.

Propiedade: Universidade de Santiago de Compostela.

Coincidindo co ano xacobeo de 1993, encargóuselle a construción da Facultade de Ciencias da Comunicación ó arquitecto Álvaro Siza.

Decidiuse que este edificio debía estar situado no Campus Norte da Universidade de Santiago de Compostela, de modo que se integrase no complexo de edificios universitarios preexistentes.

Finalmente, o 29 de febreiro do ano 2000, a facultade abre as súas portas e, ese mesmo ano, Siza recibe o premio Sécil de Arquitectura pola súa obra.

O edificio, de tipo neorracionalista, consta dun volume de tres plantas e 127 metros de longo, cuxo contorno desmémbrase para adaptarse ás condicións topográficas do lugar.

O corpo principal alíñase na súa cara sur co fronte da veciña facultade de Filoloxía, e agrupa as aulas ó longo dunha galería orientada ó norte.

Os espazos asociados a usos comúns (a biblioteca, o auditorio, os platós, os estudos de cine e as salas de visionado) adósanse de maneira perpendicular á galería mencionada, dando lugar a un esquema compositivo en peite que deixa patios abertos nas rúas situadas ó norte e ó sur.

A entrada á facultade ten lugar dende o sur, baixo o corpo flotante de biblioteca. Ó interior, un atrio de dobre altura insértase entre o aulario e a zona de audiovisuais, flanqueado por sendas escaleiras de tramo recto que dan acceso á pasarela diagonal que une a biblioteca coa galería.

Na biblioteca, as salas de lectura distribúense en dúas alturas, coa mediateca instalada ó longo dun deambulatorio anular situado sobre os cubículos individuais de estudo que rodean a zona xeral do nivel inferior.

Por último, mencionar os peculiares lucernarios oblicuos que iluminan o lugar, que teñen formas prismáticas e cilíndricas.

Fontes:

  • SIZA VIEIRA, A., “Facultad de CC. Da Comunicación, Santiago”, AV: Monografías, Nº 81-82, 2000, pp. 66-71.

  • VVAA., Álvaro Siza. Obras y proyectos, Electa, Santiago, 1995.