Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro

O Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, coñecido ata 2018 como Estadio Multiúsos de San Lázaro, é un estadio situado no barrio de San Lázaro. Nel caben 16.666 persoas, e as súas dimensións son 105 x 68 metros. Desde 2018 leva o nome da futbolista compostelá Verónica Boquete.

Na actualidade é o feudo local do SD Compostela. Nas súas instalacións teñen as súas sedes a Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o departamento de Deportes do Concello de Santiago, a Delegación local de Fútbol, a Federación Galega de Baloncesto, a Federación galega de Caza, a Escudería Compostela, o Comité local de árbitros de Fútbol e o Moto Club Compostela.

Denominación: Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro

Tipoloxía: infraestruturas/enxeñaría fabril

Cronoloxía: 1993

Etiquetas / Uso: 

Localización: Avda. de Fernando Casas Novoa, 20

Coordenadas: 42°52′58″N 8°30′58″O

Propiedade: Pública

Foi deseñado polo arquitecto coruñés Andrés Fernández-Albalat. O campo é de herba natural. A súa construción comezou en 1991, no arrabalde leste da parroquia de San Lázaro. O estadio ten forma oval e o tellado de cor terracota, deseñado para aguantar unha posible ampliación cun segundo chanzo no lado oeste. O campo está rodeado dunha pista de atletismo de case 400 metros de lonxitude, algo inusitado nos estadios españois. A maior parte dos seareiros poden estar sentados en cadeiras individuais, todos eles baixo cuberto. 

A inauguración tivo lugar o 24 de xuño de 1993, cun torneo a catro entre o Deportivo da Coruña, o CD Tenerife, o Club Atlético River Plate e o Sao Paulo. O Dépor e o River xogaron o primeiro partido, marcando Bebeto o primeiro gol.

A pista de atletismo ten oito carreiros, pero por non acadar os 400 metros, a Federación Galega nunca lle concedeu a homologación para a desputa de competicións oficiais. Non obstante, varios clubs da cidade empregan as instalacións para adestrar, habendo uns 300 usuarios federados e uns 50 particulares.

O estadio acolleu un partido da selección galega de fútbol en 2005, un partido da selección española de fútbol en 2012 e un encontro da selección española de rugby en 2013. 

Bibliografía:

Imaxes: