Edificio Castromil

O edificio Castromil, coñecido previamente coma Café-Bar Quiqui, foi un edificio de estilo modernista situado en Santiago de Compostela, sendo derrubado en 1975. 

Atopábase na antiga praza de García Prieto, hoxe en día Praza de Galicia.

Denominación: Edificio Castromil

Tipoloxía: Edificios

Cronoloxía: 1926 - 1975

Uso: Cafetería; Administración.

Localización: Praza de Galicia.

Coordenadas: 42°52′36″N  8°32′40″W.

Propiedade: Privada.

O Edificio

O arquitecto coruñés, Rafael González Villar (1887-1941), autor entre outras do Kiosko Alfonso (Coruña), proxectouno en 1922, mais Antonio Alfonso Viana coordinou as obras en 1926. Os seus promotores foron os socios composteláns Manuel Ramallo Gómez e Ángel Gontán Sánchez, pra destinalo a ser un café-bar e restaurante. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia pronunciouse nos anos 70 en contra do seu derrubamento, argumentando que tiña que ser declarado monumento histórico-artístico. Pero xa foi expropiado ao concello en 1974 e sería derrubado ao ano seguinte, pese aos intentos de arquitectos e veciños por paralo.


A Historia

A actual praza de Galicia de Santiago de Compostela sufriu ao longo do s. XX a demolición e construción de novos edificios constantemente. Nesta praza, o viaxeiro atopábase co Pazo da Inquisición, derrubado en 1913 para levantar o Teatro Royalty en 1921, que acabou correndo a misma sorte en 1930, erguendo o Hotel Compostela no seu lugar. Xa en 1926, constrúese o famoso edificio destinado a ser bar, consolidando a situación do emprazamento coma praza de forma moito máis clara. O máis avanzado da época no campo construtivo atopábase alí, dende escaleiras de mármore, vidrieras ou o chan poroso. Ademais, deleitaba coa nova música e dispuña os novos gustos ao alcance de todos. Na parte baixa atopábamos o restaurante, rodeado de mesas de mármore para xogos de cartas ou dominó. Na parte superior, había salas destinadas coma faladoiros, e mais un amplo local para bailes e concertos. 

Pero o edificio modernista pronto pasou por apuros económicos, levando ao traspaso do café bar. A empresa Castromil mercou as instalacións en 1929, establecendo a sede da compañía de buses. As oficinas instálanse na planta baixa do edificio, e a Comandancia Militar e Subdelegación de Facenda tamén chegarán a instalarse, neste caso, na parte superior. Evaristo Castromil, chegou a manifestar desexos de habilitar a parte de enriba coma vivenda, mais a familia non aturaba a contaminación e ruído que traian consigo os buses.

Xa na década dos 70, a proximidade do Ano Santo 1976 fomentaría o plan de derrubamento para instalar un aparcadoiro por mor dos coches circulantes. O derrubamento foi levado a cabo en Setembro de 1975 ante unha negativa resposta cidadá. Ademais da significación do seu autor, Rafael González Villar, dentro da arquitectura modernista galega, o Edificio Castromil fora o edificio máis representativo da arquitectura compostelá de comezos do século XX. O derrubamento provocou un cambio de perspectiva con respecto ao patrimonio histórico da Galicia e máis a súa conservación. 


Bibliografía:

- https://gl.wikipedia.org/wiki/Edificio_Castromil  

- Colegio Oficial de Aparejadores y Arquitectos Técnicos de Cataluña y Baleares (ed.), ``Otras obras destruidas: el Edificio Castromil´´, CAU: Construcción, Arquitectura, Urbanismo, nº33 (1975), p.50

Derrubamento do Edificio Castromil (Setembro-Outubro de 1975)

A Praza Galicia en tempos máis recentes

A Praza de Galicia na actualidade. 

Pódese observar o parque infantil e á súa dereita o Hotel Compostela