Convento de San Francisco

O Convento de San Francisco é un convento compostelán fundado polo propio San Francisco en 1214, durante a súa visita á cidade.

Porén, desa primeira construción só se conservan algúns arcos no claustro principal, e sería Ginés Martínez o encargado de realizar o novo claustro no 1607.

O convento actual foi construido entre os séculos XVII e XVIII.


Denominación: San Francisco de Val de Deus

Tipoloxía: Edificios relixiosos.

Cronoloxía: Séculos XVII-XVIII.

Etiquetas: Ben de Interese Cultural; Monumento histórico-artístico; Hostelaría; Museo.

Localización: Rúa do Campiño de San Francisco, nº3.

Coordenadas: 42°53'01"N 8°32'43"W

Propiedade: Privada.

A igrexa foi construida no 1742 por Simón Rodríguez, con reformas posteriores de Manuel Caeiro. Consta dunha planta de cruz latina cunha nave con capelas laterais e tribuna que se abre á nave central. Está cuberta por bóveda de canón con cúpula de media laranxa que presenta un corpo octogonal cara ao exterior. Vemos a austeridade típica do interior das igrexas barrocas.

A fachada é un reflexo da estrutura interna, con tres partes en correspondencia coas tres naves, servindo as laterais como basamento das torres. Corresponde á madurez do autor, cun estilo máis repousado, onde o dominio do estrutural sobre o decorativo se fai evidente, alonxándose da fórmula que utilizou na fachada de Santa Clara. A proximidade do proxecto co da fachada do Obradoiro explica a coincidencia do espírito ascendente de ambas obras; ademais, o uso de gravados nórdicos por parte de Simón Rodríguez repercutiu no parecido coas igrexas alemás do XVIII, algo que se pode ver no perfil bulboso do remate das torres.

No medio de dous pares de columnas toscanas sitúase a porta e, sobre ela, a imaxe de San Francisco, realizada por José Ferreiro e enmarcada por dúas columnas rematadas en cilindros, algo típico de Simón Rodríguez. A decoración que enmarca a escultura tamén é típica do autor. A cornisa que separa os dous corpos é típica da Academia, así como o segundo corpo, que xa é de estilo plenamente neoclásico.

Estamos, pois, ante unha obra que mostra a transición entre o Barroco e o Neoclasicismo, personificada esta transición en Simón Rodríguez.

Fronte ao convento está situada unha escultura de Francisco Asorey, rematada en 1930, a cal conmemora o sétimo centenario da morte de San Francisco. Está realizada dunha maneira que alude ao estilo austero de vida do santo.


Bibliografía:

Imaxes:

  1. Xosé, Dominio Público, via Wikimedia Commons.