Convento das Mercedarias Descalzas

O Convento das Mercedarias Descalzas é un convento da cidade de Santiago de Compostela de mediados do século XVII.

Denominación: Convento das Mercedarias Descalzas.

Tipoloxía: Edificios relixiosos.

Cronoloxía: Século XVII.

Etiquetas: Convento.

Localización: Tránsito da Mercé, nº1.

Coordenadas: 42º52'39.9"N 8º32'30.9"W

Propiedade: Orde das Mercedarias Descalzas.

Pertencente á orde de clausura das Mercedarias Descalzas, foi fundado na segunda metade do século XVII (comezou a construirse en 1674) polo arcebispo Girón, cuxo sepulcro está ubicado na igrexa. Está situado extramuros, fronte á porta de Mazarelos, a única que se conserva da antiga muralla, e elevado sobre unha plataforma.

A igrexa sitúase no centro da metade dereita do conxunto. Iniciada por Diego Romay, é de planta de cruz latina, cunha soa nave, estando o centro do cruceiro rematado por unha cúpula. Esta igrexa interrompe a horizontalidade do resto do convento.

A fachada, dun estilo barroco sobrio, mostra tres corpos flanqueados por dúas pilastras corintias de orde xigante e polo campanario do século XVIII. No corpo inferior sitúase a portada, mentres que os dous superiores aparecen contidos nun único arco cego que marca no exterior a estrutura dunha soa nave do interior. No corpo do medio aparece un relieve da Anunciación, obra de Mateo de Prado, flanqueado por escudos episcopais. No corpo máis alto, distintos motivos vexetais colgan do frontón.

O retablo maior, de finais do XIX, mostra imaxes relacionadas coa historia da orde, así como un relieve da Anunciación no centro, nun claro paralelismo coa fachada.


Bibliografía:


Imaxes:

  1. Zarateman, Dominio Público, via Wikimedia Commons.