Baldaquino da Catedral de Santiago

O Baldaquino da Catedral de Santiago de Compostela é unha estrutura arquitectónica empregada para coroar e monumentalizar o sepulcro do Apóstolo na capela maior.

Denominación: Baldaquino; Tabernáculo da capela maior.

Tipoloxía: Outros elementos relixiosos e de devoción popular.

Cronoloxía: Século XVII.

Etiquetas: Monumento; Catedral.

Localización: Catedral de Santiago de Compostela.

Coordenadas: 42°52'50"N 8°32'38"W.

Propiedade: Privada.

Baldaquino da Catedral de Santiago

Idea de Vega y Verdugo.

Proxecto de Domingo de Andrade. 1660-1672.


Historia

En 1655 Felipe IV doa á catedral de Santiago unha tea, con panos bordados, rubidos e pintados, para embelecer a capela maior. De aí xorde a idea de realizar un baldaquino, en tallas douradas, con columnas salomónicas. É preciso lembrar que este tipo de columna entrou en España, por Compostela, na obra do mestre Cabrera para a capela das Reliquias, ao ano seguinte do seu emprego por Bernini no altar de San Pedro de Roma.

A idea e os debuxos iniciais debéronse a Vega y Verdugo, Conde de Alba, personalidade decisiva nos rumbos da arte barroca. Ademais do estudo e dos bosquexos de Vega y Verdugo, o Cabido reuniu trazas e informes de Alonso Dueñas, Pedro de la Torre, Onofre Catalán, Francisco Dantas, Cabrera, Peña de Toro…

Domingo de Andrade dirixiu os traballos dende 1664, mentres que na decoración e na escultura interviñeron: Pedro del Valle, Blas do Pereiro, Mateo de Prado, Barreiro, Serrano, Fernández… Os traballos duraron dende 1660 a 1672 e prolongáronse por minucias adicionais. O camarín acubillado polo baldaquino requiriu de importantes labores de ourivaría, mantendo así a tradición dos altares precedentes.

Aínda que supuxo a invención dunha solución sorprendente por parte de Vega y Verdugo, é de destacar a man de Andrade na realización. Grazas a el erixiuse un baldaquino “aéreo”, non soportado por columnas, en forma nunca vista, superando a obra romana de Bernini, como se propoñían Vega e os seus colaboradores.


Descrición

Aparece como erguido en albas por catro parellas de anxelotes que apoian un dos seus pés no entablamento dos grupos de columnas salomónicas, e sosteñen sobre un ombreiro a pirámide de tres corpos, flanqueado o primeiro polos símbolos das Virtudes, o segundo coa imaxe de Santiago Cabaleiro e o terceiro, como remate, con anxos portadores de bandeiras e, no máis alto, pináculos, con estrelas.


Modelos e influxo

Clara é a influencia do baldaquino de Bernini. Vega y Verdugo contemplárao probablemente nalgunha das súas viaxes; nos seus escritos deixa constancia da súa admiración por este. É importante citar o gravado sobre o “Triunfo da Canonización de Fernando III o Santo”, por Valdés Leal.

O modelo de Compostela séguese noutros exemplos destacables como: o baldaquino do Santo Cristo da Catedral Ourensá e o do mosteiro de Santa María a Real de Oseira, propagando o modelo italiano, re-interpretado no ámbito galego.


Bibliografía:

Enlaces a datos e catálogos