Casa do Deán

A Casa do Deán é unha construción de estilo pacego construida entre 1747 e 1753. Nun inicio pertencente ao patrimonio de Doña Xoana de Ulloa, máis adiante serviu como residencia para os bispos que viaxaban a Santiago e, por último, tamén foi empregada como fogar dos deáns da Catedral.

Denominación: Casa do Deán de Santiago

Tipoloxía: Arquitectura pacega.

Cronoloxía: Século XVIII.

Etiquetas: Residencial; Administración.

Localización: Rúa do Vilar, nº1.

Coordenadas: 42°52'47.1"N 8°32'39.1"W.

Propiedade: Privada.

O conxunto pacego

Estudo arquitectónico e estrutural

Para o seu estudo arquitectónico e estrutural cabe diferenciar tres partes: o casarón propiamente dito, actualmente número un da Rúa do Vilar, o edificio do portalón do xardín, sen número, e o esconce con soportal, que ostenta o número tres. Estes dous últimos concíbense, en boa medida, como peche monumental do xardín interior e para desafogo da vivenda principal así como para situar as tendas.


  1. O casarón

A casa constitúe un bloque macizo de tres plantas, salvo a torre que ten catro. As catro alturas actuais da parte este son froito dunha reforma en 1755-1756. Dita distribución tradúcese ao exterior nos tres pisos da fachada principal, na Rúa do Vilar, separados por marcadas liñas de imposta. Este lenzo constrúese con sillería, que lle proporciona calidade estrutural e tectónica, e disponse entre dúas esveltas e monumentais pilastras toscanas de fuste macizo, como é habitual na arquitectura palaciega compostelá. Con todo, estes soportes presentan a particularidade de que non arrincan directamente do chan, senón que o fan dende a imposta da primeira planta. Apóianse no seu correspondente plinto, do que colga unha placa xeométrica recortada. Tal arranque débese a que a esquina noroeste córtase en chafrán para facilitar a circulación pola Cruz do Vilar.


Fachada da Rúa do Vilar

A distribución dos ocos nos diferentes pisos organízase en seis tramos, os cinco primeiros simétricamente, situando o sexto a modo de engadido no extremo dereito. Todos presentan marcos moldurados e abacelados.

No baixo, atópase: a porta principal de acceso ao edificio, no eixo central, dúas xanelas de pequeno tamaño, unha a cada lado, co enreixado orixinal, e outras dúas similares ás anteriores, pero de maiores proporcións; a da dereita é rasgada ata o nivel do chan e serve de entrada a un comercio de nome “Botafumeiro”, pero en orixe era o acceso da cocheira e pechábase cun portalón de castiñeiro de dúas follas.

Na primeira planta, dispóñense dúas bufardas apaisadas sobre as xanelas con enreixado e dúas portas-xanelas nos extremos, cuxos marcos, con “orejones”, arrincan por baixo da imposta que lles corresponde.

Na segunda planta, ábrense cinco portas-xanelas e unha ventá con mainel horizontal.

Todos os cóbados superiores destes vans invaden o friso do entablamento, xerando un xogo de entrantes e saíntes que dinamiza, coa acción da luz, o remate do edificio.


A portada principal contrasta coa austeridade do resto da fachada pola súa asombrosa decoración pétrea tallada, cargada de valores sensoriais e emocionais. Abraza os dous pisos inferiores e trátase dun exemplo de pericia arquitectónica maxistral sobre o valor expresivo da masa e o volume, que converte o inmoble nunha obra mestra do barroco de placas. Non hai un só motivo naturalista. A porta é de dobre folla con fechadura adornada coa cruz de Santiago entre as cabezas dunha aguia bicéfala e baixo a coroa real, conxugando o carácter capitular do edificio coa súa función de acoller a delegados reais durante os anos santos, e pecha o van rectangular de acceso. Este é alintelado e enmárcase co característico alfiz barroco e as súas correspondentes aletas. Á altura da clave o marco dóbrase, aproveitando o crebo para a inclusión dun cubo de pedra co típico emblema que determina a propiedade capitular: a cuncha xacobea, aínda que aquí sobre dous bordóns cruzados en aspa. Do prisma colga un cilindro baleirado e conta co seu propio entablamento, pequeno e saínte, que serve de peana ao enmarque da pinga da balconada superior. Tal enmarque consta dun panel caixeado, superposto a outro de trazo trapezoidal sobre o que se deslizan senllas dobres volutas, como as xa vistas, aínda que, neste caso, as inferiores rodean o crebo do lintel e apóianse sobre senllos canotos de pedra. Aos lados da clave dispóñense dúas ménsulas dentadas, con pinga circular, sobre as que se asentan dous pináculos piramidais e de bóla, que se apoian no muro.

Os tres vans centrais, no último piso, dan acceso a unha espectacular balconada, moi voada e de trazo curvo no centro.

En canto ás reixas, son as orixinais: unha balaustrada de ferro forxado con balaustres torneados e “eses” metálicas nos ángulos. Varias esferas de bronce dourado adornan as esquinas da varanda dos balcóns pequenos, mentres que o grande, dadas as súas proporcións e situación, dispón dunha cruz de Santiago, no centro do barandal, e tirantes férreos complementarios, adornados cada un cunha flor de lis.


Fachada da Rúa de Gelmírez

Dado o seu emprazamento nun viario, tamén se constrúe, en boa parte, con sillares ben cortados, particularmente na zona que rodea os vans e a esquina da Cruz do Vilar, sendo o resto mampostería revogada dende 1924, imitando bloques de pedra.

Consta de tres plantas cuxos vans se organizan en seis tramos. Os tres primeiros parecen gardar certa simetría. No primeiro tramo: un tragaluz apaisado, unha xanela con marco abacelado e unha porta-xanela con saída a un balcón de ferro, con montante; o segundo tramo: unha porta, con marco pétreo alintelado que descansa sobre grosas molduras, apenas desbastadas, e lobuladas no arranque inferior, unha xanela con marco abacelado e outro van con montante; o terceiro tramo: unha bufarda apaisada, unha xanela con marco abacelado e unha porta-xanela con montante; no cuarto tramo dispóñense sucesivamente: unha bufarda, como as anteriores, co peche de ferro orixinal, e dúas xanelas, a superior con parteluz horizontal; o quinto tramo: unha porta e unha xanela; e no sexto tramo: un balcón cuxa varanda é semellante ás dos balcóns na Rúa do Vilar.

No extremo esquerdo disponse unha terceira porta que permite o acceso ao canellón entre esta casa e o xardín da Casa da Balconada. Ao seu lado ábrese un ventanuco.


A fachada Este

Fachada que se abre cara ao canellón. É de mampostería caleada. Hoxe consta de catro plantas, pero orixinalmente tiña só tres, excepto a torre do sueste que sempre contou con catro. O piso engadido data de entre 1754 e 1755, cuxo fronte presenta dende entón o aspecto actual. A altura do cercado da Casa da Balconada fixo que non se abrisen ocos practicamente ata o nivel da segunda planta. De feito, algúns dos actuais débense a reformas modernas. Son orixinais, no baixo: a porta inmediata ao postigo de Gelmírez, que dá acceso a unha escada, e talvez os dúas bufardas centrais. Na primeira planta: a ventá próxima ao canellón e as dúas xanelas do extremo contrario; na segunda: os seis vans con montante. E finalmete na terceira: os tres tragaluces, o do centro agrandando posteriormente.


A fachada Sur

Fachada que dá ao curral, presenta forma en escuadra (ou en U se contamos o terrado) e tamén está construída con mamposto enlucido, salvo esquinas e áreas próximas aos vans. Sarela presta unha especial atención á súa construción, dado que nela atópase un dos salóns principais da casa. Tal función privilexiada explica a distribución simétrica dos vans e que se enmarquen con alfices abacelados. No baixo: tres ventás, a terceira de factura moderna, xa que en realidade era a porta que comunicaba, por un corredor, o xardín co impluvio; na primeira e segunda plantas: seis portas-xanelas, cinco con varanda, as superiores con montante e a central con acceso a unha balconada con balaustrada de ferro.

Un factor que apenas se ten en conta á hora de estudar os exteriores da arquitectura barroca é a cor. Boa parte dos edificios construídos nos séculos XVII e XVIII presentaban un aspecto moi diferente ao actual, grazas a certas notas de colorido nas súas fachadas de pedra ou encaladas. En concreto, nesta casa, pescudouse que, polo menos dende 1787, as portas píntanse de verde, mentres que os tragaluces e as ventás de vermello. Ambos son tons vivos, que contrastarían co gran do granito e o branco dos enlucidos.

Doutra banda, as frontes das tendas habilitadas, (as tres citadas e outras dúas que se tratarán máis adiante) na planta baixa, se policromaron de branco nunha data imprecisa, ocultándose os sillares.


O interior do edificio

Organízase en tres plantas, ás que hai que sumar o ático ou faiado, o último piso da torre e o engadido na parte este. Articúlase ao redor dun impluvio ou pequeno patio interior que permite a entrada de luz a un bo número de estancias e un acceso rápido deade a área residencial á área do curral e cortes dos cabalos.

No baixo, entrando pola porta do Vilar, accédese a un amplo recibidor pavimentado de laxas e cun banco corrido de pedra pegado a boa parte do muro, destinado a “parladoiro” e a montar e desmontar comodamente das cabalerías. A escasa luz que entra polos dous tragaluces, non era o habitual, crese que as dúas xanelas da actual entreplanta pertencían, nun primeiro momento, ao recibidor, o cal tería entón o teito moito máis alto. Tal suposición apóiase no estraño corte do derrame interior da porta de acceso e na interrupción da decoración da portada das escaleiras; ademais, a entreplanta parece unha construción moderna. Unha fotografía, previa á intervención de Pons Sorolla no zaguán, en 1948, e á recuperación do actual teito lígneo, mostra como este se cubría ata entón por un teitume estucado decimonónico decorado no centro por un óvalo co escudo capitular.

A este vestíbulo ábrense tres portas, dúas delas con marcos abacelados; pola porta norte accédese a estancias, ocupadas hoxe pola tenda da Universidade de Santiago, que no seu día, xunto coas distribuídas ao redor do patio, estiveron pavimentadas de pedra e serviron como cuadras de animais e para almacenaxe de produtos agropecuarios. Igualmente, a porta sur comunica directamente con outro comercio. Este sitúase no recinto da antiga cocheira, descrita nun informe de 1863. Unha estancia onde se gardarían as carruaxes dos invitados de honra de Ulloa, quen accedía ao vestíbulo e á escaleira principal do inmoble pola devandita porta, mentres os criados subían as equipaxes por unha escaleira interior de servizo.

As escaleiras nobres do inmoble, eixo organizador do interior, comunican, aínda hoxe, o recibidor coa área residencial propiamente dita. A mesma presenta un marco decorativo rechamante. Consta do característico alfiz abacelado con dobres volutas aos lados, as inferiores de maior tamaño. Encima do lintel aséntase unha placa de pedra, hoxe escondida baixo o teitume de madeira, que puido ser de trazo semicircular e flanqueada por “eses” pétreas.

Se no Renacemento a escaleira interior palaciega deixa de ser puramente utilitaria para converterse nun signo de distinción, este obxectivo enaltecedor poténciase aínda máis, se cabe, no Barroco. Así, a escaleira desta casa é ampla e conta con banzos anchos e baixos que lle imprimen un carácter monumental e solemne, como as de moitos pazos e edificios nobres galegos.

Componse de seis tramos cos seus correspondentes relanzos.

Por outra banda, a escaleira presenta unha curiosa particularidade inédita en Compostela e é que, en cada planta, o primeiro tramo ábrese en abanico curvo para recibir ao visitante.

O impluvio constitúe unha área de paso entre o portal do Rego de Auga e o corredor sur, que permitía, no seu día, o acceso directo ao curral. De feito é esta vertente, ao sur, a única con soportal de dous arcos; estes apóianse nun alicerce de granito entre cuxo capitel e os salmeres disponse un medio tubo cilíndrico, así a estrutura adquire a inestabilidade que busca o seu autor: un efecto anticlásico xa que as roscas dos arcos se apoian sobre unha superficie curva.

Pola contra, na cara norte do patio disponse un corredor con accesos ás tres estancias da parte norte, e no lenzo leste dúas portas: pola primeira entrábase a unha cuadra e pola segunda accédese ao limiar dunha escaleira que ascende ata a terceira planta.

Todas as xanelas da casa que dan ao perímetro do impluvio polo norte, o leste e o sur, manteñen o montante orixinal, salvo as reformadas e as engadidas na última planta. En cambio, os vans do lenzo occidental son enormes bufardas apaisadas, dispostos para iluminar a caixa da escaleira principal.


- A primeira planta

Foi moi modificada recentemente. A súa distribución respecta a orixinal, descrita nun documento de 1863. Estaría composta de catro habitacións, todas con pisos e teitos de madeira de castiñeiro.

A parte norte é agora sede das oficinas do Museo Catedralicio e a parte sur é a actual Oficina do Peregrino.

O citado informe de 1863 permite coñecer, de maneira xeral, como era orixinalmente e analizar que se respectou co paso do tempo.


- A segunda planta

Mantén, en maior medida, a organización orixinal barroca. A ala norte volve ser unha vivenda privada, coa súa distribución interior algo modificada. O informe de 1863 permite comprobar que esta, no devandito ano, era similar á do piso inferior, é dicir, contaba coas mesmas catro estancias, máis unha quinta, a actual cociña, que entón dispoñía dunha cheminea francesa da que se conserva o caño exterior embutido nun muro.

De todas esas habitacións o que mellor se conserva actualmente é a sala da esquina noroeste, a cal forma parte dunha rede de salóns comunicados entre sí, dispostos na parte oeste, a do Vilar, e na parte sur, cara ao xardín.

Polos memoriais e contas localizados no Arquivo da Catedral, dedúcese que todos presentaron, no seu momento, unha rica decoración, con pinturas nas paredes e nos teitos, e con portas policromadas ou forradas de tea. O actual empapelado de paredes e cornixas é posterior ao ano 1879.

* O primeiro salón conta con dous balcóns, un á Rúa do Vilar e outro a Gelmírez. Conserva boa parte da decoración pintada e unha cheminea francesa.

* O segundo salón é o máis grande. Con tres portas que comunican coa balconada principal cara á Rúa do Vilar. As súas paredes decóranse cun papel estampado de paneis xaspeados azuis, e a cornixa cunha cenefa de acantos dourados. A súa decoración anterior ao incendio do ano 1879 coñécese grazas ao informe de 1863 e ao Boletín de 1869.

* O terceiro salón ten un balconcillo no extremo e unha xanela cara ao Vilar, así como dous accesos á terraza inmediata. As súas paredes perderon a decoración, aínda que a norte conserva os estantes dunha antiga librería, refeita tras o devandito incendio. Tamén perdura unha antiga cheminea de ferro, e o papel estampado da cornixa: un friso arquitectónico con modillóns representados en perspectiva. Como nos casos anteriores, coñécese a súa decoración antiga grazas ao referido documento de 1863 e ao Boletín de 1869.

* O cuarto salón ilumínase grazas a tres portas-xanelas, a central con acceso a un balcón. Igualmente dispón de dous accesos: un directo á galería descuberta do Vilar, e outro ao gabinete da librería, este último, cunha dobre porta de cuxo descanso arrinca a escaleira de servizo que vai á cociña do piso superior. As paredes aquí decóranse con pinturas de estilo imperio, e o teito cunha xesería. Ambas (pinturas e xesería) son posteriores ao incendio.

Dado o seu interese, as pinturas merecen unha especial atención As actuais datan de entre finais do século XIX e principios do XX. Trátase de grandes paneis con figuración, aínda que os da parede sur perdéronse. Dispóñense sobre un zócolo de mármore de cor azul, separando ambos rexistros un listel en madeira dourado, percorrido por unha cinta en espiral adornada de cereixas. O programa iconográfico do conxunto alude ao ciclo estacional. Así, en catro grandes paneis píntanse alegorías da catro estaciones do ano: o inverno: representado por un home cuberto cun manto, contra o frío, que porta un hornillo para quentarse, e por un cesto de follas marchitas; a primavera: interpretada como unha doncela que porta flores de vivas cores, e como un cesto cheo de flores; o verán: personificado por un campesiño na sega, e como un cesto de espigas; e o outono: presentado como unha muller na vendima, e como un cesto cheo de uvas. Noutros dous paneis, píntanse senllas alegorías do amor profano e do amor sacro. Na primeira aparece Cupido, co seu arco, rodeado de putti danzando e cun simbólico cesto de flores marchitas aos pés. Na segunda, o amor, que porta a coroa da vitoria e un pebetero, é rodeado de novo por putti danzando, e acompáñase tamén dun cesto, pero esta vez de froita catada. E no gran panel da parede norte represéntase o rostro do Deus Pan, deus da natureza, cun vaso de cinzas alusivo á morte e ao paso do tempo. Sobre as portas dispóñense escenas pintadas sobre a vida do apóstolo Santiago, inspiradas en gravados sen localizar. Aínda que retocadas posteriormente, constitúen as pinturas máis antigas da casa, datan do século XVIII, e as únicas que sobreviviron ao incendio de 1879.

O ciclo comeza na porta do gabinete da torre e continúa en sentido contrario ás agullas do reloxo. Así, a primeira escena representada é, probablemente, a vocación de Santiago; a segunda a predicación do Apóstolo en Hispania; a terceira o seu martirio en Xerusalén; e a cuarta o desembarco do seu corpo, en Padrón, polos seus discípulos Teodoro e Atanasio. Dita serie completábase coa desaparecida gran imaxe de Santiago, pintada no teito da estancia. O estucado continúa o programa xacobeo.

O contido xacobeo da ornamentación da sala, xunto coa cuncha sobre bordóns da fachada, a cruz de Santiago na fechadura da entrada principal, a outra cruz no balcón principal e a arca do bastidor da porta interior do recibidor, establece un nexo permanente coa basílica do apóstolo, coa que o edificio e os seus habitantes estiveron ligados dende a súa construción.

* O quinto salón é en realidade un “gabinete” e disponse na torre da casa. Accédese ao mesmo grazas a unha porta da sala anterior ou a partir doutra aberta nun corredor. Conta cunha ventá, un balcón cara ao xardín e unha xanela cara ao canellón.

O baño actual data de 1930, cando o gabinete se converteu en dormitorio do deán. Actualmente a habitación presenta zócolo e paredes pintadas, pero non é a decoración orixinal, que se describe nun informe de 1863 (en cambio o Boletín de 1869 afirma si é a orixinal).

Polas novas escaleiras accédese ao “comedor”, situado no último piso da torre, ben iluminado por tres portas-xanelas que dan ao xardín e por unha bufarda que dá ao canellón; ao faiado da casa, a área residencial dos criados e ao lugar onde pernoitaban, como o demostra a actual división de tabiques. No centro da parte oeste áchase a despensa e a cociña principal da casa.


2) O edificio da porta dos carros e o xardín

O edificio do portalón do “curral” ou “dos carros” consta só de dúas plantas. A súa menor altura con respecto ao edificio anterior pode deberse a un desexo de diferenciar o casarón principal e co fin de proporcionar unha maior iluminación ás dependencias superiores do referido bloque. Na fachada cara a Rúa do Vilar, toda ela de sillería, distribúense, no baixo, a entrada principal e dúas tendas, unha a cada lado. O gran tamaño da porta principal débese a que a súa función era permitir a entrada de carros. En canto ás dúas tendas, constan dun gran van rectangular pechado, en parte, por un antepeito de pedra sobre o que se dispón o banco pétreo. No primeiro piso dispóñense, en eixo cos ocos inferiores, tres xanelas con cóbados, montante e cella protectora que se corresponden con tres cuartos abovedados e pavimentados con amplas laxas de pedra, e que na actualidade pertencen á vivenda e á tenda dispostas no esconce con soportal. Con todo, en orixe, ditas habitacións tiveron unha función diferente á actual, tendo en conta que toda esta parte do conxunto arquitectónico sufriu moitas reformas e engadidos posteriores.

Nun principio todas estas estancias comunicábanse co casarón principal a través dunha porta, hoxe tapiada, aberta na parede sur da sala ó Vilar da primeira planta (da súa existencia dá conta un documento de 1869). Co tempo, devandito acceso deixa de ser operativo e as habitacións cédense aos arrendadores das tendas, posiblemente para ser utilizadas como almacéns.


A fronte remátase cunha balaustrada de pedra. En realidade, tal varanda, xunto coa disposta no lado contrario, de ferro, salvo os pedestais de granito, pechan a terraza superior, unha das áreas lúdicas privilexiadas da residencia. A fachada este, de cascallo caleado, achábase parcialmente modificada por mor da habilitación dun establecemento e os seus correspondentes almacéns, todo iso recentemente derrubado.

Así, o baixo conta coa entrada dos carros , agora recuperada; e o primeiro piso cunha xanela e un balcón que parecen modernos, e un caño de pedra, antigo, que evacua a auga procedente da terraza.


Patio ou xardín interior, de trazado rectangular, que aínda conserva parte das parras e do arboledo plantado polos últimos residentes. Nel habilítase un acceso para os habitantes e convidados da casa, cuxo percorrido comeza na porta no baixo da ala sur e se dirixe, por un corredor empedrado, ata o soportal do impluvio. O perímetro péchase ao levante, en boa medida, co valo que o separa do xardín da Casa da Balconada. Aí desemboca o canellón que rodea o inmoble polo lado leste, e que permite outra entrada discreta ao recinto, a través dun postigo habilitado en Gelmírez. Devandito canellón ocupa un terreo que se atopaba entre a casa dos Chavarría e o muro do Conde de San Juan.


3) O esconce con soportal

O esconce con soportal ocupa o terreo da antiga casa aforada polo cabido ao doutor Arellano. A súa angostura e profundidade orixinais veñen condicionadas polo soar precedente e polo dereito da casa seguinte, a que hoxe ostenta o número cinco, a conservar as súas luces. Consta dun primeiro e segundo pisos. A fachada ao Vilar conta con tres plantas, aínda que non chega a alcanzar a altura do casarón, e dúas frontes, unha cara ao norte e outra cara ao oeste.

* O baixo é un soportal que continúa no inmoble seguinte. Componse ao norte e ao oeste por senllos arcos de medio punto apoiados sobre dúas ménsulas dentadas, insertos nun alfiz refundido e coa clave adornada por unha placa en avultado relevo. Debaixo dunha das ménsulas figura o selo do cabido, unha cuncha e as letras STº alusivas a Santiago, xa que se trata dunha propiedade capitular. O soportal acubilla unha tenda de dimensións similares ás xa vistas. Con todo, aquí hai unha novidade: mantense intacta a porta da carpintería orixinal de Clemente Sarela. Esta é de dobre folla, decorándose ambas con baleirados de trazo circular e tres recuadrados refundidos con placados superpostos.

A fronte leste áchase moi modificada. En orixe dispoñíase en liña coa porta do curral, pero hoxe tanto o baixo como a primeira planta introdúcense varios metros no lenzo do xardín. Só a segunda planta conserva á vista a fronte orixinal e conta cunha xanela que permite a entrada de abundante luz ao interior, aproveitándose a esquina nordés para a instalación dun reloxo de sol.


- Interior

No interior do inmoble a distribución foi moi modificada. Evidentemente, o baixo sempre estivo ocupado pola mencionada tenda-taller dun artesán da cidade.

Na primeira planta disponse unha sala cuberta cunha bóveda de pedra, salvo na parte que cae ao soportal, que conta con “ceo raso”. No muro norte sitúase unha cheminea francesa e dous arcos que descargan o peso superior. Un van permite o ingreso ao primeiro piso do edificio engadido na parte de atrás, no xardín, habilitándose, no conxunto, unha vivenda alugada a composteláns. Cando Epifanio Díaz construíu este anexo tamén habilitou unha porta na tenda, ao presente tapiada, para permitir aos novos inquilinos acceder á planta baixa, onde se achaba entón a adega.

A segunda planta, de superficie moito máis reducida, atópase intacta e conserva a súa entrada orixinal pola terraza descuberta do corpo do portalón. Consta de dous cuartos cuxa finalidade ten que ver coas celebracións e actividades de lecer desenvolvidas neste perímetro. A referida cheminea do esconce é a número seis do conxunto pacego, e mantén o seu correspondente caño exterior, o máis sinxelo dos seis.

Ningún inmoble da cidade presenta tal abundancia de “arquitectura do fume”, as cales, neste caso, forman parte inherente do mesmo. Así, as horizontais fachadas remátanse, ademais de polos seus entablamentos e as súas pronunciadas cornixas, por estas chemineas. Estas dispóñense como ao azar, segundo as necesidades de puntos de lume no interior do edificio. Tamén aparecen a distintas alturas e, aínda que gardan certa semellanza de forma, ornato e proporción; unhas son simples, outras medianas e outras colosais.


Localización e perspectivas urbanas

Coa construción da Casa do Deán configúrase momentaneamente a chamada popularmente “Cruz do Vilar”, é dicir, a encrucillada formada polo encontro da Rúa do Vilar coa praza de Praterías e a Rúa de Gelmírez. A súa localización estratéxica, ao final da rúa que dirixe aos veciños e viandantes dende o sur da catedral, outorga ao seu perímetro unha especial importancia na vida económica da cidade. Ábrese unha nova praza no armazón urbano de Santiago, a praza da embocadura da citada Rúa do Vilar. A mesma tiña e ten varias funcións. Por unha banda, ampliar o perímetro económico da praza de Praterías, para facilitar un rápido e confortable tráfico de persoas e produtos; por outro, permitir a cómoda percepción da fachada do novo edificio e do xogo de vistas das Praterías e a catedral.

Esta praza desemboca polo sur no esconce con soportal construído por Sarela. A distribución dos viarios en torno ao conxunto palaciego e a disposición mesma deste último foi perfectamente estudada polo arquitecto, coa intención de xerar unha serie de perspectivas coas que sorprender e asombrar ao peregrino. A fachada principal do casarón funciona como orixinal pano teatral arquitectónico dun dos eixos visuais máis suxestivos da cidade, que comeza ao saír da catedral, pola portada sur, e poténciase conforme se avanza cara ao centro da praza e á Rúa do Vilar, descendendo pausadamente os chanzos que unen os seus dous niveis actuais. Tal efecto sublíñase aínda máis grazas ao enmarque das edificacións que ocupaban os soares do actual Banco de España e da actual Casa do Cabido. O valor dado á devandita perspectiva refórzase co tratamento que se dá ao arranque da fachada de Gelmírez, onde se utiliza a cantería, se instala un balcón similar aos da fronte principal e se continúa o entablamento deste último. O mesmo sucede coa esquina contraria, aínda que en menor medida.

O recinto despexado disposto diante da casa concíbese, en boa medida, para a admiración do traballo da pedra na fronte do conxunto palaciego. Cabe mencionar o procedemento seguido no esconce con soportal. Tamén se constrúe con excelente sillería e organízase separadamente, con entidade propia.


Repercusión do Edificio

Moitas das experiencias ensaiadas por Clemente Sarela na Casa do Deán aplícanse, de novo, noutras obras súas posteriores. Con todo, é o Pazo de Bendaña o que máis se vai a nutrir deste.


O Pazo de Bendaña edifícase na década de 1740 por Clemente Sarela. A súa realización alóngase á década de 1750, e inflúense mutuamente ambas as edificacións. Isto explicaría que aínda en 1759 Andrés Vicente Piñeiro e Ulloa pida permiso ao concello para construír o peche e a galería da Rúa Nova, e as sospeitosas similitudes entre ambos edificios. Clemente Sarela volve construír un gran complexo pacego diante da Praza do Toural, e ocupa a mazá delimitada polas rúas do Vilar, a Rúa Nova e o canellón de Entre Rúas. O seu lenzo principal organízase de maneira similar a Casa do Deán, cunha planta baixa que conta coa entrada ao recibidor, unha entreplanta e un segundo piso con balcóns, para asistir ás festividades públicas. Os tres pisos flanquéanse por antas monumentais que, neste caso, arrincan dende o chan. A portada é unha copia da Casa do Deán, pois consta dun marco moldurado e abacelado, con dobres volutas, as inferiores ascendentes, así como un tímpano placado unido cos apoios do balcón. Ademais, aparece flanqueada por dúas bufardas que tamén iluminan o vestíbulo. A distribución do resto das xanelas, portas-xanelas e balcóns sobre ménsulas, lembra á xa vista. Todos estes vans dispoñen de alfices abacelados, os da planta nobre tamén se prolongan no entablamento. O edificio conta cun saínte con soportal no Vilar, o cal recibe un tratamento especial dada a súa localización. Na Rúa Nova disponse a entrada das carruaxes, a segunda aberta nun pazo urbano compostelá. Encima dela atópase unha galería balaustrada descuberta, deseñada tamén para contemplar as procesións da cidade. Dela e do xardín que encerraba conserváronse as trazas.

A Casa do Cabido (1754-1759) situada xusto enfronte da Casa do Deán e completamente deseñada polos citados Ulloa e Sarela para a referida encrucillada urbana. Herda boa parte das experiencias ensaiadas na Casa do Deán, como: os chafráns das esquinas, o esconce con soportal da Rúa do Vilar, tendas-taller con banco e porta anexa, o tipo de reixas, a placa terminada en pinga, a carpintería das portas e a “s” de pedra do arranque da escaleira. Igualmente, na súa fachada é visíbel o cilindro entre o soporte e os elementos sustentados.


O pazo de Fondevila (1760) tamén repite varias das fórmulas utilizadas na Casa do Deán, como: a entrada principal flanqueada por bufardas, o bisel da fachada, o amplo movemento curvo na zona media do balcón do salón principal, a apertura en abanico do primeiro tramo da escaleira e os balaustres en perspectiva desta.


Outro palacio directamente influído polo traballo de Sarela é: Casa Número Nove da Rúa do Castro, de autoría anónima. Construída despois de 1756 para Andrés de Losada e Sotomayor, alguacil maior da cidade e do arcebispado.

Conta na súa fachada traseira, xusto enfronte da igrexa de San Fiz, con outra entrada para os carros, ademais dun pasadizo balaustrado encima, para asistir ás procesións do devandito templo parroquial.


Xa no século XX, a Casa do Deán foi a orixe decorativa de varios edificios neobarrocos; un é o Banco de España de Praterías, deseñado por Romualdo de Madariaga, na década de 1930, cuxa fachada mostra placados semellantes, antas caixeadas nacendo na primeira planta, movemento no entablamento, etc.

Outro exemplo atopámolo no Pavillón de Galicia deseñado para a Exposición Hispano Americana de Sevilla de 1929 por Miguel Durán Salgado.


Bibliografía:

Folgar de la Calle, María del Carmen. (1985), Arquitectura gallega del siglo XVIII: Los Sarela, Santiago de Compostela: Servicio de Publicaciones de la Universidad.

Taín Guzmán, Miguel. (1998), “El testamento del arquitecto Clemente Fernández Sarela”, Cuadernos de estudios Gallegos, Santiago de Compostela: Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”, pp. 177-194.

Taín Guzmán, Miguel. (2004), La Casa del Deán de Santiago de Compostela, A Coruña: Diputación de A Coruña, D. L.

Detalle Fronte Casa do Deán. Rúa do Vilar