Capela de San Roque

Pequeno texto O conxunto formado polo Hospital e a Capela de San Roque de Santiago de Compostela sitúase na rúa de San Roque é dicir, fundouse extramuros no século XVI, época na que a cidade sufría os ataques da peste e outros males contaxiosos.

A reiteración destas epidemias fixo que os teólogos pensaran que eran un castigo divino e que o único medio de protección era recorrer a santos como San Roque ou San Sebastián.

Denominación: Capela de San Roque

Tipoloxía: Edificios relixiosos.

Cronoloxía: Idade Moderna.

Etiquetas: Igrexa.

Localización: Rúa de San Roque, s/n.

Coordenadas: 42°52'59.9"N 8°32'30.9"W.

Propiedade: Pública.

Historia:

Para construír a primitiva capela, os rexedores da cidade e o Cabildo puxéronse de acordo para levantar, en nome do pobo compostelán, o pequeno templo agradecendo a fin da peste en 1517.

A súa construción encargóuselle a Martín de Blas, mestre que traballou na portada do Hospital Real, pero, ó falecer dous asnos despois, non puido construír a obra proxectada.

Medio século despois, un novo brote de peste chega a Santiago, provocando un grave problema de mortalidade. Isto fai que no 1570 comece a construción da capela, sendo rematada no 1576, un ano antes da fundación do Hospital de San Roque, adxacente a este templo.

Arquitectura:

A capela consta dunha sinxela nave única, de planta rectangular rematada por unha ábsida semicircular e cun retablo barroco adaptado á forma do lugar, deseñado polo arquitecto compostelán Simón Rodríguez.

A nave da capela está cuberta cunha bóveda de medio canón que arrinca dunha cornixa soportada por dous arcos faxóns.

A ambos lados do arco triunfal hai dous retablos: o do lado do Evanxeo está dedicado á Virxe Montserrat e o do lado da Epístola a San Sebastián.

A fachada está organizada en base a un eixo central e é bastante sobria, toda de cantería de granito, sen decoración que poida alterar a proposta de parede espida imposta polos mestres que a elevaron (Lucas Antonio Ferro Caaveiro e José Crespo). Conta cunha sinxela porta alintelada sobre a cal se constrúe un arco de medio punto que funciona como arco de descarga, para evitar a presión sobre o lintel.

Sobre a porta se sitúa unha pequena hornacina presidida pola imaxe de San Roque e enriba unha ventá rectangular que da luz ó interior da edificación.

O remate da fachada, a dúas augas enriquécese timidamente cunhas placas de escaso resalte nos extremos e coa espadana do 1867 de tradición barroca.

Retablo maior:

No ano 1604 o Cabildo encargoulles a Gregorio Español e Juan da Vila, que en ese tempo estaban a realizar o cadeirado de coro da Catedral de Santiago, a construción do primitivo retablo principal da igrexa.

Non se conserva nada deste retablo pero se sabe que estivo alí ata o 1740, ano no que, debido ó seu deterioro, a confraría decide encargar outro ó afamado arquitecto Fernando de Casas Novoa. Desafortunadamente, este mestre non puido traballar nesta obra, xa que encontrábase rematando o claustro procesional do Mosteiro de San Martín Pinario.

É por isto que o encargado de deseñar o novo retablo será Simón Rodríguez, e a realización virá da man de escultores locais como Domingo Romay, Andrés Ignacio Mariño, José Crespo, Manuel de Leis, Gregorio Pombo, Bernardo García Mariño e Gregorio Fernández.

A escenografía concibida por Simón Rodríguez é moi complexa e dinámica. Componse por tres tramos, con tres corpos en altura, sendo a central máis destacada en anchura, altura e decoración.

Estes tres tramos articúlanse mediante dous pares de columnas e pilastras de orde composto. Cada columna apoiase sobre un dobre pedestal e ten un fuste moi decorado, a base de froitas carnosas de tradición compostelá, ovas, cintas e panos con borlas.

É moi chamativa a fragmentación xeral e a sensación de inestabilidade típica do barroco, que ven dada por colocar ás figuras dos anxos sostendo a propia arquitectura.

Retablos laterais:

O retablo do lado do Evanxeo, dedicado a Nosa Señora de Montserrat, foi realizado no ano 1763 e componse por dous corpos en altura, no inferior sitúase a imaxe da Virxe e no superior encóntrase Santiago Peregrino.

O do outro lado, o da Epístola, está dedicado a San Sebastián. Na hornacina do corpo inferior encóntrase a escultura do martirio de San Andrés, do escultor Andrés Ignacio Mariño, mentres que no corpo superior sitúase o relevo do martirio de San Sebastián, realizado polo escultor Gregorio Español.

Bibliografía:

  • FERNÁNDEZ CASTIÑEIRAS, E., San Miguel dos Agros, Xunta de Galicia: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Santiago de Compostela, 2001.

  • FOLGAR DE LA CALLE, M.ª C., “La capilla compostelana de San Roque”, Homenaje a José García Oro, Santiago de Compostela, 2002, pp. 437-460.