Campus Sur

O Campus Sur é unha área da cidade de Compostela planificada para o emprazamento de parte das facultades ou edificios administrativos da Universidade de Santiago. Conta tamén con zonas verdes, parques ou residencias de estudantes.

Denominación: Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela

Tipoloxía: Campus.

Cronoloxía: Século XX.

Etiquetas: Paisaxe cultural; Infraestruturas; Edificios institucionais.

Localización: Campus Vida (USC).

Coordenadas: 42°52'34.8"N 8°33'05.8"W.

Propiedade: Pública.

O Campus Sur, tamén coñecido como Campus Vida, comezouse a edificar a finais da década dos 20 nos territorios que tiñan sido ocupados pola Exposición Rexional de 1909. Coa súa construción, a Alameda pasaba a ocupar un lugar central dentro da cidade, pois ata entón tiña sido máis ben un extremo.

O proxecto, do arquitecto vigués Jenaro de la Fuente, concebía unha ordenación con xardíns, fontes e amplios pavimentos, en parte inspirados en Versalles e outros proxectos franceses da Idade Moderna. O resultado caracterízase pola simetría e xera un efecto impresionante observado dende o mirador da Alameda. Este proxecto supuxo unha ampliación á conxestionada cidade existente, seguindo as ideas decimonónicas de cidade verde e de cidade-xardín.

O trazado xeral baséase nun exe que mira cara ao oeste dende a escalinata que o conecta coa Alameda, relacionando zonas verdes, equipamentos deportivos, residencias e facultades. Destaca a importancia botánica, con varias especies vexetais, así como a presencia de estanques e fontes.


Bibliografía: