Café Derby

O Café Derby é un café emblema da historia de Santiago de Compostela.

Foi inaugurado no ano 1929 por Avelino San Luís. No momento da inauguración marcaba o límite da cidade, xunto ao edificio Castromil. Hoxe en día, marca a entrada á zona vella da cidade e está na Praza Galicia. San Luís facíase cargo do custoso aluguer do local e das obras para arranxar o baixo e os sotos.

Denominación: Café Derby

Tipoloxía: Local comercial.

Cronoloxía: 1929 - 2021

Etiquetas: Cafetería.

Localización: Rúa das Orfas, nº29

Coordenadas: 42°52'37.2"N 8°32'38.7"W.

Propiedade: Privada.

O Café Derby creou un ambiente distinto e foi pioneiro en aspectos como utilizar manteis nas mesas, vaixelas de luxo e alí funcionaron as primeiras cafeteiras exprés.

A decoración do local foi realizada por artistas da época. Camilo Díaz Baliño pintou os zócalos da parte superior e os accesos aos lavabos, tamén realizou uns tapices que non se conservan hoxe día. As perchas peculiares foron deseñadas por Alexandre Campos Ramírez, coñecido por Alexandre de Fisterra (inventor do futbolín). Tamén chama a atención o mostrador de mármore italiano, e remates de caoba auténtica procedente de Cuba. As grandes cristaleiras son de orixe veneciano, excepto a central, cambiada tras unha manifestación durante a Transición.

O Derby era lugar de encontro e faladoiro, o público era sobre todo, intelectuais galeguistas e profesionais da universidade. Algúns persoeiros como Isaac Díaz Pardo, Carlos Maside, Castelao ou Valle-Inclán. O outro lugar de faladoiros de Santiago de Compostela era o Gran Café Español, máis frecuentado por artesáns, empregados ou estudantes.

San Luís foi o propietario do Café Derby ata o comezo da Guerra Civil. En 1935, pasou a ser dirixido por dous empregados e finalmente, un deles fíxose cargo, Manuel Domínguez (pai da actual propietaria). O estallido da guerra afectou notablemente a actividade do Café, ata cambiou o seu nome por Imperial.

No ano 2021, o Café Derby anunciou o seu peche, pero o seu local continúa a ser un símbolo de identidade da cidade compostelá.

Bibliografía:

FRANJOS, F. (2014). 50 Cafés históricos de España y Portugal. Santiago de Compostela: Alvarellos Editora, pp. 17-19.

https://www.elprogreso.es/articulo/galicia/el-derby-un-cafe-tradicional-que-sobrevive-en-el-siglo-xxi/20150830182648356270.html (Consultado 26-04-2019).