Hospital de San Roque

O Hospital de San Roque é un edificio compostelán erixido no século XVI para hospedar aos enfermos dos brotes de peste que asolaron Europa periodicamente durante toda a Idade Moderna.

Actualmente emprégase como recinto para algunhas institucións, como o Instituto Padre Sarmiento.

Denominación: Antigo Hospital de San Roque

Tipoloxía: Institución cultural

Cronoloxía: Século XVI

Etiquetas: Ben de Interese Cultural.

Localización: Rúa de San Roque.

Coordenadas: 42°53′0.2"N 8°32′30.09"W

Propiedade: Pública

Este edificio hospitalario atópase no alto da Rúa das Rodas, xusto onde comeza a Rúa de San Roque.

O hospital realizouse entre 1578 e 1582 e foi fundado polo arcebispo Francisco Blanco coa finalidade de acoller ós afectados polas pestes que asolaron a cidade no século XVI. O deseño do edificio encargóuselle a Gaspar de Arce, Mestre de Obras da Catedral de Santiago e un dos últimos representantes da arquitectura renacentista en Galicia.

É importante sinalar que a construción atopábase separada dos habitantes de Santiago mediante a muralla, evitando así os contaxios.

O edificio distribúese mediante unha planta cadrada con patio central, en forma de claustro, organizado con dezaseis columnas, en torno ó cal desenvólvense as diferentes partes da edificación.

Da antiga traza só se mantén a fachada, xa que foi reedificado na segunda metade do século XVIII. Esta portada segue unha estrutura de arco de triunfo: sobre as pilastras toscanas levántase un arco de medio punto apoiado en impostas, o cal ten no seu tímpano o escudo de armas do fundador. A este corpo lle segue unha cornixa con dúas ánforas sobre a que se eleva o segundo piso, de menores proporcións. O edificio remátase cun frontón triangular sobre unhas delgadas pilastras que enmarcan dúas hornacinas coa figura de S. Cosme e S. Damián, os irmáns xemelgos patróns dos hospitais.

Despois de ser adquirido pola Xunta de Galicia, o edificio foi sometido a unha grande rehabilitación e adaptación, co fin de dotalo de espazos adecuados para os depósitos bibliográficos e o desenvolvemento de actividades de tipo científico e cultural. Actualmente é un edificio administrativo e alberga diferentes entidades como o Instituto Padre Sarmiento, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Ramón Piñeiro.

Fontes:

  • FERNÁNDEZ CASTIÑEIRAS, E., San Miguel dos Agros, Xunta de Galicia: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Santiago de Compostela, 2001.

  • “El edificio del Antiguo Hospital de San Roque”, CSIC, <http://www.iegps.csic.es/edificio> [Consultado el 11/02/2019].