A Praza da Quintana, tamén coñecida como Quintana dos Vivos e dos Mortos ou simplemente A Quintana, é un dos espazos máis emblemáticos do casco histórico da cidade de Compostela.
A praza, que se divide en dous niveis conectados por unha gran escalinata, sitúase entre a Casa da Conga, o muro de San Paio de Antealtares, a Casa da Parra e a Porta Xacobea da Catedral de Santiago.
Denominación: Praza da Quintana; Quintana dos Vivos e dos Mortos
Tipoloxía: Entramado urbano; Praza
Cronoloxía: Século XVI
Localización: Praza da Quintana, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña
Coordenadas: 42°52'50.0"N 8°32'37.4"O
Propiedade: Pública
Primeiro bosque, despois mosteiro e por último cemiterio (o que lle conferiu o apodo de Quintana de Mortos), A Quintana que hoxe coñecemos non se edificaría ata o século XVI, época no que o cabildo estimou conveniente trasladar o cemiterio, que se atopaba na parte baixa da actual praza, ao actual Bonaval para a ampliación do espazo urbano.
Grazas aos estudos e intervencións arqueolóxicas, que comezan xa en época de López Ferreiro, sábese que no século IX a zona que hoxe abrangue Quintana e Praterías estaba ocupada polo mosteiro de San Salvador de Antealtares, no que os monxes benedictinos encargábanse de custodiar as reliquias de Santiago, e o pazo episcopal. Con todo, o espazo apenas contaría con intervencións humanas no terreo ata o século XII, da man do arcebispo Diego Xelmírez. Desde o comezo destas reformas na cidade, A Quintana experimentaría unha serie de cambios que afectaron ao resultado do peche da cabeceira da basílica apostólica, en primeira instancia, pero tamén ás dependencias do convento de San Paio de Antealtares no século XV. É posible que fora entón, nos séculos pleno e baixomedievais, cando comezara a coñecerse como quintana, un termo que durante a Idade Media equivalía a praça, e ambos eran empregados para referirse a espazos amplos de uso público.
Sexa como for, a intención monumental da que xurdiu a praza no século XVI, e que se explica pola vontade de engrandecer o espazo sagrado e de nivelar o terreo, fixo que a escalinata cobrase un gran protagonismo e diferenciase facilmente as dúas grandes partes da praza. Así, o plano inferior, por corresponderse co antigo cemiterio, coñeceuse como Quintana de Mortos, mentres que o plano superior, por contraposición, como Quintana de Vivos.
2. Praza da Quitana
Actualmente, a escalinata que podemos ver data da época da reforma barroca da cidade, e o enlosado da Quintana foi levado a cabo no século XIX coas pedras do mosteiro de San Pedro de Afora, o cal sufrira os efectos da desamortización.
Ao contar cunha gran amplitude e dous niveis separados por unha gran escalinata, a Praza da Quintana é habitualmente empregada para dar concertos nas festas patronais, pero tamén mítines de diferentes partidos políticos ou mesmo manifestacións multitudinarias.
Algo a remarcar é que no muro do convento de San Paio que da cara a praza pódese observar unha placa en recordo do Batallón Literario de Santiago, unha compañía militar formada por estudantes universitarios que en 1808 loitaron contra o exército napoleónico no marco da Guerra de Independencia. Nese mesmo muro, escasos palmos por riba da placa, tamén alcanza a verse gravado sobre pedra o nome José Antonio Primo de Rivera, unha alusión de época franquista en recordo do fundador de Falange.
3. Placa conmemorativa do Batallón Literario
A Concordia de Antealtares, asinada en 1077 entre o abade Faxildo e o bispo Diego Peláez, recolle un conflito entre o mosteiro de Antealtares e a Igrexa de Santiago. Segundo a tradición, o rei Afonso II fundara dúas igrexas en honor ao Apóstolo e establecera unha comunidade de monxes para o seu culto, concedéndolles terreos que xustificaban o nome de Antealtares. Co tempo, Diego Peláez precisou parte destes terreos para a construción da cabeceira da catedral, xerando un litixio resolto coa intervención do rei Afonso VI. O acordo recoñecía os dereitos do mosteiro sobre tres altares dentro da nova igrexa románica, establecía un reparto de esmolas e delimitaba os espazos das dúas institucións. A autenticidade do documento foi cuestionada por historiadores como Andrés Gambra e José Freire, quen sinalaron posibles interpolacións e anacronismos. A Concordia reflicte as transformacións da Igrexa compostelá no século XI e a perda progresiva da independencia do mosteiro de Antealtares fronte ao poder episcopal.
4. Concordia de Antealtares
A modo de curiosidade, A Quintana é un dos lugares de Compostela que posúen unha das cámaras web da CRTVG, que capta a imaxe da praza cada dous segundos. Cada noite, nunha das esquinas iluminadas da praza, a luz dos faroliños reflicte sobre un piar de granito creando unha sombra cunha forma moi característica: a dun peregrino.
Conta a lenda que esta sombra pertence a un antigo sacerdote da Catedral de Santiago, quen quedou namorado dunha das monxas que residían no convento veciño de San Paio de Antealtares. Segundo se di, ámbo-los dous reuníanse todas as noites a través dun pasadizo subterráneo que conectaba os dous edificios.
Un día, o sacerdote propúxolle á súa namorada escapar xuntos aquela mesma noite. Así que o sacerdote vestiuse de peregrino para pasar desapercibido e agardouna nunha esquina da Praza da Quintana, convencido de que chegaría. Pero nunca o fixo, e o sacerdote segue a agardala todas as noites ata día de hoxe.
Actualmente, esta lenda está moi espallada tanto por Santiago como por entre os peregrinos que chegan á cidade, e que pasean pola praza á noite en busca da intrigante sombra. Atoparse con fotografías dese recuncho da Quintana é cada vez máis común.
4. A sombra do peregrino
Bibliografía
Andrade Cernadas, J. M. (2017). La Concordia de Antealtares en su contexto histórico. En Los reyes de Asturias y los orígenes del culto a la tumba del apóstol Santiago (pp. 109-126). Trea
Cortés López, M. E. (2016). Ante las puertas del apóstol. Las escalinatas de las plazas de A Quintana y As Praterías, en Santiago de Compostela. Ad Limina, 7(7), 167-187. https://web.archive.org/web/20201125162944id_/https://www.caminodesantiago.gal/documents/17639/362254/Ad_Limina_VII.%2006_Miriam_Elena_Cortés_López.pdf
Turismo de Santiago. (s.d.) Plaza de la Quintana. Recuperado o 16 de febreiro de 2022 de https://www.santiagoturismo.com/rutas/a-praza-da-quintana
Villamil, X. (2004). San Paio de Antealtares. Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo S.A. de Xestión do Plan Xacobeo
Imaxes
José Luis Filpo Cabana, Plaza de la Quintana. Santiago de Compostela, CC BY 3.0
Iago Casabiell González, Sacerdote no Casco Histórico de Santiago 21II2007, CC BY-SA 3.0 ES
Arquivo Histórico da USC
Amio Cajander El peregrino fantasma de la Quintana de Mortos CC BY 2.0
Ligazóns a datos e catálogos