O petróglifo de O Castriño de Conxo é unha notable mostra da arte rupestre galega, situada no parapeto superior dun antigo asentamento castrexo. Destaca pola súa singular representación de armas, como puñais, espadas e alabardas, elementos pouco habituais na arte rupestre da rexión. A vinculación destes motivos con modelos británicos e centroeuropeos permite datalos entre o III e o II milenio a.C. A ausencia de ferramentas agrícolas e a exclusividade das armas suxiren unha sociedade en proceso de estratificación, onde o poder e o prestixio se asociaban á posesión de obxectos bélicos.
Denominación: Petróglifo de O Castriño de Conxo
Tipoloxía: Petróglifo
Cronoloxía: ca. III-II milenio a. C.
Localización: Rúa da Volta do Castro, 34, 15706, A Coruña
Coordenadas: 42°51'56"N, 8°34'2"O
Propiedade: Pública
Localízase en Conxo, Santiago de Compostela, e trátase dun dos petroglifos máis coñecidos do espazo rupestre galaico. Coñecido polos seus gravados onde dominan de forma absoluta as representación de armas.
Os gravados dispóñense sobre unha laxe inclinada cara o oeste, coincidindo coa liña da muralla do castro que lle da nome. Na parte inferior localízase un grande motivo triangular que foi definido como un escudo ou escutiforme. Xunto a el, un grupo de catro espadas ou puñais, un deles unido a un motivo escaleiriforme, que seguro que formara parte ca coroa dun motivo triangular como o anterior, pero en peor estado de conservación ou non conservado. Máis arriba represéntanse dous puñais enfrontados polo mango, e un peor conservado no medio. Entre este grupo e o primeiro obsérvase unha alabarda e un novo motivo triangular (escutiforme). Na parte superior, máis confusa e erosionada, achéganse a ver dúas ou tres alabardas e un posible escudo.
Mentres que o resto de motivos son pequenos e non se conservan de maneira óptima ou non están ben definidos.
Saíndo de Santiago pola rúa Rosalía de Castro continúase recto durante un quilómetro e catrocentos metros ata que se localice a Finca da Rocha. Nesta zona deberase deixar o coche e seguindo o camiño que bordea o castro de Conxo, a cen metros abrirase un sendeiro que ascende ata o petroglifo.
2. Petróglifo de O castriño de Conxo
Bibliografía
Aparicio Casado, B.; Carrera ramírez, F. e de la Peña Santos, A. (2013). Arte rupestre en Galicia. Cumio
Carballo, X. (2006) Arqueoloxía de Galicia: Itinerarios polo pasado. Nigratrea
Imaxes
Jose Pereira - Publicada por/Publish by: Jose Pereira, Castrino de conxo gravado, CC BY-SA 3.0