A Fonte dos Cabalos, así coñecida pola súa característica ornamentación, localízase na Praza das Praterías, motivo polo que a fonte tamén se coñece co nome de Fonte de Praterías. Sitúase baixo a fachada sur da Catedral de Santiago e fronte á Casa do Cabido.
Denominación: Fonte das Praterías; Fonte dos Cabalos
Tipoloxía: Elemento urbano; Fonte
Cronoloxía: 1825
Localización: Praza das Praterías, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña
Coordenadas: 42°52′48″N 8°32′39″O
Propiedade: Pública
Historia
A praza de Praterías supuxo o centro da vida comercial da cidade. Lonxe de lucir como na actualidade, existía gran desnivel entre a praza e os compoñentes urbanísticos que a rodeaban, a fachada sur da Catedral e a Rúa do Vilar. Posteriormente, modificouse a praza para alcanzar maior prestixio arquitectónico e estilístico (nivelación do terreo, nova organización urbanística, construción da escalinata na fachada sur, etc).
A Fonte dos Cabalos que preside a praza data do século XIX. Con todo, no século XIV e XV construíuse a primeira fonte na praza. No século XVIII, encargouse a Domingos de Andrade realizar unha fonte maxestosa, para iso utilizou materiais como mármores, granito, xaspes ou metais.
Esta segunda fonte planificada por Andrade tivo que ser reedificada por un derrube da construción. Os materiais (como o mármore, apenas utilizado en Santiago) non se adecuaron ao clima e humidade da cidade, e causou unha gran deterioración en pouco tempo.
A reedificación foi realizada polo arquitecto compostelán Clemente Fernández Sarela. Sarela substituíu os mármores por granito policromado e engadiu adornos xeométricos; o resultado desta terceira fonte foi máis modesta que a construída por Andrade. Esta intervención supuxo un gran esforzo por parte do Concello da cidade, que atravesaba unha situación económica complicada.
Descrición
O escultor encargado da actual fonte foi Juan Pernas e o deseño e obra foi levado a cabo por Frei J. Conde. A construción iniciouse no ano 1825 e prolongouse dous anos. Nesta cuarta fonte predominou o granito como material de construción. Conserváronse as particularidades das fontes barrocas anteriores como os xogos finos de auga. A fonte ten un pilón circular e no centro elévase un alicerce de base cadrada (descoñécese se pertence á fonte de Sarela ou ao século XIX como o resto de elementos). Sobre o alicerce e mantendo a altura da auga, atópase unha estrutura en forma de illote redondeado e con diferentes formas que asemellan unha praia arenosa de orixe mariña.
No centro hai unha árbore cilíndrica e alongada con relevos e fendas, que alternan a forma de pinga. No remate da árbore aparece unha nube que sostén a urna coa cruz de Santiago tallada e a cuncha de Vieira, símbolo da cidade. Sobre a urna, atópase unha imaxe feminina que mira cara ao portada sur da catedral e sostén na súa man dereita unha estrela de bronce. Esta estrela que coroa a fonte foi realizada co material fundido da estrela da fonte anterior.
Chaman a atención os cabalos mariños que rodean o tambor, con corpos arqueados e retortos, colas de peixes e unhas patas que se apoian na area, algunhas das patas están menos esculpidas e difuminadas para achegar un ambiente máis realista. Tanto as bocas dos hipocampos como pequenos chafarices ao redor do tambor, expulsan chorros de auga a diferente altura para caer ao pilón. Cada cabalo atópase apuntando a unha dirección, os catro puntos cardinales que serven de orientación xeográfica aos peregrinos. O norte indica a portada da basílica; o sur a casa do Cabildo; o leste sinala o actual edificio do Banco de España e oeste indica a Fábrica do Tesouro de Gil de Hontañón).
2. Fonte dos Cabalos
3. Detalle dos cabalos
4. Detalle do remate da Fonte de Platerías
Bibliografía
Beiras García, E. (2012). El arte del agua. Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX. Inéditor
Piedras del agua. (s.d.). Fonte de Praterías. Recuperado o 14 de febreiro de 2024 de http://piedrasdelagua.es/fonte-de-praterias.html
Imaxes
Diego Delso, Plaza de las Platerías, Santiago de Compostela, España, 2015-09-22, DD 15, CC BY-SA 4.0
Lancastermerrin88, Fuente de los Caballos en la Plaza de Platerías, con el edificio de la Casa del Cabildo de la Catedral de Santiago de Compostela al fondo, CC BY-SA 4.0
Javier Martin Espartosa, Fuente de los caballos, Santiago de Compostela 4302 7-8-2022, CC BY-NC-SA 2.0
Javier Martin Espartosa, Corona de la Fuente de los caballos, Santiago de Compostela 4300 7-8-2022, CC BY-NC-SA 2.0