O Baldaquino da Catedral de Santiago de Compostela é unha estrutura arquitectónica empregada para coroar e monumentalizar o sepulcro do Apóstolo na capela maior. Foir Encargado por Vega e Verdugo, o proxecto realizouno Domingo de Andrade emtre 1660 a 1672.
Denominación: Baldaquino e Tabernáculo da capela maior
Tipoloxía: Escultura Relixiosa; Baldaquino
Cronoloxía: Século XVII
Localización: Catedral de Santiago de Compostela.
Coordenadas: 42°52'50"N 8°32'41"O
En 1655 Felipe IV doa á catedral de Santiago unha tea, con panos bordados, rubidos e pintados, para embelecer a capela maior. De aí xorde a idea de realizar un baldaquino, en tallas douradas, con columnas salomónicas. É preciso lembrar que este tipo de columna entrou en España, por Compostela, na obra do mestre Cabrera para a capela das Reliquias, ao ano seguinte do seu emprego por Bernini no altar de San Pedro de Roma.
A idea e os debuxos iniciais debéronse a Vega y Verdugo, Conde de Alba, personalidade decisiva nos rumbos da arte barroca. Ademais do estudo e dos bosquexos de Vega y Verdugo, o Cabido reuniu trazas e informes de Alonso Dueñas, Pedro de la Torre, Onofre Catalán, Francisco Dantas, Cabrera, Peña de Toro…
Domingo de Andrade dirixiu os traballos dende 1664, mentres que na decoración e na escultura interviñeron: Pedro del Valle, Blas do Pereiro, Mateo de Prado, Barreiro, Serrano, Fernández… Os traballos duraron dende 1660 a 1672 e prolongáronse por minucias adicionais. O camarín acubillado polo baldaquino requiriu de importantes labores de ourivaría, mantendo así a tradición dos altares precedentes.
1. Detalle da Capela Maior
Aínda que supuxo a invención dunha solución sorprendente por parte de Vega y Verdugo, é de destacar a man de Andrade na realización. Grazas a el erixiuse un baldaquino “aéreo”, non soportado por columnas, en forma nunca vista, superando a obra romana de Bernini, como se propoñían Vega e os seus colaboradores.
Aparece como erguido en albas por catro parellas de anxelotes que apoian un dos seus pés no entablamento dos grupos de columnas salomónicas, e sosteñen sobre un ombreiro a pirámide de tres corpos, flanqueado o primeiro polos símbolos das Virtudes, o segundo coa imaxe de Santiago Cabaleiro e o terceiro, como remate, con anxos portadores de bandeiras e, no máis alto, pináculos, con estrelas.
Clara é a influencia do baldaquino de Bernini. Vega y Verdugo contemplárao probablemente nalgunha das súas viaxes; nos seus escritos deixa constancia da súa admiración por este. É importante citar o gravado sobre o “Triunfo da Canonización de Fernando III o Santo”, por Valdés Leal.
O modelo de Compostela séguese noutros exemplos destacables como: o baldaquino do Santo Cristo da Catedral Ourensá e o do mosteiro de Santa María a Real de Oseira, propagando o modelo italiano, re-interpretado no ámbito galego.
Bibliografía:
Filgueira Valverde, X. (1987). Baldaquinos galegos. Catalogación arqueológica y artística de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza
Navascués Palacio, P. (1997). Catedrales de España. Espasa-Calpe
Imaxes:
Lameiro, Santiago, Catedral, tribunas 01-27b, baldaquino, CC BY-SA 4.0
Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga Commons)(Lmbuga Galipedia), Santiago Catedral 060510 001, CC BY-SA 3.0