A Casa da Conga é un edificio barroco de principios do século XVIII situado na praza da Quintana de Santiago de Compostela. A súa construción tivo como obxectivo servir de vivenda para os cóengos da Catedral de Santiago. As trazas iniciais foron obra do arquitecto Domingo de Andrade, pero a súa execución foi completada en 1730 por Fernando Casas y Novoa.
Denominación: Casa da Conga; Casa dos Canónigos.
Tipoloxía: Arquitectura civil; Vivenda
Cronoloxía: Pincipios do século XVIII
Localización: Praza da Quintana de Mortos, 1, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña
Coordenadas: 42°52'48"N 8°32'37"O
Propiedade: Privada
O edificio estrutúrase como un bloque de catro casas unificadas nunha soa fronte, delimitadas visualmente por cinco pilastras que soben ata a cornixa. Presenta unha arquitectura de marcado estilo clasicista, en contraste coa veciña Casa da Parra, situada na parte superior da praza. O conxunto destaca polo seu vistoso pórtico corrido, composto por columnas dóricas exentas que sosteñen tres arcos de medio punto na planta baixa. Na planta nobre, cada vivenda conta cun balcón con varanda de ferro e unha ventá a cada lado. Sobre a pilastra central da fachada sitúase o escudo do cabido catedralicio, mentres que no tellado destaca unha gran cheminea.
Actualmente, a Casa da Conga alberga diversos usos. A casa da dereita acolle a sede do Colexio de Arquitectos de Galicia e unha sala de exposicións, mentres que o resto do edificio está ocupado por establecementos comerciais, restaurantes, bares e cafeterías. Tamén foi sede de diferentes institucións culturais e académicas, como Campus Stellae, que desenvolveu actividades de postgrao, arte e coworking.
A súa localización estratéxica, o seu valor arquitectónico e a súa integración no conxunto monumental de Santiago de Compostela fan da Casa da Conga un dos edificios máis representativos da praza da Quintana e un testemuño do esplendor barroco da cidade.
2. Soportais da Casa da Conga
Bibliografía:
Turismo de Galicia. (s.d.). Casa da Conga. Recuperado o 12 de febreiro de 2025 de https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/26120/casa-da-conga?langId=gl_ES&tp=9&ctre=37
Turismo de Santiago. (s.d.). Casa da Conga. Recuperado o 12 de febreiro de 2025 de https://www.santiagoturismo.com/monumentos/casa-da-conga-1