Urco Editora

Urco é unha empresa editorial compostelá creada no ano 2007 no marco da cooperativa gráfica Sacauntos.

Até día de hoxe, o obxectivo de Urco é a publicación en galego de obras orixinais e traducións de clásicos, especialmente nos xéneros de terror, ficción e fantasía, se ben é certo que nos últimos anos tamén se espallaron aos xéneros do ensaio, a literatura infantil e xuvenil ou mesmo os xogos de mesa.

Nome: Urco Editora

Tipo: Editorial.

Datas (Fundación): 2007.

Fundador: Pablo Amado Fuentes; Tomás González Ahola

Dirección: Rúa do Avío, nº 11.

Coordenadas: 42°53'36.8"N 8°32'51.2"W

Páxina Web: http://urcoeditora.com/

Twitter: https://twitter.com/urcoeditora

Entidade Relacionada: Sacauntos Cooperativa Gráfica

Urco naceu o día de nadal de 2007 co obxectivo de suplir a evidente carencia de literatura fantástica, terror e ciencia ficción en idioma galego, que non só era escasa, senón que ademais se fragmentaba en distintas editoriais, dificultando o establecemento de grandes coleccións das obras destes tres xéneros.

Se ben os seus inicios foron bastante humildes, a editorial evolucionou moito ao longo dos seus case quince anos de vida, e actualmente conta cun catálogo de máis de 130 títulos que poden atoparse facilmente a través da súa web. Entre eles, algúns dos máis destacados son os libros de Terramar, a tradución da famosa saga fantástica de Ursula K. Le Guin; A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos, de Washington Irving; O corvo de Edgar Allan Poe; ou a Biblioteca Lovecraft, un gran compendio de relatos do autor de terror por excelencia da literatura do século XX.

Paulatinamente, tamén foron incluíndose obras de autores e autoras galegos, como Peixe Babel de Carlos Quiroga ou Saturno tamén é deus de Uxía Casal. Ademais, Urco autoproclámase un selo editorial feminista, algo que se reflicte nalgúns dos seus traballos, como a colección Mulleres bravas, composta enteiramente por obras escritas por escritoras galegas.

Dende o ano 2011, unha asociación entre varias editoriais galegas entre as que se atopa Urco Editora promoveu a creación da Distribuidora Pragma, mellorando a relación coas librarías, ampliando o espazo de distribución e abríndose a formatos electrónicos, e asemade incorporando a publicación de libros en lingua portuguesa.

Urco ten unha forma de traballar un tanto peculiar con respecto a outros selos editoriais, en tanto que se conforma dunha xunta cooperativa de socios. Así mesmo, na editora faise uso do Copyleft, ou o que é o mesmo, empréganse as licenzas de Creative Commons tanto para as traducións de textos cuxos orixinais xa perderan dereitos como para as obras de nova creación, posto que consideran innecesarias as restriccións do Copyright sobre as traducións de textos xa liberados e, por outra banda, apostan por este tipo de licenza para dar maior visibilidade aos autores e autoras que traballan para a editorial. Entre outras cousas, isto permite que algúns clásicos como os mencionados relatos de H.P. Lovecraft se poidan descargar en formato dixital na súa propia web e de xeito totalmente gratuito.

Por último, un aspecto destacable é que, dende o ano 2015, Urco Editora organiza o Premio Antón Risco de literatura fantástica, premiado con 3.000€ e a publicación da novela gañadora. O primeiro en conseguir tal premio foi Querido H.P.L., de Antonio Manuel Fraga.

Bibliografía: