Sociedade Deportiva Compostela

A Sociedade Deportiva Compostela é o principal equipo de fútbol da cidade de Santiago de Compostela. Foi fundado en 1962 e na tempada 2023-24 compite na Segunda División RFEF.

É considerado un dos equipos históricos de Galicia por historia e tradición, sendo o cuarto equipo galego en debutar na Primeira División, tras o Celta, o Deportivo e o Pontevedra, e situándose como o terceiro mellor equipo galego na Clasificación histórica de Primeira, ocupando o posto 39º, tras vigueses e coruñeses, pese a disputala tan só catro tempadas, desde a 1994/95 até a 1997/98.

Nome: Sociedade Deportiva Compostela

Sigla: SD Compostela

Tipo: club deportivo

Datas (Fundación): 1962

Fundador: ex-socios do Club Compostela

Sede: Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro

Dirección: Avenida Fernando Casas Novoa, 20

Coordenadas: 42°52?58?N 8°30?58?O

Páxina Web: https://sdcompostela.com/gl/inicio/ 

Entidade Superior: 

As súas orixes remóntanse a 1928, cando varios estudantes da cidade fundaron da man de Ramón Castromil Casal o Compostela Foot-Ball Club, que militou na Serie B galega ata a Guerra Civil, considerado o mellor equipo de Compostela. Xogaba no campo da Choupana.

A comezos da década dos 40, Ramón Castromil intenta refundar o club, con pouco éxito. Entretanto, o campo da Choupana desaparecera ao construírse no seu lugar o Hospital Gil Casares. O novo club chamarase Compostela Club de Fútbol, xa que o réxime franquista prohibira os estranxeirismos, sendo coñecido como Club Compostela. Pero en 1946 vese superado pola relevancia do Club Santiago e do Club Arenal, e termina por desaparecer.

Coa desaparición do Club Santiago en 1962, e coa escasa relevancia do Club Arenal na cidade, varios ex-socios do Club Compostela decidiron fundar unha nova entidade, co nome de Sociedade Recreativa Compostela. Ese mesmo ano, fusionouse co Club Arenal, pasando este a ser o seu filial, e cambia o nome polo de Sociedade Deportiva Compostela. Na súa primeira tempada, consegue o ascenso a Terceira División, alternando entre esta e a Serie A rexional ata que en 1977 ascende á recén creada Segunda B, que alternou coa Terceira durante os anos 80, ata a chegada á presidencia de José María Caneda en 1988. En dous anos o Compos pasou de Terceira a Segunda División, onde permaneceu de 1991 a 1994, ano en que consegue ascender a Primeira División. En 1995 Fernando Vázquez converteuse en adestrador do equipo, asinando a mellor tempada da historia do club, ficando subcampión de inverno e terminando a Liga no décimo posto. O equipo finalmente descendeu en 1998, após perder a promoción de permanencia co Villarreal, que alcanzou desta forma a Primeira División por vez primeira. 

A partir de aquí, os problemas económicos comezaron a facerse patentes, e en 2001 o equipo descendeu á Segunda B. Durante a tempada 2001/02, as débedas levaron consigo atrasos e complicacións nos pagamentos. Non obstante, volveron ascender a Segunda. Na campaña 2002/03, o equipo terminou noveno malia os xogadores estaren toda a tempada sen cobrar. Á falta de dous días para concluír o prazo de inscrición, un xuíz determinou que o club debía avalar 13 millóns de euros para continuar na Liga de Fútbol Profesional. Ao non poder presentar dito aval, o equipo perdeu a categoría. A inmensa maioría dos xogadores que non cobraran as súas débedas marcharon, e o Compos fixo na tempada 2003/04 unha campaña pésima, con moi poucos efectivos, descendendo á Terceira División. Pero o impagamento das débedas con xogadores e empresas, estimadas en máis de mil millóns de pesetas, provocou o descenso administrativo á Preferente Autonómica. Nese mesmo 2004 o consello de administración acordou iniciar o proceso de liquidación da entidade. En 2006 vendéronse mediante poxa todos os bens do equipo, incluídos os trofeos, adquiridos polo expresidente José Albarrán para evitar que se perdesen, e a marca SD Compostela.

Paralelamente, en 2004 fundárase a SD Campus Stellae, que herdou a xestión e a explotación dos dereitos deportivos do club, así como a xestión dos equipos deportivos da entidade en liquidación. Unha vez que adquiriu o nome de SD Compostela, José María Caneda pasou a ocupar a presidencia do novo club. En 2008, o equipo ascendeu de novo a Terceira, alcanzando a Segunda B en 2009. Pero a tempada seguinte, os impagamentos continuados, as ameazas de folga dos xogadores, as débedas acumuladas e o mal inicio de liga condenaron ao Compos ao descenso, acumulando tamén un novo descenso administrativo por impagamentos que o levou á Preferente. A FGF instouno a utilizar o nome de SD Campus Stellae, non o de SD Compostela que viña utilizando ata o momento. 

En xaneiro de 2011 producíase o arquivo do concurso da SD Compostela. En febreiro, José María Caneda vendeu o club a Antonio Quinteiro, instalándose unha directiva renovada, procedente da área empresarial e profesional e coñecedora do mundo futbolístico, adquirindo todos os dereitos legais, facendo fronte ás débedas e recuperando o nome de SD Compostela. En 2012, o equipo ascendeu á Terceira División, e en 2013 conseguía volver á Segunda B, onde permanecería ata 2015, cando volve á Terceira. En 2020 conseguiu de novo o ascenso. Desde a tempada 2021-2022 xoga na Segunda División RFEF.

O seu uniforme titular é unha camiseta albiceleste, pantalóns brancos e medias branquiazuis. O seu himno é unha adaptación do antigo himno do Barraña (actual CD Boiro). O equipo xoga actualmente no Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, inaugurado en 1993 e con capacidade para 16.666 espectadores. Anteriormente, xogou no Estadio da Residencia Universitaria e no campo municipal de Santa Isabel. 

Desde 2014 o seu filial é o CD Ponte-Camporrapado, de Boqueixón. Desde 1990 fórao o Vista Alegre SD, que en 1996 se integrara na estrutura do club, pasando a chamarse Compostela SD "B", desaparecendo en 2004 pola mala situación do club. Tamén conta cunha canteira formada por 400 nenos e nenas. 

A SD tamén conta cun club de atletismo (SD Compostela Atletismo) e tenis de mesa (Arteal SD Compostela TM), recente subcampión de liga e europeo. 

Bibliografía: