Real Sociedade Económica De Amigos Do País De Santiago (RSEAP)

Pequeno texto introductorio

Nome: Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago

Sigla: RSEAP

Tipo: Institucións culturais; Sociedades económicas

Datas (Fundación): 1784

Fundador: Antonio Páramo y Somoza; Pedro Antonio Sánchez Vaamonde; Luis Marcelino Pereira; Benito Gil Lemus; Antonio Gil Lemus

Sede: Edificio Caixa Galicia

Dirección: Praza Salvador Parga, 4 - 1º

15704 Santiago de Compostela

Coordenadas:

PáxinaWeb: www.economicadesantiago.org/institucion_rseap.aspx

Entidade Superior:

Fundación

No ano 1783 os fundadores da Sociedade Económica de Santiago, presentáronlle unha petición ao Consello de Castela, dirixíndose ao monarca Carlos III o 13 de decembro de 1783, co propósito de fundar unha Sociedade Económica de Amigos de Galicia, título que logo foi substituído pola Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. A solicitude foi favorablemente aceptada polo rei e polo Consello de Castela que, o 22 de decembro, acordaron ordear ao alcalde e ao Concello de Santiago que lle facilitasen á Sociedade Económica un local da dependencia das súas casas consistoriais onde puidesen reunirse, celebrar as súas xuntas e, ademais diso, solicitaron ao deán e ao cabildo catedralicio a súa colaboración coa Sociedade.

Malia que nun primeiro momento o Concello deu moitas largas, a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago inaugurou as súas actividades o 15 de febreiro de 1784. Foi fundada por Antonio Páramo e Somoza (1731-1786), canónigo e cardeal da Igrexa de Santiago e Reitor da Universidade; por Pedro Antonio Sánchez Vaamonde (1749-1806), canónigo do Cabildo de Santiago, Catedrático de Retórica e Teoloxía da Universidade; e por Luis Marcelino Pereira, Mestre de Artes na Universidade e catedrático de Matemáticas, entre outros. Nos seus inicios, foi rexida polo canónigo Antonio Páramo e Somoza, que ao morrer en 1796 deixou a entidade solidamente establecida, cun número de socios en torno aos 400 entre os que estaban: nobres, alto clero, catedráticos, artistas, burguesía comercial….

Finalidade

A finalidade das Reais Sociedades Económicas de Amigos do País era difundir as novas ideas e coñecementos científicos e técnicos da Ilustración, converténdose en instrumentos do reformismo borbónico.

Dende o momento da súa constitución, a Real Sociedade de Santiago desenvolveu unha importante labor docente, identificándose coas aspiracións xenerais de Galicia e coas particulares de Santiago, contribuíndo cos seus múltiples informes e memorias, coas súas exposicións e congresos ao fomento e desenvolvemento das artes, a industria, a agricultura, as comunicacións e a cultura na rexión.

Actividades académicas

As primeiras ensinanzas establecidas pola institución no ano 1785 foron a Escola de Primeiras Letras para difundir a instrucción pública e a Escola de Fiado.

Posteriormente, no ano 1834, seguíronlle a Academia de debuxo, aritmética, xeometría e química das artes, arquitectura, moldeado, fiar ao torno, calceta, encaixes e costura… E no ano 1862 creouse a Escola de Adultos, para ensinar a leer, a escribir e a contar.

No Ateneo Popular impartíase física, economía política, historia de España, historia natural, xeografía, hixiene e francés e no ano 1877 creouse a Escola de Música.

A finais do século XIX a Sociedade Económica atopábase nos locais de San Clemente e no mosteiro de San Martiño Pinario.

Xa no século XX, creouse a Escola de Administración, na que se impartían clases de Mecanografía, Taquigrafía, Ingles e Cálculo, e Contabilidade; a Escola de Música, que se convertíu en Conservatorio de Santiago dende 1953 e estivo vinculado á Real Sociedade ata o ano 2005; e por último creouse a Escola de Vidriería Artística.

Ademais, estableceuse a Cátedra de Agricultura e desenvolvéronse estudos para o fomento da pesa e a agricultura en Galicia dende o ano 1785; outorgáronse préstamos e premios para establecer fábricas de mantelerías e de espellos; realizáronse informes sobre a agricultura, a pesca, a gandeiría, para as vías de comunicación, como a implantación do ferrocarril en Galicia; e tamén se elaboraron os estatutos e fundación da Caixa de Aforros e Monte de Piedade en Santiago entres os anos 1877 e 1880.

Influencia na sociedade compostelá

A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago foi moi importante na dinamización e modernización da cidade e tamén da comarca, especialmente no século XIX, promovendo iniciativas que reactivaron sectores primordiais como a agricultura, a gandeiría, a industria, a pesca, a administración e a cultura.

En concreto, a Sociedade Económica promoveu en Santiago a celebración dunha exposición Agrícola, Industrial e a Artística, en 1858 como método para a modernización destes sectores e coincidindo coa visita a Santiago da raíña Isabel II

Cabe sinalar que, a Lei electoral para senadores do ano 1877 concedeulles así importancia ás Sociedades Económicas de Amigos do País, ao comprendelas entre as corporacións públicas que tiñan dereito a designar senadores, distribuíndo para estes efectos a esas sociedades en cinco rexións.

Ademais, as actividades da RSEAP de Santiago tiveron unha colaboración co Concello, a Universidade, o Seminario Conciliar, bispos de distintas dioceses, o cardeal, o arcebispo e mesmo o rei Afonso XII, que chegou a presidir unha sesión extraordinaria desta sociedade. Deste xeito, amais das reunións públicas patrocinadas pola Real Sociedade Económica de Santiago coa asistencia de diversas autoridades, tamén destacan as exposicións rexionais ou a fundación e inauguración de escolas.

Asimesmo, o Concello e a Universidade fixeron partícipe á Real Sociedade dos festexos e reunións organizados por eles, actos nos que a Real Sociedade cooperaba dándolles notoriedade coa organización de xogos florais, exposicións de gandos e produtos agrícolas, así como exhibicións de museos, que amosaron a integración da Real Sociedade na vida local.

Galardóns

A RSEAP de Santiago foi coñecida por organismos estranxeiros e foi invitada a asistir a exposicións universais en distintos países, recibíndo tamén un título honorífico pola Sociedade de Economía Política de París.

En 1984 a Sociedade celebrou o seu bicentenario con varias conferencias e unha convocatoria dun premio literario

O 27 de decembro de 1990, o Concello de Santiago concedeulle á Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago a Medalla de Ouro ao Mérito Cidadán e Diploma.

Ademais, coincidindo co Ano Santo de 1993, convocou un Congreso de Reais Sociedades Económicas de Amigos do País o 26, 27 e 28 de Setembro, ao que convidou a tódalas reais sociedades existentes no momento.

Asimesmo, o 24 de febreiro de 1998 foi declarada de Utilidade Pública por Orde ministerial.

Ubicación

Ao longo da súa historia, a Sociedade non tivo un lugar propio. De feito, moitas veces, a Real Sociedade atopouse coa traba de non dispoñer de locais acondicionados e o suficientemente grandes para desenvolver as súas actividades, sobre todo das escolas.

No ano 1784, comezou a ter reunións no Concello de Santiago e tralos seus inicios no propio Concello, no ano 1821 trasladouse ao Edificio da Inquisición e tamén a uns locais do Mosteiro de San Martiño Pinario, onde en decembro de 1861 se dispuxo provisionalmente que se lle cederan un local para a súa instalación, malia que aínda era reducido.

No ano 1883 logrouse o seu acondicionamento no edificio San Clemente (actual edificio Rosalía de Castro), onde permanecería ata 1944, cando se ordeou o seu desaloxo para destinar o edificio ao instituto feminino. Deste xeito, concedeuselle provisionalmente á Sociedade a súa instalación nas aulas do Instituto Xelmírez, ata que en 1955 se instalou nun edificio propiedade da Caixa Galicia, onde aínda se atopa na actualidade, situado na Praza Salvador Parga Torreiro, que fora presidente da Sociedade entre 1876 e 1884.

Bibliografía: